Quizais as primeiras fotografías do Faro de Fisterra
A pesar de que coido que son as fotografías máis antigas do faro de Fisterra, non o son tanto se pensamos que no intre en que foron realizadas, 19 de decembro de 1888, o faro levaba máis trinta e cinco anos en funcionamento e a posibilidade de reproducir a realidade mecanicamente iniciara a súa andadura nos anos trinta do mesmo século XIX. Cando en 1853 se rematou a obra que daba acubillo ao sinal luminoso de guía e salvagarda marítima, a fotografía atopábase plenamente consolidada e ata en Galicia estaba dando os seus primeiros pasos que ao remate dese decenio se traducirá na existencia de varios profesionais, con estudio fixo ou ambulante, exercendo esta arte cargada de futuro.
O tema no que vou adentrarme ten como protagonistas aos faros e á fotografía, dúas creacións do espírito humano que na súa orixe comparten un mesmo elemento: a luz. Sexa esta emanada do astro rei ou ideada polo home para desterrar a escuridade do mundo.
No sistema mítico grego foi o heroico Prometeo o que lle roubou o lume aos Deuses para darllo aos homes. A realidade, algo máis prosaica, seguramente foi froito da observación continuada da natureza e dos seus fenómenos por parte dos primeiros homínidos. A conquista do lume foi fundamental para o desenvolvemento da civilización. Dende aquel momento o home tamén se podía sentir coma un Deus menor. O dominio da chispeante laparada permitíalle iluminar as tebras da noite, quentar os fríos días da invernía, loitar con arteira maña contra os depredadores, mitigar a dureza e aspereza dos alimentos ata convertelos nunhas viandas brandas, atraentes e cargadas de nutrientes que o organismo absorbía de maneira máis efectiva, contribuíndo a amplificación de tódalas súas capacidades físicas e mentais. Os cerebros foron medrando de tamaño nun in crescendo continuo que chega ata os nosos días. En concordancia con este aumento tamén o fixeron os horizontes xeográficos, económicos, culturais e tecnolóxicos. Máis de millón e medio de anos despois da apropiación do lume, as naves fenicias empezaban as súas incursións polo Mediterráneo. Debeu ser este pobo de espelidos comerciantes o primeiro que botou man do lume para sinalizar durante a noite os puntos máis perigosos das súas singraduras, prendendo cachelas no alto dos montes ou sobre torres construídas para tal fin. Así naceron os faros. Seguindo o exemplo fenicio os gregos, os exipcios e os romanos fóronos propagando polas costas dos seus dominios. Desta maneira chegaron a Galicia e, a maiores doutros exemplos peor documentados, temos dende o século II despois de Cristo na Torre de Hércules o faro en funcionamento máis antigo do mundo. Unha testemuña privilexiada da evolución dos sistemas de emisión de sinais de aviso: dende as laparadas que coroaban o seu remate ata as Lentes de Fresnel e as lámpadas incandescentes dos últimos tempos.
A luz tamén foi fundamental para a inmortalización dunha realidade concreta, é dicir, circunscrita a un espazo, un tempo e a unhas circunstancias irrepetibles. Os primeiros experimentos iniciáronse nos anos vinte do século XIX e concretáronse definitivamente a finais da seguinte década. Os investigadores NIÉPCE e DAGUERRE, primeiro por separado e despois xuntos, idearon a primeira cámara fotográfica que se presentou en París en 1839 cando xa tiña falecido Niépce. Unha caixa escura á que se lle acopla unha lente que se orienta á porción de realidade que se quere captar, unha placa de cobre prateado sensibilizada con vapores de iodo colocada no interior da caixa e sobre a que incide a luz do exterior proxectada pola lente. Despois dunha determinada exposición á luz, ao inicio bastante longa, e de someter a placa a vapores de mercurio, pouco a pouco ese anaco do mundo irase revelando para a eternidade sobre o soporte metálico.
Isto, de maneira moi sintética, só foi o inicio dunha carreira á que se sumarían moitos outros inventores con novos métodos, máis efectivas solucións químicas, a introdución do papel como soporte da imaxe, o uso de negativos e positivos, a incorporación de lentes de maior potencia,... Unha longa ringleira de innovacións que chega ata a actual fotografía dixital.
