O Interrogatorio de Leis con... Bruno Méndez Castro

Ás veces custa entender que os árbitros son só unha parte máis do fútbol, aquí na comarca do mellor fútbol do mundo tamén. Se retrocedemos no tempo, todos lembramos moitas anécdotas relacionadas coa arbitraxe, e a maioría delas hoxe en día avergoñaríanos. Pouco a pouco, esa situación foi decantándose cara ao sentido común, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Hoxe nesta sección traémosvos a alguén cuxo traballo arbitral nos nosos campos non deixa indiferente a ninguén. Por unha banda, hai quen o considera o noso mellor árbitro, e pola outra...

Eu xa son un que nos meus primeiros tempos nos banquillos era dos que adoitaba ter debilidade por saír na acta disciplinaria. Pouco a pouco vou saíndo menos nelas e tamén tiven as miñas diferenzas co noso protagonista de hoxe, pero despois de varias conversas con el, podo dicir que entendo moito mellor o seu traballo, e sobre todo as súas decisións. As novas xeracións de árbitros da costa asisten ás súas clases, e para min, iso é un gran éxito. Aquí está a miña conversa con Bruno Méndez Castro. Espero que despois de lela, mesmo aqueles de vós que estades máis afastados da arbitraxe vos acheguedes un pouco máis a ela.

  • ÓSCAR - Arbi, que pitas?

Pitarei a mellor liga do mundo.... a nosa querida e envidiada Liga da Costa.

Todo iso combínase co resto de categorías inferiores, 3ª Rexional e fútbol base, así como ligas galegas da comarca.

  • ÓSCAR - E por que árbitro?

Agora está de moda a resposta: e por que non? Jajajajajaja.

Ao final, méteste no mundillo por coñecidos ou por ser un futbolista frustrado. No meu caso foron ambos motivos. Polo ano 2005 un compañeiro de escola e gran amigo comentoume que na Coruña buscaban árbitros para pitar fútbol base, e que se podía compaxinar co fútbol.

Picoume a curiosidade e como futbolista xa empezaba a ter máis minutos no banquillo que no campo, e tras consultalo na casa, anotame; e ata hoxe...

  • ÓSCAR - En que equipo xogaches e en que posición?

Comencei de benxamín no Victoria CF da Coruña, e solía xogar de central en F8 e de lateral dereito en F11, supoño que onde menos molestara.

Era pequeneiro e rápido e disimulaba algo no campo, pero ao final o fútbol non era para min. Tomeimo como un hobby de cativo para facer deporte e estar entretido.

  • ÓSCAR - Lembras o teu primeiro partido como árbitro?

Árbitro asistente en Meicende pequeno nun Orillamar - Racing Ferrol, de liga galega infantil.

Os primeiros partidos sempre son como árbitro asistente, para ir acompañado dun árbitro con máis anos de experiencia, que te vaia dando pinceladas prácticas de toda a teoría que aprendeches nas clases de Regras de Xogo.

  • ÓSCAR - Pero, os árbitros ides a clases?

Pois imos, a arbitraxe está en continuo cambio e actualización, e nós, como tal, tamén estamos en continua formación e reciclaxe.

Todos os venres en Baio damos clase para os futuros árbitros na primeira quenda, e na segunda estamos os árbitros que xa estamos en activo debatindo xogadas, repasando regras de xogo ou aprendendo consellos e experiencias uns dos outros.

Bruno Mendez dando unha charla da RFGF
  • ÓSCAR - Pode ser que non vendades todo ese traballo na sombra, ou que nós non o valoramos; só valoramos os vosos erros?

Posiblemente sexa un pouco de todo, dende poñer en valor todo o que facemos antes de chegar o domingo coa nosa mochila a un terreo de xogo da bisbarra, ata que a xente comprenda que somos unha parte máis do fútbol, cos nosos acertos e erros.

Sempre dicimos que se fallamos unha de cada 100 xogadas, temos o 99% de acerto, pero sempre se nos recordará por ese 1% dos fallos.

  • ÓSCAR - Non tes a sensación de que se podería mellorar se a relación clubs, arbitraxe e federación fose moito máis fluída? Só se activa a relación cando pasa algo.

Foi unha demanda histórica, e foi un acerto da Federación Galega. Eses acertos que pouco se valoran no mundo do fútbol, jajajaja.

Eramos a única zona de Galicia sen ter autonomía e poder de decisión, e aínda que nacemos como Subdelegación, seguro que o crecemento nos converterá en delegación.

Para os árbitros costeiros tamén foi un lugar de encontro, para todos eses árbitros que andamos dispersos pola Coruña ou Santiago, facendo moitos quilómetros para desfrutar da arbitraxe.

O crecemento é espectacular, mérito dos nosos subdelegados Víctor e Manuel. Dúas persoas que traballaron e traballan de forma incansable para que isto siga adiante.

O éxito é de todos, pero especialmente deles.

  • ÓSCAR - O éxito foi tan claro e rotundo que incluso fóra da costa provocou envexa e certo malestar.

