Venres. 26.04.2024
El tiempo

3ª Galicia: Os tres de arriba seguen ao seu

11 inicial do Porteño ante o Sporting Seaia
11 inicial do Porteño ante o Sporting Seaia
3ª Galicia: Os tres de arriba seguen ao seu

Xa levamos unhas xornadas vendo que o ascenso directo é cousa de tres, un Coristanco que goleou ao Camelle nun sempre difícil Rodeiro e que conta as xornadas para proclamarse campión; un Cabana que tamén gañou nun dos campos complicados da categoría como é o Hermanas Patiño; e un Castriz que venceu con certa contundencia ao Nantón.

Pola súa banda, o Porteño superou ao Sporting Seaia nun partido igualado e non desiste no seu empeño por chegar a eses postos de ascenso directo, aínda que se presume complicado.

Mentres tanto, o Outes venceu pola mínima a un Laxe que é rival directo na loita pola promoción e o Castrelo gañou ás Baleas nun partido insulso.

Sporting Seaia CF 1 – 3 CF Porteño

Sporting Seaia CF: Ché, Jorge, Mara (Ramón m.66), David (Christopher m.78), Quintas (Tony m.46), Pablo, Chols, Parga, Vistas, Iván, Dímaga (Jhonny m.55).

CF Porteño: Josiño, Oli, Manu (Cachi m.78), Vicente, Pejo, Cousillas, Porto (Rodri m.66), Ángel, Javi, Mario (Martín m.55) e Nazo.

Goles: 1-0 m.40: Mara; 1-1 m.44: Pejo; 1-2 m.69: Martín; 1-3 m.76: Javi.

Expulsión: O visitante Cousillas no minuto 71 por dobre amonestación.

O encontro estivo marcado por unha gran igualdade e polos contantes balóns aéreos de ambos conxuntos.

Habería que agardar ata as cercanías do descanso para ver o primeiro gol da tarde, o cal chegaría por medio dun Mara que aproveitaría un despiste defensivo dos da Ponte do Porto para adiantar ao Sporting Seaia. Pero pouco lle duraría a alegría aos locais, xa que tan só catro minutos despois, Pejo devolvería as táboas ao marcador.

Tralo paso por vestiarios, a igualdade seguiría sendo a tónica predominante pero ao contrario que na primeira metade, o Porteño tratou de combinar un pouco máis e logo dunha boa xogada colectivo, Martín facía o 1-2 no marcador mediada esta segunda parte.

Tan só dous minutos despois, o conxunto visitante quedaría cun home menos pola protestada expulsión de Cousillas, algo que obrigou aos de Sergio Varela a retroceder un pouco.

A partir de aí, o Sporting Seaia trataría de lograr a igualada pero o Porteño foi quen de aguantar as embestidas dos malpicáns e intentaría matar o partido á contra, e así sería como Javi faría o definitivo 1-3.

Outes FC 3 – 2 SD Laxe

Outes FC: Antón, Chía (Álvaro m.75), Martín, Veleiro (Joel m.88), Eloy (Saúl m.89), Santi (Babu m.75), Caamaño, Jura, Simón, Paullo, Quin (Fabio m.83).

SD Laxe: Eloy, Borja, Felipe, Elías Galeano, Adrián Pasantes, Adrián Lema, Zúrich (Dani Pose m.73), Ruso, Elías Santiago, Djamel e Bieito.

Goles: 1-0 m.14: Veleiro; 2-0 m.38: Santi; 2-1 m.41: Adrián Pasantes; 2-2 m.66: Zúrich; 3-2 m.72: Eloy.

Partido clave na loita pola promoción no que o Outes foi superior e de aí que se adiantase con dous goles de Veleiro e Santi. Pero xusto antes do tempo de lecer, o Laxe lograría recortar diferenzas no marcador para meterse de novo na pelexa polo encontro.

Na segunda metade, o Laxe controlaría o xogo e conseguiu empatar por medio de Zúrich e incluso tivo algunha ocasión para adiantarse. Pero sería o Outes nunha contra que materializaría Eloy quen faría o 3-2.

Tras isto, o Laxe tivo algunha oportunidade para empatar pero a sorte non estivo do lado dos laxenses e os tres puntos quedaríanse no Conchido.

Camariñas FC 1 – 2 Cabana SD

Camariñas FC: Pablo, Juan (Brais m.73), Rodri, Moriño, Miki, Adrián (Paco m.62), Nico, Anxo, Fran, Óliver e Djibi.

Cabana SD: Darío, Castro (Víctor m.93), Raúl (Ismael m.67), Pipa, Santi (Duda m.60), Dani (Fernando m.87), Iván, Manolo, Manu (Pablo m.84), Cacha e Aarón.

Goles: 0-1 m.19: Iván; 1-1 m.40: Djibi: 1-2 m.56: Aarón.

