Venres. 26.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: O Mazaricos é un pouco máis líder

O Mazaricos é máis líder da categoría logo de golear ao Sporting Zas e aproveitar que o Corme non foi quen de pasar a un Baíñas que quere seguir enganchado á zona alta da clasificación e loitar ata o final por eses postos de privilexio.

Juan de Celia conduce o balón ante a presión de Víctor Alcaina
Juan de Celia conduce o balón ante a presión de Víctor Alcaina
2ª Galicia: O Mazaricos é un pouco máis líder

Pola súa banda, o Muxía salvou un punto nos últimos minutos ante o Monte Louro e perdeu a oportunidade de recortar diferenzas con respecto aos cormeláns.

Mentres tanto, o Ponteceso superou pola mínima a un Cee que lle dificultou e moito as cousas aos da vila de Pondal e o Volantes de Baño acumulou a súa terceira vitoria consecutiva logo de superar a un sempre difícil Cerqueda.

O San Lorenzo e o Malpica poñen terra de por medio cos postos de perigo despois de acadar sendas goleadas ante o Lira e o Ameixenda respectivamente.

No duelo de necesitados desta xornada, Buño e Muros firmaron táboas en Xaviña para sumar un punto que lle serve de pouco a ámbolos dous.

UD Monte Louro 3 – 3 Muxía CF

  • UD Monte Louro: Isma, Abel (Raúl m.75), David, Borja, Pablo, Adrián (Yeray m.61), Iker (Dani de Sahorta m.64), Gelo, Ivi (Geiko m.59), Juan de Celia e Miguel.
  • Muxía CF: Hugo, Michael, Brais (Gerardo m.82), Congui, Toja (Mario m.46), Víctor Alcaina (Pereira m.61), Manu Nogueira, Maikel, Isma Pose, Tomás, Mauro (Julián m.46).
  • Goles: 0-1 m.6: Víctor Alcaina; 1-1 m.14: Juan de Celia; 2-1 m.28: Juan de Celia (p); 3-1 m.39: Gelo; 3-2 m.89: Manu Nogueira; 3-3 m.92: Maikel (p).

O Muxía realizou unha primeira parte horrible pero a pesares disto, adiantaríase cun libre directo transformado por Víctor Alcaina. A raíz dese gol, o dominio foi para os homes de Óscar Leis e estes daríanlle a volta ao resultado cos goles de Juan de Celia en dúas ocasións e un de Gelo para chegar ao descanso co 3-1 no luminoso.

Na reanudación, o Muxía trocou a súa imaxe totalmente e buscou sacar algo positivo do partido, pero Manu Nogueira e Mario, este último en dúas ocasións, non lograrían materializar as súas oportunidades.

E non sería ata o tramo final do encontro cando Manu Nogueira a pase de Isma e Maikel de penalti verían portería para facer o definitivo empate a tres.

CD Baíñas 1 – 1 Corme CF

  • CD Baíñas: Paulo, Rodri, Naya, Ramón, Luis, Mayor, Esteban Rodríguez (Cristian Canosa m.66), Pablo Muíño, Oreiro, Toño e Capote.
  • Corme CF: Suso (Illote m.73), Jesús, Pandi, Eloy, Manu Bermúdez (Samu m.76), Adrián Doldán (Alejandro m.73), Alejo, Lucas, Brais, Toniño e Javi Peón.
  • Goles: 0-1 m.15: Manu Bermúdez; 1-1 m.66: Pablo Muíño.

Baíñas-Corme

Na primeira metade, o Corme estivo mellor e Manu Bermúdez adiantaría aos seus cando transcurriran quince minutos de partido. 

Tras isto, Alejo tería dous mans a man para aumentar a vantaxe dos da vila do Roncudo pero o dianteiro non acertaría. Antes do descanso, Pablo Muíño puxo a proba a un Suso que evitaría que o Baíñas empatase na que foi practicamente o seu único achegamento de perigo.