Esta longa introdución exemplifícase no caso que nos atinxe nun faro concreto, o de Fisterra, e en dúas fotografías que inmortalizan o aspecto que tiña en 1888.
Hai lugares onde o peso do pasado, mítico ou real, é abafante. Fisterra e o seu cabo pode ser un deles. Este pedregoso promontorio con decidida determinación penetra mar adiante enfrontándose ás periódicas e embravecidas acometidas do océano. Como se dun poderoso músculo que tira do resto do corpo cara un ignoto máis alá, pero cargado de atraentes gozos; así tamén este extremo sobresaínte da Nosa Terra, alleo a calquera medo, avanza impetuoso na procura dun eterno día sen solpor.
A moi especial posición xeográfica que ocupa no remate de Europa, a súa abrupta e intricada xeografía, as borraxeiras que o envolven nas demoradas invernías, a incontrolada forza do mar que impón o seu autocrático dominio en máis ocasións das desexadas, o poderoso contraste entre estas augas que se precipitan contra os rochedos e a idílica calma que a escasa distancia se goza na baía da Langosteira. Estes trazos conxuntamente con outros máis imponderables, contribúen á singularidade deste lugar.
Un lugar habitado por pobos ancestrais, os Nerios, que aquí rendían culto ao sol en altares posteriormente transformados para adorar a outros Deuses.
Un lugar conquistado por xentes de afastadas latitudes que hai dous mil anos temeron o inicio dunha noite sen fin cando contemplaron o sol fundíndose nas augas.
Un lugar no que xurdiu a rica e poderosa cidade de Duio, situada na calma da Langosteira e posteriormente asolagada pola forza das augas a causa de inconfesables pecados.
Un lugar no que, co tempo, agromou un pobo de mariñeiros feito de paciencia, austeridade e harmonía; mágoa que nos últimos cincuenta anos perdera parte do seu engano primixenio.
Un lugar visitado por camiñantes chegados de tódolos mundos coñecidos, guiados polas estrelas e polo palpitar do espírito en busca dunha verdade que só poden atopar ao final do itinerario internándose na súa propia experiencia.
Un lugar provisto dunha cama de pedra onde as parellas estériles se xunguían nun frenético e apaixonado enxerto capaz, máis alá dos seus posibles froitos, de saciar con sumo pracer os mutuos desexos nun espazo tan singular.
Un lugar protexido pola imaxe dun Crucificado traído polo mar dende non se sabe onde ata estas sublimes e estremecidas ribeiras nas xerou un culto cargado de prodixiosos milagres.
Un lugar tan agradecido ao seu Cristo que para el renovou e agrandou a igrexa de Santa María das Areas na que se funden o románico, o gótico, o renacemento e o barroco nunha simbiose cargada de personalidade.
Un lugar santificado por dúas desaparecidas capelas nas que moraban ascéticos anacoretas que nunha torre erguida no Monte Facho prendían unha inmensa laparada para honrar á Divindade e de paso avisar aos navegantes dos perigos desta costa.
Un lugar poboado por unha caste de esforzados pescadores curtidos nas derrotas máis tormentosas e impredicibles.
Un lugar cunha costa sementada de farallóns contra os que esnaquizaban numerosas naves as fortes marusías, provocando os máis arriscados e entregados labores de socorro na veciñanza.
Un lugar que tamén tivo un Alexandre que percorreu apartadas xeografías non por ansias de dominio senón para fuxir da tiranía, mais sen desexalo conquistou o mundo cun dos entretementos máis ledos: o futbolín.
Un lugar...
Se Fisterra ata finais da Idade Media fora o Finis Terrae do mundo coñecido, despois das grandes descubertas transoceánicas converteuse na vangarda de Europa, na terra máis occidental dun continente que dirixía boa parte das súas enerxías á apropiación dos xenerosos e marabillosos dons de ultramar. Se con anterioridade a este feito o trafego marítimo fora importante, agora a súa intensidade medraría de forma parella á insaciable voracidade do vello continente sobre as terras de alén mar. Este aumento continuo dos transportes por barco supuxo un importante incremento dos naufraxios acontecidos contra estes cantís tallados polas agresivas acometidas do Atlántico.
