Venres. 26.04.2024
El tiempo

Coas zapatillas da casa

Coas zapatillas da casa
Trio arbitral a semana pasada no Dumbria Baio Trío arbitral a semana pasada no derbi do Conco

Xornada moi doméstica para os colexiados costeiros esta fin de semana. Apenas tres desprazamentos fóra das fronteiras, e só un colexiado se sairá dos límites da provincia da Coruña. Unha fin de semana de inverno propicia para coller algo as zapatillas de andar pola casa, que tamén presta.

O noso colexiado de referencia, Bruno Méndez, dirixirá un encontro de máximo nivel na Terceira División. Viaxará ao Alcalde Manuel Candocia (domingo, 17 horas) para o encontro que enfrontará aos locais do Somozas (non hai moito, equipo de Segunda División B, atalora aspirantes ao ascenso con moitas dificultades, pois o play off está xa a once puntos de distancia) coa UD Ourense (equipo que, precisamente, marca a fronteira da fase de ascenso, pois é o cuarto clasificado). Encontro vital, polo tanto, sobre todo para os locais. Xunto a Bruno Méndez estará o tamén costeiro David Vázquez, así como Edgar Soto (da Delegación da Coruña, aínda que podemos presumir que con raíces e familia na Costa da Morte).

Tamén estará na Terceira División, como asistente número 1, Rubén Reborido, que será o único que se saia das fronteiras. O domingo (A Cheda, 18.15 horas) estará no Polvorín-Arousa xunto aos coruñeses Alejandro del Río e Eric Vázquez. Enfróntanse tamén aquí dous conxuntos moi necesitados, os locais (filial do CD Lugo) son decimosextos, apenas un punto por riba do descenso, en tanto os visitantes son sétimos, e ven como a fase de ascenso está xa a sete puntos e non poden deixala escaparse, pois é o seu obxectivo, un ano máis.

Trío costeiro para un derbi coruñés de Primeira

Unha vez máis haberá trío costeiro nun duelo de rivalidade veciñal na Primeira Galicia. Alberto Baña, Sebastián Pérez e Esteban Domínguez dirixirán (domingo, A Grela 1, 18.00 horas) o Sp Ciudad-Olímpico. Os locais, nunha posición falsamente cómoda (undécimos, pero cos postos de descenso a apenas uns puntos) e os visitantes pelexando por non perder comba coa cabeza (atalora, quintos a sete puntos do liderado).

E na casa, e en domingo...

Zapatillas do depor

E, efectivamente, as zapatillas son para andar pola casa... e en domingo. Xornada “unificada”, pois todos os partidos do fútbol senior da Costa da Morte se xogan en domingo tarde, algo que non acontecía dende hai bastantes semanas e que, como nos vellos tempos, fará soar os transistores e voar os resultados de aquí para aló, agora que ademais a competición se está apretando e os puntos comezan a ser decisivos.

Na Liga da Costa, o encontro dos contrastes será en San Paio de Refoxos (16.00 horas, Juan Marcos Ríos), onde o Ameixenda, despois de numerosas xornadas sen puntuar, se atopa colista e xa lonxe da pelexa pola salvación, e lle toca recibir a un Mazaricos que xusto ven de recuperar o liderado a pasada xornada.

O Corme, que cedeu como visitante o trono, recibe nesta xornada (O Cairo, 16.00 horas, Pablo Rama) ao outro equipo da Vila da Xunqueira, un UC Cee que segue intentando remar para salvar a categoría un ano máis (agora, dous puntos só sobre o descenso).

Un dos encontros da xornada será no Municipal de Arliña (16.30 horas, José Ageitos), onde se enfrontarán dous candidatos a todo, o Muxía (terceiro) e o Baíñas (quinto), ambos en boa racha de vitorias (tres e dúas consecutivas), despois de encadear algúns resultados irregulares nas semanas anteriores.

E haberá derbi de contrastes no Eleuterio Balayo (16.30 horas, Miguel Ángel Vilas) entre dous recén ascendidos, Muros e Volantes de Baño, que chegan con traxectorias opostas, pois mentres os locais (campións da Terceira o ano pasado) están empatados en postos de descenso, os locais (ascendidos como segundos) están desenvolvendo unha temporada notable e, amén de ter practicamente salvado a categoría xa con media temporada por diante, non teñen por que deixar de soñar con cotas máis altas (son sextos, pero a poucos puntos das posicións de play off e ascenso, aínda que lastrados polas tres xornadas que sumaron sen gañar entre a 14 e 16).

O duelo de último contra primeiro repítese tamén, casualidades da vida, na Terceira Galicia. No Hermanas Patiño (16.00 horas, Daniel Martínez) enfróntanse o debutante As Baleas (apenas catro puntos en toda a temporada) e un Coristanco que aínda non sabe o que é perder (corenta puntos sobre corenta e oito posibles, e xa sete de marxe sobre o segundo clasificado).

