O Fisterra Blues Experience comeza con contos en Sardiñeiro
Este domingo comezan en Sardiñeiro (O Rumbo) as actividades do Fisterra Blues 2019, organizadas en colaboración coa asociación cultural Sardiñeiro É Vida. Ás 18 horas terá lugar un contacontos-obradoiro para familias titulado “Sira e a Illa”, e ás 19 horas terá lugar unha conversa arredor do mar coa xente de Sardiñeiro.
Blues a Bordo
Por outra banda, veñen de poñerse á venda a través de Internet as entradas para o Blues a Bordo (concertos en barco pola bahía e o Cabo Fisterra), que nesta ocasión se duplican, con catro viaxes: unha o venres e tres o sábado 29. E tamén se puxeron á venda os BLUS, unhas chapas ao prezo de 5 euros para colaborar co festival. O Fisterra Blues segue a ser un evento de balde (agás os concertos en barco), mais os que leven o BLUS, ademais de comprometérense coa sostibilidade do festival, terán importantes vantaxes, como entrar en sorteos para conseguir unha Harmónica Seydel (modelo C.A. Seydel Sohne). Podes facerte cun BLUS no propio festival ou mercándoo online en Eventbrite ou Ticketea.
Finde de blues
O Fisterra Blues Experience regresa do 28 ao 30 de xuño nunha terceira edición na que haberá artistas internacionais como Rockin’ Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión); destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket, Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros.
Unha das estrelas desta edición será Marcos Coll, o galego agora residente en Berlín, líder de bandas como Los Reyes del KO ou The Mighty Calacas. E a Fisterra virá cunha banda internacional moi especial: Emiliano Juárez (México) á guitarra, Daryl Taylor (EEUU, baixo e voz) e Aine Fujioka (Xapón, batería).
Slam poética, homenaxe e roteiro sonoro
Antes de cada concerto, a modo de previa, haberá unhas intervencións poéticas de autores da Costa da Morte. A idea é conectar a poética galega co blues por medio de lugares comúns, como poden ser a temática da que tratan: A nostalxia do tempo pasado, a perda, o amor, a terra, a morriña, a viaxe, etc... Un diálogo entre dous poetas, a modo de verso. Os poetas participantes son, por parellas. David Creus - Estevo Creus; Suso Bahamonde - Álex López; Rosalía Fernández Rial - Elena Busto; e Leo Kch - María Lado.
Ademais, dúas presentacións de libros, un concerto didáctico do harmonicista Emilio Arsuaga, unha homenaxe a Lazy Lester (lenda do blues que participou na primeira edición do festival e faleceu o ano pasado), e un Roteiro Sonoro pola vila da man do músico e escritor Xurxo Souto.