Venres. 11.10.2024
El tiempo

'Ejemplo de fisterranía'

'Ejemplo de fisterranía'
Noé, un dos xogadores máis grandes que ten dado o seu Fisterra natal e a Costa da Morte, ven de anunciar a súa retirada e a fichaxe como adestrador do Xallas, pero a súa prioridade é apoiar aos seus paisanos este domingo na final de Copa; el militaba na última SD que levantou o trofeo; "non terme retirado no Fisterra nin ascendido co Cerceda a Segunda B son as dúas cousas que me faltaron na carreira", lamenta Noé, coa camiseta dos Rapacollóns no seu local arteixán 'Bata de Guata' Se se fixera unha enquisa entre tódolos representantes do fútbol da Costa sobre cal é o maior viveiro histórico de futbolistas da zona seguramente moitos apuntarían á fin do mundo. E se dentro de Fisterra se preguntara polo mellor futbolista da historia da localidade a votación estaría máis dividida que o Parlamento español, pero polo menos unha grande parte das papeletas levarían seguramente o nome de Celestino Noé López López (Fisterra, 1977). Anunciado onte como novo adestrador do Xallas, vive uns días un tanto intensos e especiais. Acaba de colgar as botas despois dunha carreira vinculada durante 19 anos ao Cerceda, onde levou varias veces a liga de Terceira DIvisión, hai tres días celebrou o seu 40 aniversario e o equipo do seu pobo, onde pegou os seus primeiros pasos, regresa á final da Copa da Costa. Dentro dese devenir cíclico que parecen os recentes días na vida de Noé dase outra casualidade: cúmprense 20 anos do último torneo do KO gañado polo Fisterra, curiosamente un dos últimos encontros que o por entón talento da canteira disputou coa camiseta verde. Foi en 1997, ante un dos mellores Ponteceso da historia (4-2 no global). "Recordo que tiñamos un equipazo para a categoría, moi xove e unido pola amizade que tiñamos", apunta. "Noé daquela era un rapaz de 18 anos, que xogaba de dianteiro e sen case experiencia no fútbol", engade un home ao que dúas décadas despois, e con 40 anos cumpridos, acaba de rexeitar unha oferta para seguir en activo como capitán e estandarte da defensa dun dos mellores equipos de Galicia. Pero voltando atrás, aquel Fisterra é máis preto que estivo de facerse realidade unha especulación clásica de bar na Vila do Cristo: ata onde podería chegar unha SD que xuntase a tódolos talentos que ten exportado, e que levaron a algúns futbolistas a militar incluso en Primeiras Divisións europeas. O último campión de Copa estaba formada por futbolistas como Juan Ramón, Marco do Cabo, Serguei, Schuster, Llanero, Pesca, Juan Jesús, Noé ou os malogrados Rubén e Buján. Curiosamente, polo partido en homenaxe a eles acostuma a xuntarse aquel xa inesquecible grupo. "É difícil de explicar, pero tamén totalmente certo que Fisterra non para de dar grandes xogadores; desde hai moito anos é un viveiro do que se alimentaron os equipos da Costa e doutros lugares, e houbo épocas nas que se se xuntaran poderíase ter competido en ligas importantes con futbolistas só da casa", recoñece Noé, que non se ve coma exemplo ou referente histórico entre todos eses nomes, a pesares de ter chegado ao fútbol profesional. "Está claro que non son o mellor da historia do pobo; se tomas como referencia as ligas nas que militei houbo fisterrán que estiveron máis arriba ca min (Castreje e Traba no Deportivo), e outros que aínda que non chegaron tiñan máis condicións e eran mellores que Noé, pero o fútbol como a vida é como é", prosigue. Noé, abaixo, na final de Copa que por última vez levou o Fisterra Un dos soños comúns de moitos abonados do Fisterra e do propio Noé era un último ano de verde e de curto do fillo pródigo. Será do color esperanza, pero no banco e en Santa Comba, e nas súas verbas aínda se intúe a tristeza por non terse dado esa conxución de circunstancias dentro do cúmulo de curiosidades que teñen marcado as últimas decisións do xa exfutbolista. "Unha das espiñas que me quedaron pendentes agora que decidin colgar as botas era xogar un último ano co Fisterra", explica abertamente. "Xa o falara con Desi o ano pasado, pero o grupo de Primeira, con tantos equipos de Santiago, facíaseme difícil pola distancia, e ademais xurdiu o tema de adestrar ao Xallas e despois de pensalo moito aceptei; non terme retirado en Fisterra e non ascender co Cerceda son as dúas cousas que me faltaron facer coma xogador", matiza con resignación. Iso si, nada nin ninguén lle vai impedir estar o domingo en San Paio de Refoxos con tódolos seus paisanos, animando como un máis, e con esperanza. "Creo que faría o que sexa por poder xogar esta final, e máis sabendo que aínda podería competir, pero é destos futbolistas que chegaron ata aí; a un partido, coidado co que pode pasar", advirte. O legado é o que ninguén lle poderá quitar nunca a Noé, quen foi dirixido por xente como Fabri no Burgos en Segunda División B e que cando mire ás súas vitrinas poderá contemplar tres títulos de Terceira División, unha Copa Federación, unha Copa Galicia, tres Copas Deputación da Coruña, unha Copa da Costa e mesmo un Campionato de España de Afeccionados, que lle deu o pasaporte para capitanear a Galicia na Copa das Rexións UEFA. E de aquí en adiante, ademais, seguirá a defender os intereses da Costa. A súa experiencia como delegado do provincial da Federación Galega sírvelle para definir así o papel da bisbarra no conxunto autonómico: "O órgano federativo é unha cousa difícil, antigamente non había ningunha ou case ningunha representación da Costa na Asamblea e cando eu estiven mudamos iso e queríamos representación de tódolos lugares de Galicia por igual, eu mesmo tentei que se fose igualitario coas zonas, e Sofán, Fisterra, Josito, Iván Pequeño e eu mesmo representamos á Costa na Federación; o que é difícil é cambiar as cousas con 6 ou 7 votos de 120". Polo de pronto, esa división competicional da Primeira privoulle a un mito, a un neno pródigo, de ter regresado a casa para a súa digna homenaxe. O domingo, os seus paisanos polo menos poden darlle a súa merecida ledicia.

Comentarios