Encontro moi disputado por parte de ambos equipos, no que o Cabana chegaba e perdoaba mentres que o Camariñas trataba de crear perigo sobre a portería rival con balóns en longo.

E mediada esta primeira parte, nunha xogada colectiva na que Iván poñía o centro e un defensa introducíao na súa propia porta. Mentres que ao fío do descanso, Djibi devolvía as táboas ao marcador logo dun córner mal defendido polos cabaneses.

Nos primeiros minutos da segunda metade, o Cabana adiantaríase despois de que Aarón superase a Pablo para facer o 1-2 que acabaría sendo definitivo.

A raíz disto, moito balón colgado do Camariñas que faría intervir a Darío nunha ocasión, mentres que o Cabana puido matar o encontro á contra pero non foi quen de facelo.

CF Castrelo 2 – 0 As Baleas FS

CF Castrelo: Carreira, Steven (Esteban Lema m.65), Estebo, Mario, Luis (Iván m.54), Dani Picallo, Cacu, Chans, Félix (Rubén m.74), Darío e Quintelo.

11 inicial do Castrelo ante As Baleas

As Baleas FS: Carlos Cousillas, Brais, Dani (Jose m.70), Chapu, Nico, Bieito, Diego, Nené, Carlos González, Jesús, Casachoa (Isma m.66).

Goles: 1-0 m.37: Steven; 2-0 m.60: Iván.

Partido insulso o que se puido ver sobre o céspede artificial dun Municipal de Vimianzo no que se plantaron dous equipos que ofreceron moi pouco fútbol. Por un lado, As Baleas non dá mostras de mellora, mentres que o Castrelo se contaxiou do escaso fútbol dos camariñáns e realizaron o seu peor partido da tempada.

Pero a pesares disto, os vimianceses lograron unha vitoria grazas aos goles de Steven e Iván, nun encontro no que o mellor para os homes de Antelo foi o resultado.

CF Castrelo - As Baleas FS

SD Castriz 3 – 0 CD Nantón

SD Castriz: Puyol, Carlos, Rompe, Kevin (Martín Negreira m.83), Steven, Mauri, Iván (Toniño m.85), Martín Gemelo (Chapu m.61), Álex, Robi (Chiki m.78) e Sebas.

CD Nantón: Guille, Fran, Maikel, Martín (Costiña m.46), Cigarini, Santi (Rúper m.62), Pablo Fuentes (Fabio m.30)(Iván m.46), Juanciño, Pastor (Cachopo m.72), Redondo e Christian.

Goles: 1-0 m.15: Robi; 2-0 m.18: Kevin; 3-0 m.92: Chapu.

Boa primeira parte dun Castriz que dominaría o encontro e que o encarrilaría con dous goles nos primeiros dezaoito minutos. O primeiro chegaría á saída dun córner que peinaría Álex e remataría Robi, mentres que o 2-0 sería obra de Kevin logo dunha prolongación de Sebas.

Na segunda parte, máis do mesmo. Castriz seguiría dominando e o Nantón só se achegaría nunha oportunidade que atallaría Puyol en dous tempos.

E xa no tempo de prolongación, Chapu faría un golazo dende a frontal da área para poñer o definitivo 3-0 no marcador.

SD Camelle 1 – 5 SD Coristanco

SD Camelle: Roi, Snacky, Valiña, Rodri, Tedín (Carlos Suárez m.46), Barreiro, Miguel Riveiro, Carlos de Dido, Vieites, Varu (Manuel m.62), David Camariñas (Rubén m.46).

SD Coristanco: Diego Mallo, Sergio, Mato, Marcos (Torres m.54), Lagoa, Samuel, Xuko, Rubio, Dani Castiñeiras (Raúl m.85), Erre (Dani Vázquez m.77) e Álex.

Goles: 0-1 m.2: Samuel; 0-2 m.29: Snacky en propia porta; 0-3 m.48: Lagoa; 0-4 m.69: Xuko; 0-5 m.72: Samuel; 1-5 m.87: Barreiro (p).

Partido durísimo o que se viviu nun Rodeiro cun terreo de xogo impracticable e que impedía por completo xogar o balón.

O fútbol directo foi a tónica predominante de todo o encontro e xa no minuto dous, o Coristanco adiantaríase cun gol de Samuel empurraría un balón que se quedou freado sobre o terreo de xogo.

A vistosidade do partido era nula, pero os coristanqueses aumentarían a súa vantaxe nunha xogada desafortunada para o Camelle xa que Snacky introduciría o balón na súa propia porta ao intentar despexar un centro dun Lagoa que sería o encargado de facer o 0-3 á volta dos vestiarios cun lanzamento de falta directo.

O estado do terreo de xogo ía a peor co paso dos minutos pero o Coristanco aínda faría dous goles máis por medio de Xuko e Samuel.

Xa co partido tocando ao seu fin, Barreiro facía o gol da honra dende o punto de penalti.

Comentarios