O río Xallas prefire camiñadas e non minicentrais
Atendendo á convocatoria de Adega e da Plataforma na Defensa do Río Xallas, máis dun centenar de persoas celebraron na xornada de onte un roteiro ecolóxico, cultural e reivindicativo dende Olveiroa (Concello de Dumbría) ata Arcos (Concello de Mazaricos).
Ademais da clara idea de disfrutar da paisaxe única e salvaxe, ao longo do traxecto varios compañeiros foron explicando aos asistentes as intencións da Xunta e da empresa Ferroatlántica de construír tres novas minicentrais eléctricas nun río xa saturado de encoros. Ademais tamén se dou conta da nova agresión que se plantexa para o entorno do río Xallas, da Devesa dos Anllares e do Monte Pindo, onde se pretenden construír 3 parques eólicos, cercando e destruíndo estas paraxes naturais únicas.
A marcha foi unha festa sen perder en ningún momento o ton reivindicativo. Sobre as dúas os camiñantes chegaron á Devesa dos Anllares, onde se adentraron nas profundidades da fraga e disfrutaron dun xantar a ritmo dos versos de Pondal.
De aí enfocaron o treito final do roteiro, que rematou moi preto do encoro de Santa Uxía, á altura do lugar de Arcos. Finalmente colleron un bus rumbo ao mirador do Ézaro en primeiro lugar, e finalmente ao pé da fervenza do Xallas, onde moitos dos asistentes tiveron a oportunidade de darse un baño e disfrutar da recentemente liberada fervenza do Ézaro.
As entidades organizadoras califican o acto de "éxito rotundo". Así mesmo xa traballan nun novo roteiro, desta volta polo río Castro, ata conseguir que a piscifactoría Tres Mares libere o treito final do Castro.
Novas relacionadas
- I Roteiro polo Xallas: Unhas 100 persoas participaron no roteiro ecolóxico e reivindicativo polo río Xallas.
- A Xunta recoñece o traballo de Ríos con Vida para liberar o Xallas.
Máis novas
- III Encontro Monte Pindo: O Monte Pindo volverá ser o punto de Encontro.
- Abrindo novos sendeiros no Monte Pindo.
- De barranquismo polo río Miñóns.
- A Fiscalía denuncia a desecación do río Castro pola maior piscifactoría de España.
- 3 novos parques eólicos ameazan o Monte Pindo.
- Recunchos da Costa: Devesa dos Anllares.
Fonte
- Nota de prensa da Plataforma Salvemos o Río Xallas.
- Fotos de Manuel Vilar, da Plataforma Salvemos o Río Xallas.