Tralo descanso, os vimianceses deron un paso adiante e gozaron de máis ocasións. Na medianía desta segunda metade, Pablo Muíño empataría o encontro cun tiro cruzado co que superou a Suso.

A raíz do empate, ambos conxuntos volcaríanse para conseguir o gol da vitoria pero o resultado non se movería.

UC Cee 0 – 1 Ponteceso SD

11 inicial do Cee ante o Ponteceso SD

  • UC Cee: Maikel, Jorge, Pablo, Patera, Carlos Leis, Martín, Javi, Iván Figueroa, Chema, Luis Lojo (Leo m.46) e Brais.

11 inicial do Ponteceso ante o UC Cee

  • Ponteceso SD: Brais, Adrián Pose, Eloy Trigo, Matias, Iván Rodriguez (Luca m.63), Dani Cotelo, Alberto Recarey, Iago (Aday m.70), Puente (Charro m.62), Nando, Eloy Álvarez (José Suárez m.84).
  • Gol: 0-1 m.15: Eloy Álvarez.
  • Expulsión: O ceense Patera no minuto 94.
  • Encontro moi disputado e moi físico que o Ponteceso comezou tocando moi ben pero o Cee soubo frear ben as embestidas e que estivo moi ben ao contragolpe. 

A primeira ocasión sería para os locais nun erro defensivo pontecesán que acabaría resolvendo Eloy Trigo. E do posible 1-0 pasaríase ao definitivo 0-1 despois dun pase en longo que aproveitaría Eloy Álvarez para superar a Maikel no man a man.

Tralo gol, habería tres chegadas perigosas por parte do Cee nas que Adrián Pose e Brais serían capaces de desbaratar. Mentres que o Ponteceso buscaría aumentar a súa vantaxe cun tiro perigoso lonxano de Recarey que sairía fóra por pouco. 

No comezo da segunda metade, o Cee daria entrada o veterán Leo, quen sería un incordio para a defensa visitante, con moitas oportunidades durante o primeiro cuarto de hora da reanudación e incluso se lle anularía un gol por fóra de xogo. 

O gardameta pontecesán Brais sería un auténtico muro facendo unha gran actuación durante esta segunda metade, que vería como nos minutos finais, as interrupcións serían constantes, privando de ocasións de gol a ambos equipos. E de aí que se chegase ao remate do encontro, co 0-1 no marcador. 

Alberto Recarey conduce o balón durante o UC Cee-Ponteceso SD

Buño SCD 1 – 1 CD Muros

  • Buño SCD: Brais, Manoliño (Erik m.46), David, Jorge Calvete, Petís, Fran, Borja, Yamouhamed (Amadou m.80), Álex, Alberto (Cristian m.46) e Matías.
  • CD Muros: Xandre, Varo, Juachy, Dani, Pedro (Yerai m.58), Xaco, Álex Siaba, Saúl, Xavi, Yanky, Suso Pata (Gael m.75).
  • Goles: 1-0 m.32: Borja; 1-1 m.37: Juachy (p).

11 do Muros no Pinguel

O Muros dominou unha primeira metade na que os homes de Bibi contaron con dúas  boas ocasións xa no treito inicial para adiantarse, pero Álex Siaba non lograría ver portería. Na primeira delas, polo acerto de Brais e na segunda, pola madeira.

Pasada a media hora do encontro, Borja adiantaría ao Buño na súa primeiro achegamento de perigo. Tras isto, o debutante Yanky tratou de dar a resposta pero o seu remate sacaríao un defensa baixo paus.

E pouco despois, Juachy aproveitaría un penalti sobre o propio Yanky para facer o 1-1 que resultaría definitivo. Antes do descanso, Suso Pata tería a última logo dun bo pase de Yanky pero o seu remate forzado atallaríao Brais sen problemas.

A segunda metade sería un pouco de tolos e as ocasións sucederíanse para ambos conxuntos pero os gardametas gañaríanlle a partida aos ataques, polo que o marcador non se movería e habería reparto de puntos.

