venres. 06.12.2024
El tiempo

A retranca, polas veas de Fisterra

A retranca, polas veas de Fisterra

Foi o oitavo ano que participamos como xurado, e cada ano quedamos máis marabillados da arte que hai en Fisterra. A mordacidade, a retranca fisterrá, vai nas veas, ten que ser xenética como apuntaba ao comezo, e como demostra, unha parella de pai e filla que representa á perfección, que é Fisterra. Falamos de Roberto Traba e a súa filla Adriana, os paiasos presentadores máis simpáticos que en calquera “show”.

Entroido de Fisterra 2015-Roberto e Adri Traba Entroido de Fisterra 2015-Pavillon ateigado

I é que o Entroido de Fisterra é un espectáculo con todas as letras. O pavillón, ateigado con máis de 1.500 persoas (xa dúas antes do comezo!) foise transformando ao longo da noite do Martes de Entroido, pois polo famoso Concurso de Comparsas, pasaron tres circos, unha mariscada, un plató de televisión, un libro da selva…

Foi unha cita completa: arrincou reivindicando a arte e o Entroido fisterrán (de feito houbo quen solicitou un xurado local, a pesar de que este ano xa se substituíron dous xornalistas por unha artesá e unha maquilladora da vila do Cristo). Fíxose toda clase de bromas (pero ata chegando a dubidar da orientación sexual do político de turno) sobre o goberno local e a oposición, sen distinción. Meteuse moita caña a nivel estatal, contra políticos e banqueiros, cambiando iso si, a aparición do BNG pola irrupción de Podemos. Fíxose unha defensa dos sectores máis importantes a nivel comarcal, como é a pesca. E todo, aderezado de baile, fermosísimos e traballados disfraces e posta en escena, e, como non, moita retranca.

Impresionante disfrutar de 6 comparsas cun nivel espectacular, digno de Broadway ou de calquera tele. Divertídismo ver á corporación municipal recibindo “piropos” toda a noite… “Teño lombo abondo”, bromeaba o teniente alcalde antes de empezar, un Santi Recamán que foi tan protagonista como o alcalde, Traba Sparrow, o “corsario” (que non “pirata”) fisterrán que, como xa é tradición, arrincou o entroido co seu discurso rimado.

Os campións, por unanimidade

Entroido de Fisterra 2015-Los Ninos con Rodrigo

Arrincaron o Entroido Los Niños del Coro, que o  ano pasado quedaban 4ª, este ano arrasaron, demostrando que o Entroido de Fisterra ten unha canteira máis que fiable. I é que a meirande parte da comparsa eran cativos, como o pequeno Rodrigo Casais, o Rei do ano pasado que estivo, de novo, espectacular, facendo do Pequeno Nicolás, outro dos protagonistas do entroido, xunto á Pantoja…

Co seu Circo do Sol, reivindicaron a xente do mar, e que “o pueblo se veña arriba coa xente nova”, recordando o gran traballo que fixeron na Festa do Longueirón do verán, na que participou toda a vila, “agás a Concellería de Cultura”.
Tiveron tempo tamén para acordarse do finado Patrimonio Europeo, do tempo de promesas inútiles no que nos atopamos polas eleccións. E mesmo se pararon na parella de moda, como non, alcalde e teniente alcalde, que se enfadados, ou amigos…

E coidado, que se meteron ata co cura, e iso que a comparsas do Vaticano do ano pasado trouxera cola… Para eles foron os 1.500€ do primeiro premio!

Entroido de Fisterra 2015-Los Ninos del Coro

Dende Gures, de paiasos

Entroido de Fisterra 2015 - Decirconada de Gures

Bo exemplo do nivelón que houbo este ano no Entroido fisterrán son estes de Gures, que chegaban coa súa Decirconada, e quedaron de 6º. Pero estiveron fabulosos, auténticos, nivel profesional de paiasos e clown. Claro, fallaron as letras, pois a obra foi muda, e a retranca nas votacións é clave.

Recordaron asuntos históricos da vila do Cristo, como o inacabado Cemiterio de César Portela, ou a mítica “caza ao peregrino” dalgunha brava señora. Gustounos e moito, e os máis pequenos riron a rabiar.

O Sálvame DeLires

Entroido de Fisterra 2015-Salvame De Lires

De circo pasamos a TV Show. Chegou “JorgeJavier” cun programa de televisión preelectoral, na comparsa que o ano pasado quedou subcampiona con esa sátira do Vaticano que tanta repercusión xerou. Con el, os “dous grandes culpables da desfeita económica actual”: o “Partido Copular”, con Mariano Rajoy e Zaira Rodríguez á cabeza; e o “Partido Sociolisto”, con Pedro Sánchez e Marisol “Solteira”, como representante comarcal. Estaba tamén Pablo Iglesias cos de Podemos, andaba Xan García por aí solto… E “o BNG… xa son poucos e vai o Oca por aí picando…” Boísimo detalle, deixando claro que se meten ata consigo mesmos, tendo en conta que o propio Serxio Domínguez, o “Jorge Javier”, é o voceiro comarcal do BNG.