Chegado o século XIX co seu arrasador positivismo sobrado de ciencia e tecnoloxía, quixo facer desta acrópole de espiritualidade difusa, de cultos heterodoxos, de practicas incomprensibles para as mentalidades modernas; unha avanzada das novidades que a centuria traía para a guía e salvagarda dos barcos de tódalas bandeiras que vogaban fronte aos seus rochedos.
De maneira bastante imprecisa e fantasiosa xa aludín á existencia no curuto do promontorio, no Monte Facho, dunha torre sobre a que se prendía lume. A súa funcionalidade estaría orientada máis que a servir de guía aos barcos que navegaban pola zona, a ser un punto de vixilancia e aviso a outros observatorios similares sobre a presenza de naves inimigas nas costas de Galicia. Así o cre Jesús Ángel Sánchez García, ademais sitúa a súa construción no século XVII, pois con anterioridade a esta centuria ningún viaxeiro deixa constancia desta infraestrutura. De tódolos xeitos o nome do monte no que se situaba pode facer referencia á costume, xa dende antigo, de prender lume naquel lugar con ambas finalidades: guiar os barcos e avisar de posibles inimigos.
Deixando a un lado estas especulacións e centrémonos na obxectividade que ofrece a documentación. O considerable aumento dos barcos que navegaban fronte ao promontorio fisterrán, dos que moitos recalaban na ría de Corcubión ou na baía de Fisterra para aprovisionarse, arranxar eivas ou esperar mares máis calmos, provocou un número crecente de naufraxios que se producían por non contar na zona con ningún medio de guía e salvagarda marítima. Diante desta situación e despois das presións do goberno inglés, o estado español viuse obrigado a tomar medidas contundentes que arranxaran este problema. As autoridades competentes decidiron no ano 1847 levantar un faro de 1ª orde na zona de Fisterra, pero non neste cabo senón no de Touriñán. Despois do correspondente debate cambiouse este emprazamento inicial polo do promontorio fisterrán. O responsable do proxecto foi o enxeñeiro Félix Uhagón e situouse na valgada occidental do chamado Monte de Santo Uxío. Esta nova infraestrutura estaba composta por dúas estruturas de moi diferente escala e tratamento. Por unha parte o edificio auxiliar no que se atopaban as vivendas do persoal, as oficinas e os almacéns. Se nos atemos ao deseño do enxeñeiro, esta construción de unha única altura e planta rectangular articulábase arredor dun patio, Un patio ao que lle faltaba a cruxía orientada ao sur, vacío que foi aproveitado para situar a outra estrutura fundamental nunha edificación deste tipo: a torre que serve de base á lanterna da que emana o sinal luminoso. Unha torre de base octogonal e desenvolvemento troncopiramidal que non só ocupa o espazo da inexistente cruxía sur senón que, ademais de invadir parte do patio, proxecta tres das súas caras máis alá da liña exterior do edificio auxiliar polo seu lado meridional. Este primeiro corpo remata nunha cornixa de sinxelo perfil, coroada por unha varanda metálica. Sobre esta atalaia e en posición retranqueada sitúase un torreón de sección circular rematado pola lanterna. Mentres as tres cruxías que compoñen o edificio auxiliar foron revocadas e pintadas de branco deixando visible unicamente a cantería do zócalo, dos esquinais, das cornixas e dos enmarques de portas e ventás; a torre ergueuse con sólidos muros de cantería vista. O interior desta última articúlase en catro alturas, a última das cales está cuberta por unha bóveda semiesférica. Unha escaleira de caracol comunica as diferentes plantas coa terraza na que se sitúa o torreón e a lanterna. Entre o proxecto inicial e a abra materializada apreciamos sensibles diferencias que serán comentadas cando tratemos das fotografías. O faro entrou en funcionamento o 1 de xuño de 1853.
Outro equipamento que en principio estaba pensado para o faro do cabo Vilán, tamén se acabou construíndo en Fisterra. Refírome ao chamado Semáforo. Un edificio composto por un variado xogo de volumes, moi movido en planta e en altura. Foi deseñado por Joaquín López Vázquez e construíuse ao norte do faro sobre o lugar onde se cre que os antigos levantaran o ARASOLIS, é dicir, o altar no que se ofrecía culto ao astro rei. Comezou a súa actividade o 1 de marzo de 1883 e como non aparece reflectido nas fotos obxecto deste artigo, non afondamos máis nas súas características.