SD San Lorenzo 5 – 0 Lira CF

  • SD San Lorenzo: Benjamín (Rubén m.77), Fidalgo, Luciano, Kuki (David Lorenzo m.50), Jose (Alberto m.65), Fran (Styven m.65), Ures, Pablo Garrido, Juanjo (Rudi m.54) e Pablo Díaz.
  • Lira CF: Baitir, Óscar, Cristian (Demetrio m.58), Josiño, Gabi da Anchoa, Óliver, Cristian Caamaño, Mamadou, Borja, Raúl e Toni.
  • Goles: 1-0 m.13: Brais; 2-0 m.27: Pablo Garrido; 3-0 m.44: Ures; 4-0 m.58: Brais; 5-0 m.69: David Lorenzo.
  • Expulsión: O liracho Josiño no minuto 30 por dobre amonestación.

Primeiros dez minutos de tanteo, cun achegamento do Lira que daba de forma involuntaria na man de Fidalgo e trala cal, o colexiado decidía non sinalar nada. 

O Lira xogaba coa liña defensiva moi adiantada e nun balón ás costas da defensa, Brais definía ante o porteiro, poñendo o 1-0 no electrónico. Tras este gol inicial, chegarían os mellores momentos dun Lira que tería dúas boas oportunidades para devolver as táboas ao marcador pero Benjamín e Juanjo evitaríano sobre a mesma liña de gol.

E do posible 1-1 pasaríase ao 2-0 despois dunha xogada por banda entre Kuki e Pablo Garrido que resolvería este último cun gol pola escadra.

Tras isto, os visitantes arriscarían un pouco máis e Ures nunha gran cabalgada dende a esquerda iría desfacéndose de defensores para definir á perfección e poñer o 3-0 ao fío do descanso.

Segundo tempo con pouca historia, xa que o Lira acusaría a expulsión sufrida no minuto 30 e vería como os verdilleses facían dous goles máis despois de que Brais materializase un man a man con Baitir e de que David Lorenzo cabecease un centro de Styven ao fondo da rede.

Volantes de Baño FC 2 – 0 UD Cerqueda

  • Volantes de Baño FC: Marcos, Juan do Sivil, Mou, Santi, Godo, Pesco, Berto (Rapante m.89), Rachón (Raúl m.52), Jano, Miguel (Tiko m.89), Álex Pri (Cajulo m.59).
  • UD Cerqueda: Diego Dourado, Atu (Martín Castro m.60), Javi Souto, Javi Pazos (Bastón m.79), Gonzalo, Manu Guillamet, Lorenzo, Ceide, Dani, Molinos (David Dourado m.66), Míchel (Cholo m.53).
  • Goles: 1-0 m.2: Berto; 2-0 m.41: Álex Pri.

As cousas poñerianselle moi de cara nada máis comezar a un Volantes de Baño que aos dous minutos xa gañaba por 1-0, despois de que Berto non desaproveitase un servizo de Pesco para superar a Diego Dourado.

Logo deste gol temperán, o Cerqueda tería máis balón ante un equipo que se repregaría e trataría de defender, practicamente en campo propio, para intentar saír á contra.

Puido empatar o conxunto visitante pero o colexiado anularíalle o gol aos cerquedáns por unha protestada falta sobre o gardameta local.

E a falta de catro minutos para o tempo de lecer, unha nova asistencia de Pesco aproveitaríaa Álex Pri para superar a Diego Dourado e poñer o 2-0 no electrónico.

Na reanudación, o Cerqueda arriscou un pouco máis pero non encontrou premio nunha segunda metade na que ambos conxuntos tiveron as súas ocasións, que non souberon materializar.