Totalmente. Xa iniciei falando de que a Liga da Costa é a mellor liga do mundo, e iso sempre se viu con recelo. A creación da subdelegación foi un beneficio para os clubs co abaratamento dos recibos arbitrais, e iso tamén afectou nos ingresos do colectivo arbitral; é un feito.

  • ÓSCAR - O traballo de Víctor e Manu foi e está sendo moi frutífero e tremendamente respaldado pola xente, sobre todo do entorno arbitral, pero ambos sufriron situacións inmerecidas, por que?

Gran pregunta, igual non teño a resposta exacta pois eu vivín a historia dende un lado dela. Pero eu notei unha imposición impropia dos mundos nos que vivimos.

Ben ves que a historia é segundo cha conten. O que está claro é que con Víctor fíxose unha inxustiza e con Manuel case se fai outra. Grazas a que os pais dos árbitros tamén viron a realidade e se xuntaron para defendelo.

O que máis destaca da subdelegación é o grupo humano que a conforma, 65 persoas unidas pola mesma paixón e remando todos a unha. E iso é unha realidade que custa aceptar.

  • ÓSCAR - E falando do apoio, o do entorno arbitral foi alto e claro, pero faltou o doutros compoñentes do fútbol costeiro?

Cada un é dono das súas palabras e escravo dos seus silencios.

Eu sempre vexo o vaso medio cheo e quédome con todos eses clubs que alzaron a voz nas reunións e toda a xente que se fixo eco da nosa problemática, como tamén foi, no seu momento, QPC, e defenderon o colectivo arbitral costeiro coñecendo a realidade do caso.

Bruno Mendez na retransmisión da Copa da Costa de QPC con Alberto Pose e Óscar Leis
  • ÓSCAR - Despois de estar noutra delegación e co teu traballo indo por toda Galicia, non cres que aquí aínda necesitamos máis unidade e menos localismo?

Por suposto, todo o que sexa sumar e mellorar, benvido sexa. Pero é un mal endémico da sociedade: todo o mundo quere prosperar a costa do resto, polo tanto os que buscamos un beneficio común somos mal vistos. Ti ben o sabes, que estás no mundo dos adestradores, o que se pelexa a xente por un banquillo en cuestión; pois na arbitraxe é algo parecido... todos se pelexan por un ascenso, e se ascende o compañeiro sábese que non ascendes ti, polo tanto eses "localismos" sempre van seguir existindo.

  • ÓSCAR - Pero tamén temos cousas boas; que din da costa noutras comarcas?

Somos xente auténtica, comprometida, defensora do "noso" e ben querida.

Temos xente moi boa e con moito futuro por diante, e temos xente moi traballadora que saca fin de semana a fin de semana o noso fútbol.

O fútbol da costa é querido polo país enteiro e a arbitraxe da costa, tamén.

A xente que conformamos este mundillo sentímonos orgullosos de ser costeiros, e ante iso, pouco máis hai que engadir.

  • ÓSCAR - A chegada de Louzán como presidente do Futgal deulle un impulso ao Fútbol Costeiro coa creación das Subdelegacións, incluída a arbitral, que na miña opinión foi un gran acerto. Pero agora mesmo creo que estamos estancados de novo, e creo que a costa debería ser delegación en todos os sentidos. Cal é a túa opinión sobre isto?

A costa xa conta con seleccións comarcais, cun gran número de equipos masculinos e femininos, e unha gran plantilla arbitral, moi nutrida en todas as categorías do fútbol galego.

Eu sempre creo que os cambios son bos, sempre que sexan para mellor, e aquí é un feito que todo melloraría en todos os estamentos do fútbol, polo tanto estou moi de acordo.

  • ÓSCAR - Voltando ao Bruno árbitro, ata que categoría chegaches?

3ª División e despois refundada en 3ª RFEF.

E como árbitro asistente, 2ª B e despois na refundada 2ª RFEF.

10 tempadas.

  • ÓSCAR - Como era o Bruno árbitro nos seus inicios e como é agora?

Sigue sendo a mesma persoa, cos seus acertos e erros, sempre moi visceral pero con bo fondo. Quizais os primeiros anos era algo máis impulsivo e coa experiencia e o paso das tempadas foi chegando esa "madurez" e esa serenidade necesaria para contrarrestar toda esa efusividade.

Sigo sentindo bolboretas no estómago con cada designación, e sigo desfrutando de todos os partidos que me toca asubiar.

  • ÓSCAR - Chegaches á 3ª División e como asistente da 2ª División B, que che impediu seguir progresando?

Nada en particular. O nivel en cada categoría é mellor, e obviamente non tiña ese nivel para mellorar o existente na categoría superior; hai que ser realista e sincero con un mesmo, e saber ata onde chegan as túas metas, e a miña foi alcanzar a 4ª categoría do fútbol español e desfrutar dunha gran liga como é a 3ª RFEF, con equipos e campos históricos do panorama nacional.

  • ÓSCAR - E que motivou o teu descenso?

Jajajaja. Temas unicamente deportivos, unha mala tempada.

  • ÓSCAR - Esperabas esa decisión?

Si... a comunicación é escueta, unha lista onde saen os nomes dos ascensos e descensos dentro duns movementos de categoría, e unha chamada telefónica 30 minutos antes para comunicar por parte do CTGAF que vas aparecer nesa lista.

