Copa da Costa: Noventa minuti cun Lestón son molto longo
13:09 12/06/17
O corcubionés Pablo Lestón e o esteirán Raúl, co mesmo apelido, asinaron goles na prolongación a prol de Fisterra e Dumbría que varían sustancialmente o panorama para a volta das semifinais
Adrián, que onte quedou sen marcar, xunto ao local Mendieta
Fisterra 3-2 Baíñas
Campo: Ara Solis
Fisterra: Joselu, Rubia, Breixo (Fabi m.46), Robertín, Piti, Angeliño (Tati m.83), Isma Leis (Jesús m.46), Cote, Roa, Adri (Pablo Lestón m.46) e Bruno
Baíñas: Maikel, Tantán, Braulio, Álex Canedo, Cristian, Esteban, Víctor (David Blanco m.64), Chento, Jaime, Felipe e Pablo Muíño
Árbitro: Ferrol Muñiz (A Coruña). Amonestou a Isma Leis, Ángel Luis, Rubia, Jesús e Fabi do Fisterra; Esteban do Baíñas
Goles: 1-0 m.6 Breixo; 1-1 m.34 Álex Canedo; 2-1 m.52 Robertín; 2-2 m.71 Pablo Muíño; 3-2 m.90 Pablo Lestón
'Mr Clutch Time'
Tivo que tirar de boa parte das súas virtudes e recursos o Fisterra para ir a Vimianzo cunha marxe mínima respecto a un Baíñas que deixou unha imaxe notable nun ateigado Ara Solis. Como reza a canción 'Fix it' (arránxao) de Cold Play, "ninguén dixo que fora ser sinxelo". E era unha premisa de antemán para toda a familia local, advertida polos nomes propios do rival e pola derrota do Baio na rolda anterior. E iso que o guión semellaba perfecto para os de Nacho, que aos seis minutos dábanlle o primeiro suposto mazazo á ilusión do Baíñas. Unha falta executada por Roa acabou nun centro medido e rematado a gol por Breixo. Faría a vantaxe o efecto contrario ao habitual, e botou arriba sen condicións a un valente equipo visitante. Ata en dúas ocasións resultou salvador Joselu ante Pablo Muíño, enviando o esférico a córner. O destino quería que o partido pegase un salto cualitativo e que a igualada fose de gardar en videoteca. Unha falta cometida por Piti brindoulle a Álex Canedo a oportunidade de tirar de clase. O que fóra xogador de Segunda B e Terceira durante toda a súa carreira (aínda ten 30 anos) executou o libre directo como unha cazería ás telarañas, barridas dun balonazo en Ara Solis. A piques estivo de chegar a réplica de seguido, pero o pau de Maikel evitou o segundo. O paso polos vestiarios apenas variou un panorama que sempre se moveu entre o oficio fisterrán e o atrevemento e cualificación dos vimianceses, moito mellores que boa parte dos rivais que pasaran pola Vila do Cristo en Primeira. Adiantou de novo á SD Robertín, nesta ocasión desde máis de corenta metros e cunha certa colaboración dun Maikel que tantas veces ten sido providencial para os seus. Gardaba fame de carnívoro desnutrido un goleador con pedigrí que errara ata en dúas ocasións. Pablo Muíño á terceira superou a Joselu para igualar e desatar a locura nunha parroquia visitante á que lle quedaban vinte minutos de sufrimento. E iso en Ara Solis é 'molto longo'. Tanto, que co tempo de prolongación case esgotado chegou o 3-2. En pleno acoso, Jesús centrou e Bruno rematou o despexe da zaga, que na tentativa de sacar o balón do punto púxolle un balón franco en línea de gol a Pablo Lestón, convertido no heroe do 'Clutch time' (canastas no tempo decisivo na NBA) da Copa e de novo decisivo de cara a porta no último suspiro.
Ponteceso 2-2 Dumbría
Rivi e Alberto Recarey, motores de Dumbría e Ponteceso
Campo: O Pinguel
Ponteceso: Brais, Ismail, Dani Cotelo, Matias, Charly (Javi Peón min.68), Mendieta, Alberto Recarey, Baba, Dieguito (Yago min.85), Nando (Mara min.85) e Charro (Eloy min.55)
Dumbría: Iván Bouzón, Jose, Raúl, Pablo Conde, Iago, Aarón, Rivi, Martín (Caamaño m.68), Diego Cespón, Darío Capelo (Cristian m.87) e Adrián (Charly m.84)
Árbitro: Pérez Rellán (A Coruña). Amonestou a Mendieta do Ponteceso; Diego Cespón, Jose e Iván Bouzón do Dumbría
Goles: 0-1 m.17 Aarón; 1-1 m.85 Pablo Conde en propia meta; 2-1 m.87 Yago; 2-2 m.93 Raúl
E só era a ida!
Raúl, autor do 2-2, cargando a arma letal zurda
Partidazo de alternativas, emocións de todo tipo e opcións para algo máis entre Ponteceso e Dumbría, que a pesares do esforzo e a intensidade estaban a protagonizar únicamente o partido de ida. A premisa dos locais era clara: fidelidade ao estilo e fóra complexos, ante un rival que se algo sabe é ler e administrar os encontros. Tentaban os de Barca saír en combinación desde atrás, ante nada menos que o centro do campo máis poderoso e eficiente de Primeira, e resultou un hándicap que a piques estivo de levar carga extra de castigo debido ás recuperacións do Aarón, Cespón e compañía. Precisamente, o poderoso pivote fisterrán adiantou aos seus nunha das poucas chegadas claras dese acto inicial, nun remate de cabeza inapelable nun córner. Segundos antes, o local Charly tivera unha semellante, pero marchou fóra por pouco. O resto da historia da primeira metade resúmese nunha intensa disputa no centro do campo. Variou o prantexamento tralo intermedio o cadro da Vila de Pondal, con máis dinamismo na circulación e búsqueda de pases de ruptura. E así, unido a un insospeitado paso atrás dumbriés, empezaron a caer as opcións. Houbo gol anulado a Baba por fóra de xogo e un penalti reclamado por posibles mans, ademais dun disparo ao longueiro. En resumo, o cúmulo de erros que acabarían coa paciencia e a moral do máis optimista, pero non do Ponteceso. Foi escaso o goteo de alternativas a prol dumbriesa, pero a máis clara a piques estivo de decidir a eliminatoria. Un erro no despexe dos centrais locais chegoulle a Adrián, que sacou unha volea en escorzo con rexeite do longueiro e un bote polémico que entre a expedición visitante reclamouse como gol. Tamén neste caso o choque chegou ao chamado 'Clutch time' da NBA, con resolución en segundos decisivos. Igualou Pablo Conde contra a súa portería tras un erro de Iago e centro con remate suicida. E na xogada seguinte un balón morto pemitiulle a Yago enganchar un balón franco e selar unha remontada que desataba a locura no Pinguel. Pero faltaba o toque do campión con selo de 'merengón'. No minuto habitual da flor de Ramos, Zidane e compañía, un madridista, Raúl Lestón, enganchaba un zurdazo salvador desde fóra do área para igualar e deixar un guión espectacular para O Conco. O esteirán, amante tamén do surf, mantivo aos seus na cresta da onda.