SCD Malpica  7 – 1 SD Ameixenda

  • SCD Malpica: Lamas, Cristian (Dimitri m.46), Belar, Fuentes, Capelán (Marcos m.46), Laik, Gonzalo (Aitor m.61), Roberto, Mante, Andy (Martín m.57) e Jairo.
  • SD Ameixenda: Bicho, Castrexe, Juanfran, Javichu, Bruno, Po, Cristian (Álex m.68), Bichiño (Yago Costa m.34), Susiño, Mataso e Saulo.
  • Goles: 1-0 m.5: Mante; 2-0 m.9: Gonzalo; 3-0 m.11: Andy; 4-0 m.48: Marcos; 5-0 m.74: Martín; 5-1 m.77: Álex; 6-1 m.80: Marcos; 7-1 m.88: Martín.
  • Expulsións: O adestrador visitante Julio Vila con cartón vermello directo no minuto 44 e tamén ao xogador do Ameixenda, Bichiño, por dobre amonestación no minuto 83 cando xa estaba no banquiño.

Gonzalo e Mataso Malpica-Ameixenda

Partido con pouca historia e que se resolveu nos primeiros once minutos, tramo de tempo no que os goles de Mante, Gonzalo e Andy poñía un 3-0 no marcador que deixaban o encontro practicamente visto para sentenza.

Coa vantaxe de tres goles no marcador, o restante da primeira metade foi de dominio total duns malpicáns que puideron aumentar a súa vantaxe pero Andy e Jairo non convertirían as súas ocasións e chegaríase ao tempo de lecer co resultado coñecido de 3-0.

Por se fose pouco para os ceenses, nada máis reanudarse o partido coa segunda metade, estes recibirían o cuarto despois de que Marcos lle gañase a espalda á defensa visitante e superase no man a man a un Bicho que tivo que poñerse de novo baixo paus.

Este gol fixo que a intensidade do encontro baixase e que a igualdade fose a tónica predominante do mesmo, aínda que nos minutos finais, Martín faría o 5-0, o ceense Álex recortaría distancias cun bo gol dende a frontal da área e, Marcos e de novo Martín pecharían o partido con dous goles máis para poñer o definitivo 7-1, que reflexa o que aconteceu na Pedra Queimada.

Mazaricos CF 4 – 0 Sporting Zas

11 do Mazaricos

  • Mazaricos CF: Miguel, Cutu, Borja (Thiago m.66), Carreira, Mario (Martín m.75), Piki (Amoedo m.82), Estéfano, Capelo (Barbeira m.63), Pereiro, Yago Dosil (Roberto m.67) e Pose.

11 do Zas

  • Sporting Zas: Vázquez, Pablo Vidal (Amado m.46), Josito, Rubio, Dani Mato, Brais (Rubén m.46), Fabi, Juan (Lody m.46), Manu, Santi (Tefi m.73), Carra (Miguel m.64).
  • Goles: 1-0 m.1: Capelo; 2-0 m.12: Mario; 3-0 m.18: Mario; 4-0 m.73: Barbeira.

No primeiro minuto de partido, unha boa acción colectiva aproveitaríaa Capelo para poñer o 1-0 no marcador case sen tempo para que ambos equipos se asentasen sobre o terreo de xogo.

Logo deste temperán gol, emerxería a figura de Mario para reflexar no marcador o bo facer do Mazaricos neste encontro no que foi moi superior e no que aos dezaoito minutos xa vencían por 3-0, despois de que o habilidoso xogador mazaricán non perdoase en sendos mans a man. O propio Mario puido completar o seu particular hattrick antes do intermedio pero non foi quen de materializar a ocasión coa que contou.

Nesta primeira metade, o Sporting Zas tan só tería un achegamento de perigo e sería nun lanzamento de falta que solventaría Miguel en dous tempos.

Na reanudación, o Mazaricos seguiría ao seu pero Estéfano e Capelo non acertarían para facer o cuarto dos seus. Quen non perdoaría sería Barbeira logo dunha boa acción individual de Carreira, para facer o 4-0 co que se chegou ao remate do encontro.

Comentarios