Ninguén se espera un descenso, pero asúmese sabendo que todo o que estaba na miña man e todo o que puiden facer para manter a categoría estaba feito. A partir de aí, coa cabeza alta e a conciencia tranquila de 10 marabillosos anos na categoría.

  • ÓSCAR - Cando se produciu ese descenso?

Ascenso na tempada 13/14 e descenso na tempada 23/24.

E de aí... directo á Liga da Costa, por decisión persoal.

  • ÓSCAR - A 23/24 coincide no tempo coas disputas coa Subdelegación.

Si, incluso a tempada anterior fora o cese de Víctor e acabamos esa tempada con un intermediario designado polo CTGAF (Jorge Fojo), o cal se adaptou bastante ben á idiosincrasia da Costa. E na tempada 23/24 entra un novo delegado na Coruña e tamén na costa, e xa empezamos a traballar da man con Manu Espasandín.

  • ÓSCAR - Cres que pagaches o prezo por esas disputas nas que tomaches partido?

Creo que fun xusto comigo mesmo e cos que me rodean, defendín o meu, o noso, e os valores que aprendín dentro da arbitraxe me levaron a actuar.

Non creo nas vendettas nin nas cabezas de turco, pero sei que sempre fun un osiño duro de roer.

  • ÓSCAR - A verdade é que falar de Bruno Méndez no noso ambiente futbolístico xera opinións moi contraditorias e ti sábelo, como o levas?

Sempre levei moi ben as críticas, sempre que sexan construtivas. Sempre estamos en continuo proceso de aprendizaxe e todo o que se traslade dende a educación e o respecto, benvido sexa.

Uns quérenme e outros ódianme, pero ao fin e ao cabo cumpro o meu obxectivo: non deixar indiferente a ninguén.

  • ÓSCAR - A ver, despois desta entrevista teñen que ser menos os que che odien. Como é o Bruno do día a día?

Ufff... un bule-bule constante entre o traballo, as nenas e todo o que iso lle rodea (actividades extraescolares, horas de parque, etc.), e despois a preparación das clases dos venres en colaboración con Manuel Castro Mouzo, co que nos axudamos mutuamente na formación de toda a tropa da subdelegación. Cústame sacar 1 hora diaria para adestrar, pero grazas á miña parella, Ana, que fai auténticos malabares para que poida seguir dedicándolle tantas horas a este "vicio" chamado arbitraxe, á cal lle estou eternamente agradecido de que me siga aturando cando hai fines de semana que paso máis tempo fóra da casa que en familia.

5 penaltis:

  1. Un ídolo da arbitraxe: Ídolo, como tal, ningún; pero si me gustan os árbitros con personalidade, igual me sinto máis identificado con eles.

  2. Un ídolo futbolístico: Poucos ídolos tiven no fútbol, sempre me gustaron os xogadores aguerridos ou os dianteiros peleóns. Con esa descripción entran varios futbolistas que tiven a sorte de arbitrar.

  3. O partido que máis ilusión che fixo arbitrar: Obviamente a final da Copa da Costa, no meu caso foi Fisterra - Esteirana (2-1) en Santa Comba. Rodeado da familia e amigos, non podo pedir máis.

  4. A liada máis gorda: Liadas, moitas e gordas tamén. Quizais a máis sonada fora a volta do Barco de Valdeorras, cando tiveramos problemas na viaxe de volta.

  5. O mellor equipo que viches arbitrando: Tiven a sorte de pitar o Deportivo da Coruña en pretempada nas Eiroas, e as categorías están por algo... todo o facían máis rápido do normal e daba gusto ver ese fútbol.

2 tarxetas:

  • Unha amarela: O respecto arbitral.

  • Unha vermella: Os insultos no F8.

 

  • ÓSCAR - Rematar esta entrevista sen mencionar a túa vila natal, Corme, sería de cartón vermello. Eu, persoalmente, cando penso en Corme, ademais de Suso da Torriña veñenme á cabeza dous nomes de inmediato: Alejandro e Lucas Vidal...

Corme é fútbol, e é o exemplo perfecto de que con xente da casa se pode competir en calquera categoría do fútbol rexional; Suso da Torriña tivo moita culpa diso. E os froitos están aí, todos son ONE CLUB MAN.

Alejandro era o máximo expoñente desa filosofía, máis de 25 tempadas xogando no Cairo, e sempre cun trato excepcional co colectivo arbitral. Sempre axudaba á labor arbitral.

E casualmente falar de Corme tamén é falar de arbitraxe, dous colexiados nunha pequena vila mariñeira tamén é anecdótico.

Falar de Bruno é falar de contrastes, pero falar de Lucas é falar ao unísono dun excelente rapaz, tiña algo especial para a arbitraxe.

A vida non deixou que desfrutáramos máis del, e aínda me emociono ao recordalo, pero sempre din que só morre o que é esquecido; e Lucas, para a arbitraxe da costa, está sempre presente.

  • QPC - E para nós tamén. Grazas.

 

 

O Interrogatorio de Leis