O Entroido de Fisterra, entre a tradición, a innovación e a retranca
Xa é unha realidade o relevo xeracional no Entroido de Fisterra. É un verdadeiro gusto ver que dos máis de 200 participantes (verdadeiros actores, bailaríns, acróbatas, humoristas…) o 99% non chega aos 30 anos. Un Entroido que segue demostrando unha potencia secular, deixando un espectáculo difícil de explicar fóra das nosas fronteiras.
Esa espectacular posta en escena, cuns disfraces que son pura artesanía e unhas coreografías movidísimas; esa coplan en clave de retranca feita tradición, fan do Entroido de Fisterra un valor patrimonial mundial. Un Entroido que vive, co relevo, momentos de cambio, como o refrendou a aposta dos máis novos, "Os da Charca" (vencedores xa o ano pasado), onde palabras como feminismo ou inclusión, apareceron por primeira vez nas coplas. “O Entroido de Fisterra é outra cousa”, pensaron moitos dos presentes. O Entroido de Fisterra o deciden os actuais protagonistas, e moitos xa son doutra xeración que son capaces de sacar un pouco a cabeza da sátira local.
E ollo, que a sátira, a ironía, a acidez política segue sendo a verdadeira salsa deste Entroido. Ver á rapazada cantarlle as corenta á corporación municipal é algo verdadeiro, auténtico, que serve de purga democrática. Moito máis nestas datas, pois a proximidade do 26 de maio, fixo que as Eleccións Municipais empapasen boa parte do gran concurso de comparsas fisterrán.
A corporación municipal sempre recibe paus por todas partes
Os Enjominaos de Cee no Entroido de Fisterra de ABBA
Dirixido polo mago Cayetano Lledó, que sufriu o feito de ser un mero trámite entre comparsa e comparsa, o Concurso arrincou cos Enjominados de Cee, cun baile en clave ABBA realizado por un grupo de rapaces que non pasan dos 9 anos. Á fronte, ese grupo de nais retranqueiras que ademais de lanzar algún que outro dardo, asumiu, tamén con retranca, a realidade de ser a 4ª comparsa do concurso, case servindo de teloneros.
Cando saíron “Os da Charca” pareceu como se o pavillón se convertera nun teatro da Gran Vía. A emoción palpábase nesta mestura de tradición e innovación, baseada na historia dun rapaz que aprende a historia do entroido fisterrán da man da súa avoa. Coplando en clave de muiñeira, non faltaron o de “todos os políticos son iguais”, un mantra para os artistas da terra, e que “Fisterra é un concello sen gobernar”.
Pero tamén houbo palabras como loita medioambiental, reivindicación social ou feminismo, palabras nunca antes ditas no Entroido da vila do Cristo. Ata en lingua de signos coplaron os da Charca, feito que lles serviu para que Cadixa levase o premio á Raíña do Entroido, ademais de sumar o 2º premio do concurso.
Cadixa Raina do Entroido de Fisterra 2019
Moi preto quedaron dos campións, “Os Trotamúsicos”. O xurado, composto polo mestre Manolo Canosa, a deseñadora herculina aficanda en Fisterra Ángeles, e os reporteiros Juan Ventura (La Voz), Pepe Formoso (Radio Nordés) e Ubaldo Cerqueiro (QPC), tivo unha apretada votación con disparidade de opinións, resultando finalmente gañadora a obra televisiva dos Trotamúsicos.
Ataviados de indíxenas, o guión do espectáculo consistía nun programa de TV, LaVox, que serviría para escoller o mellor político, o que vai gañar as eleccións. Miguel do Kiko, Lorenita, Puyol e Carlos do Atrio estiveron xeniais nas súas rimas meténdose unha e outra vez con cada un dos tres políticos de referente (o alcalde socialista Pepe Marcote, o teniente alcalde nacionalista Kuka Sar, e o voceiro do PP, José Manuel Traba).
As versións de cancións míticas con temática fisterrá volveron a traer a idea do “Concello da ineficacia”, mesmo tendo que escoller como mellor político… a Santi, “o meu pai”, anunciaba o seu propio fillo, dando conta da volta do que foi teniente alcalde de Traba que deixara o grupo antes das anteriores municipais.
Os Trotámusicos quedaron campións do Entroido de Fisterra, Lorenita recolleu o premio premio a mans do alcalde Pepe Marcote
A noite foi pechada polo Olimpo dos deuses gregos, facendo referencia á necesaria crítica social de cada democracia, dos “Tortugas y Peces”. Comandados por un gran Germán Martínez Traba, que volvía á escena e que volvía gañar o premio de Rei do Entroido. A súa versión de Queen vestido de Zeus pasará a historia do entroido, lamentando que en inverno Fisterra estea “Todo serrao”. Mariola tamén dou conta da súa arte, criticando que falten as festas de sempre, e que se aposte polo blues.
Deixaron tamén os Tortugas y Peces un recado para as novas xeracións, ridiculizando a aposta pola ximnasia rítimica nas actuacións dos grupos máis novos.
En todo caso, a festa do Entroido de Fisterra segue sendo un dos eventos culturais e festexeiros máis singulares de cada ano na Costa da Morte. Haberá que ver por onde evoluciona. Pero… que a escencia non cambie.
Arriba Germán Martínez Traba ao piano, e abaixo os Tortugas y Peces recollendo o terceiro premio da man do teniente alcalde Franco
Kuka Sar, de Franco conxelado
Novas do Entroido Fisterrán
- 2019: O relevo xeracional asegura o futuro do Entroido na Fin do Mundo.
- Entroido Fisterra 2018: O Entroido de Fisterra, máis sagrado que a Resurrección.
- Entroido Fisterra 2017: As comparsas agudizan a crítica en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2016: O gran Entroido “peatonal” de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2015: A retranca, polas veas de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2014: A copla ten canteira no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2013: A copla sobrevive no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2012: Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2011: “Un Entroido que vale un Imperio”.