A dotación dunha SIRENA aprobada en 1883, convertía Fisterra na 1ª estación de guía e salvagarda marítima de Galicia. Esta nova infraestrutura arranxaba o problema causado polas habituais borraxeiras que envolvían a zona e que imposibilitaban a visión da rítmica intermitencia luminosa emitida polo faro. Neste caso a solución viña da man dun sinal sonoro: unha sirena que alertara aos navegantes da posición de Fisterra. Para a súa instalación construíuse un novo edificio ao sur do faro, a uns 26 metros do mesmo. Como o lugar escollido era de forte pendente, en vez de achandalo levantouse unha plataforma de altura decrecente e cuns sólidos paramentos en talude. Sobre esta base ergueuse un sinxelo edificio rectangular dunha planta e co tellado a dúas augas. Revocouse e pintouse de branco deixando a pedra vista nos esquinais, nas cornixas, nos enmarques da porta e das ventás e nunha especie de zocalo que delimita a plataforma do resto da construción. No seu interior situábase a maquinaria necesaria para o funcionamento da sirena e un pequeno dormitorio para que o encargado do mantemento do servizo, un dos fareiros, tivera onde durmir os días de forte temporal. A obra foi proxectada por Ángel García del Hoyo en 1885 e entrou en funcionamento en decembro de 1889.
Non rematan aquí as dotacións deste complexo: contaba dende 1883 cun observatorio meteorolóxico e a partir de 1922 cun radio-faro.
O faro de Fisterra do que sobresae a torre en 1888
E chegamos ás fotografías que ilustran e lle dan título a este artigo. Xa non foi sen tempo!!
Atopámonos con dúas imaxes desiguais: unha de formato apaisado, de 20,50x13,30 cm., na que aparece o edificio do faro e da sirena. E outra de sentido vertical, de 22,70x14,90 cm., coa representación do faro unicamente. Ambas instantáneas están pegadas a cadanseu paspartú (cartón) de 35,00x28,00 cm. Na marxe inferior esquerda do paspartú hai unha inscrición manuscrita co nome dos edificios e a data en que foron feitas as fotos: “Sirena y faro de Finisterre, 19 de Diciembre de 1888” e “Faro de Finisterre, 19 de Diciembre de 1888”. Trátase de dúas albúminas, un sistema de positivado en papel por contacto directo sobre unha placa de cristal axeitadamente sensibilizada, moi empregado no último terzo do XIX. Se o proceso se facía correctamente, non imos entrar nas súas características, os resultados ofrecían unha intensa nitidez e unha ampla gama de matices. Ademais de que non sempre se lograban estes obxectivos, as fotografías había que gardalas axeitadamente, unha exposición continuada á luz producíalle oxidación co conseguinte esvaecemento da imaxe. As fotos que publicamos hoxe co seu característico ton sepia non son alleas a esta perda de intensidade. O positivo de papel era extremadamente delgado e para favorecer a súa conservación había que pegalo a un soporte ríxido, un paspartús, de maneira semellante aos presentes exemplares. No positivo que figura unicamente o faro, na marxe inferior e en posición invertida con relación á imaxe, aparece en letra cursiva a seguinte inscrición en esvaído relevo: “FK Rives Nº 74”. Ante a miña ignorancia para desentrañar esta referencia, púxenme en contacto con CARLOS CASTELAO, un dos maiores coñecedores da historia da fotografía en Galicia. Por el souben que se trataba dun fabricante francés de papel: Blanchet Frères e Kleber que normalmente asinaba os seus produtos co acrónimo BFK. No caso que temos entre mans falta o b seguramente porque se cortou o papel entra a letra ausente e o f que se atopa mesmo no extremo inferior dereito da instantánea. A referida empresa fundada no século XVIII ten sido a máis prestixiosa de Francia, producindo unha ampla gama de papeis de excelente calidade. Tiña a súa sede en Rives, un pequeno pobo do departamento de Isère situado ao pé dos Alpes.