Auténticos estiveron os protagonistas. Ese “Y tú más!” en clave de rima, ese “díxolle a pota ao caldeiro” foi fantástico. Auténtico o blues-rock da Corrupción, "dereiriño a prisión". Tocaba publicidade e apareceu “O Rato” para pedir “confianza en Bankia… Tremendo… E dando paso ao “Roubando”, o tema de Enrique Iglesias que tivo varias versións este ano. De corrupción falouse moito, e de “todos os políticos á cárcere” tamén. E foi Pablo Iglesias o que pechou a actuación co “Poderán quitarnos os votos, pero non nos quitarán… O Pacharán”, mentres soaba a revolución de Ska-p, e antes do xa mítico “Tic-tac-tic-tac”.

Os de Lires levaron o 4º premio.

Tortugas y peces, máis canteira

Entroido do Fisterra-Tortugas y peces co Libro da Selva

Na 2ª posición quedaron os campións do ano pasado. Tortugas y Peces demostraron de novo que Fisterra ten canteira. Trouxeron unha posta en escena e uns maquillaxes perfectos, para facer “O libro da selva”. O protagonista, un “Mogli” que quería ser alcalde, pero xa se deixaba corromper antes de empezar e non sabía onde arrimarse. ”Para gobernar, nada de traballar”, esa lección do goberno de turno xa aprendeu mesmo na selva…

Lembraron a Biblioteca, a Casa da Cultura, o Centro de Saude, o PXOM (grandiosa a versión de Queen do “PXOM Must Go on”), o Plan Director do Cabo… Criticaron a mítica carretaxe de votantes, os recortes en sanidade e educación, e os subornos, de feito o xurado recibimos un suculento sobre… E non quixeron marchar sen falar das comilonas, pero este ano, en vez do alcalde foi o teniente alcalde o protagonista. Un Santiago Recamán, que segundo o visto no Entroido, podería ser xa un gran candidato á alcaldía, pola fama que leva collendo nos últimos tempos.

Unha de marisco

Entroido-de-Fisterra-2015-Os-da-Charca

Era o primeiro ano e chegan para quedar. Os da Charca, que remataron en 5ª posición, comezaron dando conta de que as redes sociais xa están moi presentes na nosa vida (i é que son mostra da arte nova fisterrá, pois todos os integrantes tiñan entre 5 e 16 anos, excepto as dúas organizadoras), e quixeron valorar o esforzo de montar unha comparsa. O protagonista foi #OSantiaguiño, un marisquito pequeno facendo dese “Santiago que quere ser alcalde pero o alcalde non lle deixa”. Tiveron verbas para a carretaxe, para a vagancia de “gobernar, moito mellor que traballar”, para os hippies de Mar de Fóra, para o Centro Médico, para a atalaya, o alumeado do paseo de Sardiñeiro… Moitas obras que seguen sen facerse. Ata lle deron un Centolo ao alcalde, que gusta moito de comer no bar do mesmo nome, aínda que non sabían moi ben se prefire “carne ou peixe”…

Ademais, foi o mariscador Recio o Rei do Entroido 2015.

Entroido-de-Fisterra-2015-O-marisco-o-Rei-do-Entroido Entroido-de-Fisterra-2015-A-Raina-do-Entroido

A Comarca de Fisterra en Dumbría

Entroido-de-Fisterra-2015-Buxantes-Calidade-Paiaso

Xa son da casa. Buxantes Calidade xa leva moitos anos no Entroido Fisterrán e cada ano supérase. A posta en escena do segndo Circo do Sol da noite, cun paiaso de 5 metros… Arrincaron con gran César Ferrío, facendo de señora da limpeza, falando mesmo en “fistirrán”. “Pouco teño que limpar iquí, pois o despacho do Secretario xa o limpou a Polisía, o de Traba pouco se usa… menos cando chega de tana… ai que resaca…”

Das bromas deron paso a un verdadeiro espectáculo de acróbatas e baile. Grandes coreografías e moita arte nas pequenas dumbriesas, para levar o 2ª premio da noite.

Entroido-de-Fisterra-2015-Buxantes-Calidade-2

Aínda nos queda a cita co Enterro do Polbo

Unha noite perfecta, ideal, completaba co triunfo dos peques da casa, Los Niños del Coro.

Pero non esquezades que aínda queda o Enterro do Polbo, no que o bo de Roberto tanto está traballando. A cita será o sábado 21, a partir das 17:00h, a comitiva fúnebre partirá do porto dirección á Praza da Constitución, onde se celebrará, a partir das 18:00h, o funeral. De aí ao porto de novo, finalizando na praza da Ribeira, onde se procederá á queima e ao enterro.

Entroido 2015

Máis novas

Fonte

Comentarios