Venres. 26.04.2024
El tiempo

Xaime Trillo (BNG Dumbría): "En 40 anos de goberno non se aprobou un Plan Xeral, nin hai normas subsidiarias nin rede de saneamento"

Xaime Trillo preséntase, ben arroupado, como candidato do BNG de Dumbría. Nun momento que pode ser de cambio, tralo relevo do alcalde máis lonxevo da Costa da Morte, Trillo busca recuperar a presenza do BNG no pleno de Dumbría, onde non conta con representación dende 2003.

Xaime Trillo Candidato bng dumbria 2023
Xaime Trillo
Xaime Trillo (BNG Dumbría): "En 40 anos de goberno non se aprobou un Plan Xeral, nin hai normas subsidiarias nin rede de saneamento"
  • QPC: Acabou a época de Pequeño. Pero tamén a do PSOE en Dumbría?

Que se acabara a época de José Manuel Pequeño está por ver. Simplemente non é candidato á alcaldía. Esas son cuestións internas do seu partido que nós non sabemos. Un partido que, polo menos na nosa comarca aposta bastante polas dinastías. Nós estamos traballando moito para que a nosa organización, o BNG teña os mellores resultados posibles..

 
  • QPC: Que valoración desta lexislatura?

Esta lexislatura foi como todas as anteriores. En corenta anos de goberno non se aprobou un Plan Xeral, nin hai normas subsidiarias nin rede de saneamento. Vendeuse o territorio ás eléctricas pero iso non se nota na nosa tarifa. Non hai un reparto equitativo e responsable do orzamento, pois moitas aldeas están abandonadas... Eses son só algúns datos do balance.

 
  • QPC: Que cousas fundamentais quedaron por facer?

Pois co anterior chegaría para demostrar que a xestión non é positiva. A problemática demográfica é común ao noso rural, pero en Dumbría a situación é alarmante. Que non exista un plan xeral ten moito que ver. E hai moito abandono nas aldeas. Nós pateamos estes días o concello e falamos coa xente. Hai moito descontento..

 
  • QPC: Como pode O Ézaro vivir e sobrevivir ao mesmo tempo da invasión turística?

Sobre o turismo no Ézaro salientaría que agora se presume dos miles de visitas á fervenza, pero non se di que fai anos, grazas ás organizacións e á xente que nos mobilizamos polo cumprimento da lei, pois Medio Ambiente esixía un caudal mínimo, temos fervenza. E outra cousa que tamén quero salientar é que se fan inversión elevadas en mobiliario urbán pero as augas están sucias por falta de saneamento, e despois presumen de boa xestión en turismo e medio ambiente.

 

  • QPC: Cales son as novidades e os puntos fortes da vosa candidatura?

Ademais do programa que elaboramos e que imos cumprir se os veciños nos apoian, para nós é fundamental o parecer da xente. Seguiremos pateando as aldeas, unha por unha, despois das eleccións para ver cales son as necesidades máis básicas. Hai que darlle para adiante a todo canto non se fixo estes corenta anos..

Lista do BNG Dumbria 2023

  • QPC: Menuda aposta esa número 2, non? Como convences a unha moza tan preparada para meterse na lama da política municipal?

A Alba Cambeiro non fun eu quen a convenceu. Falou ela comigo. E tampouco a convencin para poñerse en política. Ela xa estaba en política. O activismo é outra forma de facer política. Dende o primeiro día púxose a traballar. É unha persoa moi activa e comprometida. Pero a outra xente da candidatura tamén está a traballar duro estes días..

 
  • QPC: Cal é o voso proxecto para o concello?

Nós queremos un concello aberto e participativo. Absolutamente transparente. Un concello no que a veciñanza decida sobre o orzamento municipal. Un concello que conte con algo tan básico coma un centro de día e con centros sociais abertos para que a veciñanza poida socializar. Imos apostar polo rural e polo medio ambiente, con saneamento integral, cunha feira municipal de productos agrícolas e con rede de comunicacións en todas as aldeas.

programa BNG Dumbria 2023

Comentarios