Centrémonos agora en cada unha das imaxes. Como xa dixemos na fotografía apaisada inmortalízase o faro e o edificio da sirena. Este último debía estar en plena fase de equipamento, pois aínda que se ve rematado, non empezaría a súa actividade ata un ano máis tarde. O autor das fotos, que non sabemos quen foi, escolleu un punto de vista situado por debaixo dos edificios fotografados, aínda que bastante cerca do da Sirena, xerándose un forte contrapicado que magnifica a volumetría dos primeiros planos en detrimento dos que se atopan en posición máis afastada. O faro aparece moi empequenecido en relación ao edificio da sirena de tamaño moi inferior. Outro efecto secundario desta toma tan forzada é a perda de profundidade. A Sirena a pesar de estar a uns 26 metros do faro, danos a sensación de que practicamente nom hai ningunha distancia entre as dúas construcións.
No edificio da Sirena podemos apreciar a firmeza da plataforma cos paramentos en talude para reforzar a solidez de toda a estrutura edilicia. Do tellado vemos sobresaír a cheminea da caldeira da dotación interior, e en primeiro termo a bucina de forma arqueada. Máis tarde sería substituída por outra con dúas saídas que semellaban os cornos dunha vaca. A esta asimilación tamén contribuía o característico bruar que emitía, e segue emitindo, ata ser coñecida popularmente como a VACA DE FISTERRA.
A fotografía de formato vertical na que se plasma o aspecto que tiña o faro en 1888 visto dende o lado sur, repite o forte contrapicado da xa comentada, mais nesta ocasión ao centrarse nun único edificio evítanse os grandes contrastes que apreciabamos na imaxe anterior. Esta instantánea posúe unha perfecta simetría na que a torre do faro se eleva no centro do encadre. Unha torre na que evidenciamos a calidade da cantería coa que foi construída, a plasticidade da cornixa coa que remata, o xogo que mantén esta última coa que, de menor proxección, ponlle cabo ao torreón que serve de base á lanterna. Temos que resaltar tamén a forte oposición que se establece entre as liñas de premente e levada verticalidade que marcan os ángulos, o absoluto hermetismo e a contundente fortaleza da torre; e a aérea lixeireza dos elementos que a coroan: a varanda metálica e a lanterna composta por un difuso cruzamento de vectores rematados nunha cornixa de rica filigrana á que non lle falta máis alá de semiesfera, que non vemos, un pináculo de bola para poñerlle o ramo.
Detalle no que podemos ver o grupo de persoas diante do faro de Fisterra en 1888
Para erguer o faro achandouse unha xenerosa superficie e ao remate foi acoutada por un valado no que se abriron varias entradas, unha delas é a que podemos ver na foto. Dentro deste cercado, na parte esquerda da imaxe observamos unha pequena construción de planta circular: é un pozo. Unha obra de sinxelo feitío pero de suma importancia para o desenvolvemento da vida diaria das persoas que se ocupaban do faro. Precisamente, situadas entre o pozo e o remate dereito da abertura de paso, atopámonos cun grupo de dez persoas que, polo menos, parte delas debían traballar no mantemento das instalacións fareiras. De esquerda a dereita temos catro mulleres, todas semellan levar pano na cabeza, aínda que tres delas deberon botalo para tras para lucir a cabeleira. O que non lle falta a ningunha é o outro pano, o dos ombros: cruzado no peito e atado nas costas á altura da cintura. Unha prenda de uso corrente entre as mulleres das clases populares ata ven avanzado o século XX. O seguinte na ringleira é un home cun chapeu de ala relativamente ancha e cunha moi poboada barba.
