O BNG achegouse ao Faro Fisterra para reivindicar o Día da Patria Galega.

BNG da Costa da Morte adiantou a súa celebración do Día da Patria Galega cun acto público celebrado este mércores 23 de xullo no Faro Fisterra. A voceira municipal do BNG na vila do Cristo, Tereixa Fernández, presentou un evento que contou coas intervencións do responsábel comarcal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez, e do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
O acto foi unha chamada a participar na manifestación nacional do 25 de xullo en Compostela, convocada como cada ano pola organización nacionalista.
Ao Faro Fisterra acudiron varias ducias de persoas, entre os que se atopaban cargos nacionalistas comarcais e dos distintos municipios da bisbarra, ademais dos alcaldes do BNG de Zas e Corcubión, e da alcaldesa de Fisterra. Foi despregada unha bandeira patriótica galega de considerábeis dimensións, e ao remate os asistentes entoaron o himno galego.
Durante o acto, Xurxo Rodríguez destacou que "a Costa da Morte segue a ser unha das mostras máis claras da falta de planificación e respecto co noso territorio e de falta de respecto a todas as persoas que viven na comarca".
"A autovía que nunca chega, que remata en ningures, que deixa fóra vilas enteiras, e que veñen a facela a retais facendo corredores trampa e a xerar novos problemas de tráfico”, sinalou o responsábel comarcal do BNG, que incidiu en que “a falta de infraestruturas provoca que a nosa xente non poida desenvolver a súa vida nas vilas en que naceron; isto, xunto coa falta de transporte público eficiente, son feridas abertas na nosa comarca, xa castigada pola emigración e polo esquecemento dende a Xunta do PP e o Estado español do PSOE”.
Rodríguez denunciou que “a sanidade pública está a ser desmontada aos poucos, con centros de saúde na nosa comarca sen pediatras, listas de espera de meses, urxencias colapsadas, e unha atención primaria na UCI da que non dispoñemos no hospital comarcal de Cee”.
“Con todo isto o que están a conseguir é o despoboamento das aldeas, convertido este despoboamento nun fenómeno estrutural que nos xera novos problemas como a turistificación, convertendo as nosas vilas en parques temáticos cheos de vivendas turísticas e que xeran novas problemáticas aos nosos concellos como o aumento dos prezos dos alugueres e do prezo das vivendas”, manifestou o responsable nacionalista.
Néstor Rego
Pola súa banda, Néstor Rego destacou a “carta de presentación limpa e clara” da formación nacionalista fronte aos lamentábeis episodios do bipartidismo estatal. Lamentou que estes casos estean a producir certo descrédito na representación política, mais anima os galegos e galegas a confiar nunha formación como o BNG como “unha alternativa sólida e de futuro para a Galiza”, apoiada no “traballo honrado, incansábel e desinteresado de todas e todos os seus representantes”. En máis de corenta anos de historia, recordou o deputado, o BNG presenta unha hemeroteca limpa de corrupción e cunha folla de servizo na defensa dos intereses dos galegos e galegas.