Na pelexa pola fase de ascenso un dos duelos a priori máis interesantes vivirase na Grixa (16.30 horas, Manuel Espasandín) entre Porteño (cuarto) e Castrelo (sétimo).

E os novos líderes da liga xuvenil tamén xogan coas zapatillas

Parecía impensable pero sucedeu, e hai novo líder da competición xuvenil. O Cabana defende o seu posto nun partido a priori asequible como local (As Redondas, sábado, 16.30 horas, Carlos Señarís) fronte ao Camariñas. Pola contra, o até hai nada imbatido Corme terá unha máis que difícil saída ao Carral (sábado, 17.30 horas, David Castreje) para enfrontarse a un Sofán que, situado actualmente na sexta posición, de gañarlle podería rebasalo tamén na clasificación e meterse de cheo na pelexa polo título.

Na liga cadete, o Concello de Zas segue con man de ferro (só cedeu unha derrota en toda a temporada), e a vitoria da pasada xornada fronte a outro dos aspirantes, o Sofán, reafirmouno na cabeza. Esta xornada visita un campo sempre complicado como é O Cairo (domingo, 11.00 horas, Esteban Domínguez) para medirse a un Corme que está a levar unha campaña irregular (acumula tres derrotas consecutivas). A boa marcha do Concello de Zas, en caso de gañar, verase beneficiada polo feito de que o Outes, segundo clasificado, ten xornada de descanso, polo que a diferenza entre primeiro e segundo podería aumentar até os nove puntos (que serán oito se o Cee recupera esa segunda praza, gañando ao Muxía en Arliña [sábado, 10.00 horas, Carlos Señarís]).

E na liga infantil o duelo é a cara de can entre Cee e Dumbría. En partido disputado este mércores (atrasado da fin de semana) o Cee venceu por 2-0 ao Sofán e recuperou (por diferenza de goles) o liderado, xa que ambos equipos (Cee e Dumbría) acumulan un expediente inmaculado e idéntico: 16 partidos disputados, 14 vitorias, 1 empate e só 1 derrota. Esta xornada semella máis benévola para o Dumbría, que se enfronta na Rocheira ao Coristanco (sábado, 11.00 horas, Breogán Rey), en tanto o Cee, a pesar de xogar no seu Sampaio de Refoxos (sábado, 17.00 horas, David Vázquez), terá un sempre complicado duelo de rivalidade veciñal fronte ao Fisterra.

E no fútbol veterano... rómpese a aposta única polo domingo

E mentres falamos do domingo e de andar pola casa... xusto nesta xornada se rompe a norma cos veteranos. E é que a competición de fútbol veterano da Costa sempre xoga os seus partidos os domingos pola mañá, pero por primeira vez en toda a temporada haberá unha única excepción, e o líder da Primeira División, o Mazaricos, adianta (A Picota, sábado, 16.30 horas, Alberto Baña) o seu encontro contra o Xornes. Así, o domingo, os seus rivais saberán de antemán o seu resultado. O segundo clasificado, o Deportivo Razo, visitará O Carral (10.00 horas, Javi Mella) para un duelo de rivalidade veciñal co Sofán, no que o equipo local tamén aspira a facerse forte nos postos de play off de ascenso. O terceiro clasificado, o Corme, terá un domingo auténtico, quedará na casa, literalmente, pois tócalle xornada de descanso.

No que toca á máxima categoría, a División de Honra, e aquí si todos xa en xornada de domingo, a cousa non pode estar máis igualada. Despois de 16 partidos, catro equipos atópanse apiñados nun só punto: 37 puntos suman San Román e Zas, 36 suman Soneira e San Lorenzo.

O líder, San Román, visita o difícil campo do Conco (10.00 horas, Juan Marcos Ríos), onde os locais terán unha oportunidade vital para engancharse á loita polo título (actualmente son sextos, a sete puntos dos colíderes).

O Sporting Zas ten outro duelo igual de complicado, pois visita ao quinto clasificado, o Porteño (Hermanas Patiño, 10.00 horas, Daniel Martínez), polo que se repite a tesitura: os locais están a cinco puntos do dúo de colíderes, e poden engancharse tamén de pleno á pelexa polo título.

Soneira e San Lorenzo, pola contra, teñen a priori xornada máis propicia, aínda que enfrontarse a equipos que tentan escapar do descenso normalmente non é nada do que parabenizarse, pois a tensión é quizais aínda maior. No Municipal de Vimianzo (10.00 horas, Óscar Rey) enfróntanse Soneira e Castriz (os visitantes chegan só un punto por riba do descenso). Nas Redondas (10.00 horas, Rai Reborido) enfróntanse Cabana e San Lorenzo, e son precisamente os do Cabana os que agora mesmo marcan esa última posición de descenso, da que pugnan por saír.

--- Xa saben que teñen todas as designacións en www.futgal.es e todos os horarios actualizados en www.futboldacosta.com.

Comentarios