Este friso humano continúa co personaxe que está apoiado do valado cunha pose algo alambicada moi propia dalgúns retratos de estudio. O que está ao seu lado cos polgares metidos nos petos do gabán que lle chega ata os xeonllos, loce unha gorra de viseira non moi diferente á do anterior, cambia a cor e algún detalle. Lémbranme as que usaban por aqueles tempos os mariños alemáns nos días de faena e que eran coñecidas como gorras tipo Hamburgo. Seguidamente atópanse outros dous homes tocados con bombín: o sombreiro de orixe inglés que empregaban os cabaleiros elegantes da época. A verdade é que parecen os de aspecto máis coidado, o de maior altura usa gravata e ata semella levar unha flor na solapa da chaqueta. O máis baixo cun longo abrigo no que, á altura do peito, entremete a man dereita nunha pose de tesa respectabilidade. O último dos homes, dunha figura de forte corpulencia, unha barba bastante medrada e, pese ao traxe, con dous signos de clara procedencia popular: a gorra tradicional e o calzado que ten todas as trazas de ser uns zocos. Como vimos de observar a ningún dos varóns lle falta a barba e a cabeza cuberta, sexa con bombín, gorra de viseira, gorra tradicional ou sombreiro de ala ancha.
Non teño ningunha información sobre os retratados, mais dende un punto de vista sociolóxico paréceme atopar dous grupos de diferente categoría polo lugar que ocupan na fotografía: as mulleres por ser mulleres e o señor co sombreiro de ala ancha, seguramente polo súa función subalterna, están detrás do valado nunha posición máis preterida se a comparamos coa dos outros cinco señores que ocupan a entrada ao recinto nun plano lixeiramente máis próximo. Por aquel tempo, segundo informan Xosé María Lema Suárez e Manuel Vilar Álvarez, había ao cuidado do faro tres torreiros de 1º, 2ª e 3ª categoría. Un 1º e un 2º vixía acompañados de catro auxiliares mantiñan o Semáforo en funcionamento. Os fareiros era costume que estiveran acompañados pola familia se a tiñan. Supoño que cos vixías do Semáforo pasaría outro tanto. Unha parte destes operarios e algunhas donas dos mesmos atópanse no grupo inmortalizado aquel afastado 19 de decembro de 1888.
Cantos menos datos temos máis doado é botar man da imaxinación, neste sentido os dous homes de bombín antollánseme de visita, quizais por causa dalgunha operación de seguimento dos traballos efectuados na Sirena que aínda non entrara en funcionamento. Maxinar non costa nada. Se cadra esta posible visita xustificaría a presenza dun fotógrafo que deixara constancia da mesma.
Un valor nada desprezable destas fotografías, ademais de informarnos sobre algúns cambios que sufriu o edificio dende a súa construción, é a de darnos cadra das diferencias entre a obra proxectada e a materializada. Se no deseño orixinal a torre era troncopiramidal e posuía unha sucesión de catro ventás na cara central do octógono que mira ao sur; na obra construída atopámonos cun prisma de caras perfectamente verticais e totalmente opacas, agás a central do lado norte (que non vemos na foto) que foi perforada por unha porta e tres ventás seguindo, neste caso, as directrices do proxecto. A ausencia da inclinación que para os paramentos do faro dispuxera o enxeñeiro Félix Uhagón, faise notar na violenta transición entre a torre e os corpos superiores: o torreón e a lanterna.
Ao longo destes 132 anos o faro e o resto dos edificios do complexo sufriron innumerables cambios: sucesiva mellora dos seus equipamentos, ampliación de servizos, cambios de uso,... Pero o que máis me interesa é o que se relaciona directamente coas fotografías que hoxe traio, é dicir, a modificación da imaxe externa do faro. Como xa dixen liñas máis arriba e como podemos observar nas imaxes de 1888 que ilustran este texto, o edificio auxiliar tiña unha única altura da que pola súa fortaleza, a súa xenerosa altura, e o seu aspecto macizo e impenetrable moi semellante a unha construción defensiva, sobresaía a torre. Este protagonismo absoluto foi gravemente contrarrestado coa ampliación en altura do edificio auxiliar: nun primeiro momento engadíuselle unha planta máis, aumentándolle en 1922 unha terceira, aínda que esta última atinxiu unicamente á parte central da cruxía norte. En todo caso a posición sobranceira recortando a súa silueta sobre o ceo ou sobre o mar, segundo o punto de vista, sen estorbos que asoballaran o seu liderado, viuse moi minguada pola presenza amplificada do edificio anexo.
Outros cambios de menor calado foron a apertura dunha porta e dunha ventá na cara central do lado sur, e a substitución da varanda metálica que a modo de balcón protexía a terraza que se forma no remate da torre, primeiro por unha balaustrada de cemento e despois polo peitoril que aínda conserva na actualidade.
