A Primeira Dama da Copa... e a que manda
01:08 21/06/17
A final entre Dumbría e Fisterra estará en boas mans, as dunha muller que con só 24 anos ven de opositar para ascender a Primeira División do fútbol feminino español
Cuesta Arribas, colexiada da final de Copa
A xa chamada 'final que faltaba', o derbi inédito nunha disputa pola Copa da Costa, terá outro factor diferencial máis: será unha muller a que tome o mando e impoña a lei no que moi posiblemente sexa o romaría futbolística máis concurrida dos últimos anos. Pero igual ao que se lle veña á menta a famosa canción de Burning 'Qué hace una chica como tú en un sitio como este' lle sae o tiro e a broma pola culata. Poucas veces o xuíz do partido de peche do ano estivo tan cualificado. Beatriz Cuesta Arribas (Barakaldo, Bizkaia, 1993) ven de opositar por partida dobre: realizou en Galicia as probas de ascenso a Preferente, pero tamén en Madrid a Primeira División feminina. Máis ou menos é como se Iturralde ou Undiano Mallenco se pasasen por San Paio de Refoxos (ou mellor, porque non ten pasado polo sesgo da popularidade).
Vasca de nacemento e burgalesa de adopción, a pesares da súa xuventude Bea ven de facer a súa primeira década como colexiada, polo que cando a súa carreira académica lle trouxo ata A Coruña alá polo 2015, unhas das prioridades estaba clara. "Unhas das primeiras cousas que fixen ao chegar foi buscar o Colexio de Árbitros para seguir facendo o que tanto me gusta", confesa a trencilla, que ten claro cal é o seu perfil á hora de saltar a un terreo de xogo. "Considérome unha árbitro seria, segura e por suposto tento ser sempre xusta e entender aos futbolistas", advirte. Curiosamente, esta muller de ascensión meteórica e da que os seus 'xefes' falan marabillas, deu os seus primeiros pasos non moi lonxe de onde vai dirixir a final. Foi no Municipal de Vimianzo, e xa entón notou algo especial externo aos futbolistas e ao balón. "O meu primeiro encontro de Primeira a pasada campaña foi na Costa, en Vimianzo, e gardo unha bonita lembranza, tanto polos seareiros e o ambiente que creaban como pola rivalidade e o xogo sano", di, e explica en parte o que supón agora unha final na bisbarra. "É o broche a unha longa e bonita tempada, o recoñecemento polo traballo realizado, teño moitas ganas de dirixila", remarca.
E se de seguir tumbando topicazos retrógrados se trata, cun gancho directo ao mentón tamén vai aquel de que hai árbitros que non lle deran unha patada ao balón. O fútbol e Bea gardan unha relación estreita, aínda que condicionada por unha axenda que lle mandou máis a regatear co reglamento na man que cun balón nos pes. "Fíxenme árbitro porque me gustaba o fútbol, pero por falta de tempo non podía adestrar co meu equipo, e o adestrador non me daba moitos minutos", lembra. "Un día, vendo a meu irmán pequeno nun partido de benxamíns, fixeime no colexiado, e ao final pregunteille como era aquel mundo; gustoume tanto a idea que ese mesmo luns xa estaba na delegación enchendo a ficha", prosigue. E agora, desde aquel luns, o punto final á historia para desvanecerse nunha moi lonxana lontananza. "É mellor ir pasiño a pasiño, marcándome obxectivos acadables e ir chegando a eles, e se non é posible non desistir e tentalo con máis ganas, ilusión, constancia e traballo duro", sentencia.
A valía da xuíz da final e o seu talante queda patente tamén no feito de que no seu currículum non hai grandes anécdotas para ben nin para mal, un anonimato polo que moitos darían o que fóra. "Non teño 'o partido' máis difícil, cada un ten as súas cousas malas e boas e axudan a aprender e medrar", matiza. "EN partidos de alevins, benxamins, ves moitos xestos nobres por parte dos nenos, lembro unha vez un gol que ían marcar en alevíns, e ao ver un rival tendido no chan, lanzaron o balón fóra", engade sobre a súa experiencia máis grata.
O terceiro gran tabú ou muro que tira Cuesta Arribas é iso de que os colexiados non acostuman a falar pública e abertamente. De feito, atrévese cunha mensaxe conciliadora previa á final para todo o mundo do balompé costeiro: "Que disfruten todos da final, que animen ao seu equipo con tódalas ganas e que fagamos, entre todos, que a tarde do domingo deixe unha bonita lembranza". Pode que estas sexan, dentro duns anos, verbas de hemeroteca dunha para entón famosa e grande do silbato nacional.