As primeiras fotografías do Faro?
Deixei para o remate algo que non aclarei ao principio: por que coido que estas son as primeiras fotografías do faro de Fisterra?
Sería axeitado empezar soltando algo de lastre e dicir que poida que non sexan as primeiras pero que, seguramente, son as máis antigas das conservadas. Fundamentamos esta hipótese nos argumentos seguintes:
Aínda que a fotografía en Galicia empezou a ter certa presenza na década dos cincuenta do século XIX, as obras que se conservan son maioritariamente retratos. As vistas paisaxísticas, xeralmente urbanas, son moi escasas. Podemos dar dous exemplos: a reportaxe que de Santiago de Compostela fai Andrés Cisneros en 1858 ou a máis tardía serie sobre Pontevedra que, en forma de álbum, editou Francisco Zagala en 1883 baixo o título de “Recuerdo de Pontevedra”. Considerándose o primeiro libro de fotos publicado sobre Galicia. En todo caso, estes e outros exemplos de menor calado, están circunscritos ás principais cidades que era onde tiñan os estudios os fotógrafos.
Tamén había algúns profesionais que se dedicaban a percorrer o país sacando fotos pero, outra volta, os retratos eran a súa principal actividade e a fonte de ingresos máis segura. De tódolos xeitos Fisterra non era un lugar nin ben comunicado, nin populoso, nin cunhas numerosas clases medias, que puidera espertar as apetencias dos fotógrafos ambulantes.
É verdade que o feito de que fora un porto de mar provocaba que un número significativo de barcos recalara na súa baía, abrindo a posibilidade de que a vila o os seus arredores puideran ser obxecto de interese para algúns visitantes. Esta circunstancia sería determinante se nos atopáramos bastante máis acó de 1888, cando os equipos de fotografía foron máis lixeiros e manexables para calquera afeccionado. Pero nos tempos aos que nos retrotraemos esta actividade era cousa de profesionais.
Teño visto numerosos repertorios de imaxes e publicacións antigas e modernas nas que se recolle moito material gráfico e nunca atopei fotografías anteriores ás que publico hoxe e que forman parte das miñas pertenzas.
Co tempo poden aparecer fotografías máis antigas deste faro? Todo é posible. Como dicimos en Mazaricos: “Por diante está maio”. De tódolos xeitos a publicación deste artigo pode ser o mellor revulsivo para que, no caso de habelas, saian á luz.
Un lugar de postal
O cabo de Fisterra e os principais edificios que o coroan nunha postal da segunda década do século XX
Ademais das dúas fotografías de 1888, completo o aparato gráfico deste artigo cunha postal editada na segunda década do século XX pola casa Hauser y Menet de Madrid, e na que se plasma o aspecto que tiña o promontorio de Fisterra visto dende o mar e a certa distancia. Pódense ver coroando a liña do horizonte os tres edificios principais e se nos fixamos xa apreciamos a segunda planta do edificio auxiliar do faro.
Como puidestes comprobar podía afondar moito máis na descrición, análise, equipamento e devir histórico dos edificios que poboan este Cabo do Mundo, ou en diferentes aspectos da historia da fotografía directamente relacionados co tema tratado. Mais coido que os autores das obras que incluímos na bibliografía xa o fixeron con anterioridade e mellor do que poida facelo eu. Non podo rematar sen manifestar o meu máis sentido agradecemento a Carlos Castelao pola súa axuda.
BIBLIOGRAFÍA
- CASTELAO, C.: As orixes da fotografía en Galicia: estudios composteláns do XIX. Editorial Alvarellos. Santiago de Compostela 2018.
- LEMA SUÁREZ, X. M. e VILAR ÁLVAREZ, M.: Os Faros da Costa da Morte. Asociación Neria. Santiago de Compostela 2001
- SÁNCHEZ GARCÍA, J. A.: Faros de Galicia. Fundación Caixa Galicia 2004
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- O Cabo Vilán nun gravado de 1896
- Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto.
- Historia dunha fotografía singular no corazón da Picota.
- Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais.
- O río Beba.
- As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
- Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta
- O Santuario de Virxindón de Quintáns.
- 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras.
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.