O Interrogatorio de Leis con... Eloy García Feteira

Eloy Garcia Fateira con varias copas gañadas co Xallas

Cando Ubaldo e Alberto Pose me pediron que fixese esta sección, sinceramente non imaxinaba que a desfrutaría tanto. Con moitos nervios deille para adiante e o primeiro que fixen foi facer unha lista de posibles entrevistados e entrevistadas. Cando me decatei, case todos eran amigos e amigas que fixera ao longo dos anos no fútbol costeiro. É por iso que os críticos tedes razón cando afirmades que só entrevisto a amizades.

Esta semana dáse a casualidade de que apenas coñezo ao entrevistado, e iso motivoume moito á hora de escollelo de toda esa lista. Quería achegarme un pouco máis ao fútbol feminino. Tería sido doado cun amigo como Fran Figueroa, xa que nos coñecemos bastante ben, ou mesmo Rubén Souto, a quen coñezo menos pero con quen falo de cando en cando. Ambos caerán por aquí no futuro. Pero decidín ir con alguén que non coñecía tan ben; penso que acertei de cheo xa que, agora que rematou a entrevista, teño que dicir que a desfrutei moitísimo. Espero que vós tamén o fagades, xa que foi directo e sincero nas súas respostas, e iso a día de hoxe é un luxo; ademais atesora un palmarés ben bo.

Hoxe nesta sección temos a Eloy García Feteira (Santiago, Santa Comba, 1994). Un adestrador que a pesar da sáu mocidade xa conta cun palmarés importante, como Campeón galego coa Selección da Costa femenina sub11, 2 Copas da Costa Fem, 1 Liga de 2ª Galicia Fem, ademais de unha liga da Costa Infantil e outra Xuvenil.

Eloy Garcia Fateira cos seus compañeiros de banco
  • Óscar: Como empezou a túa relación co fútbol?

Eloy: Dende moi pequeniño xogaba na casa con meu irmán maior, despois na rúa cos amigos. Foi cando era infantil de primeiro ano cando, despois de moitos anos querendo xogar federado, meus pais leváronme a facer unhas probas ao desaparecido Autos Lobelle de Santiago. Nel xoguei 3 tempadas, pero unha lesión de xeonllo fixo que o tivera que deixar.
A todo isto, eu crieime en Santiago, e as fins de semana no verán viña para Santa Comba. Como os amigos da miña aldea xogaban no desaparecido Santa Comba, convencéronme para que xogara con eles na liga galega cadete, co que me supoñía vir de Santiago a adestrar; pero meus pais aceptaron e fun adestrado polo gran Huelvis, acompañado doutro referente como Ruper, cos que me une unha gran amizade. Xoguei ata o penúltimo ano de xuvenís; despois fun estudar fóra e parei.

  • Óscar: Huelvis e Ruper, case nada. Canto deles hai en tantas xeracións xalleiras?

Eloy: Si, como ben dis, creo que moitas xeracións lles debemos moito, porque non é só o que che ensinan a nivel futbolístico, senón os valores que che transmiten. Ao final, adestrando rapaces e rapazas non vives disto e, cando levas moitos anos, falo por paixón; cando tes a sorte de cadrar cun referente coma eles, hai que empaparse de todo o que se poida. Temos a sorte de que Ruper aínda segue adoutrinando xeracións, pero é unha mágoa que Huelvis o teña que facer nun pobo veciño. Como ben di o dito, ninguén é profeta na súa terra, e sempre se valoran máis aos de fóra ou os de fóra te valoran máis. Quédame esa espiña de non traballar con el ata o día de hoxe, pero espero que algún día chegue ese intre.

  • Óscar: Tiveron ambos algo que ver na túa decisión de pasarte aos banquiños?

Eloy: Si, claro que me influenciaron, aínda que dende moi pequeno sempre xoguei ao videoxogo Total Manager no ordenador e adiqueille moitas horas (jajaj). Foi algo que me gustou de sempre: analizar tácticas rivais, como contrarrestalas, a ocupación de espazos, etc. Foi Ruper quen me tendeu a man e me meteu no Xallas hai 8 anos; intentárao uns anos antes pero por dispoñibilidade non poiden, volveume a insistir e dende aquela aquí estamos.

  • Óscar: É como imaxinabas?

Eloy: Bueno, a nivel de rapaces e rapazas creo que é moi agradecido. Se te involucras, tanto os que xogan como os que non xogan che agradecen o tempo que lles adicas. O problema creo que está nos pais e nais; vivimos nunha sociedade sobreprotectora. Antes os pais non se metían en temas de decisións de adestradores nin de profesores, e isto cambiou; creo que iso é un desgaste innecesario que temos no fútbol base os formadores. Tamén a relación cos que mandan, directivos e directivas, xera desgaste cando non cadras coas súas ideas ou che poñen trabas e non te sentes valorado ou valorada. Isto todo é o peor de ser adestrador, pero ao final a gratitude dos xogadores e xogadoras é o que te leva e é a gasolina para seguir. Seguramente, se non fora polos temas de desgaste aos que aludín anteriormente, tería gasolina para máis anos, pero xa estou na reserva.

  • Óscar: Oito anos no Xallas, cal é a túa valoración desta etapa?

Eloy: Non podo estar máis que agradecido e satisfeito con toda a xente que me rodeou e me apoiou, porque creo que é difícil estar do lado dunha idea ou persoa que é reacia á maioría e, sobre todo, facer visible que apostas por iso. Como adestrador tamén progresei, non son o mesmo que comezou; aprendín moito das xogadoras e xogadores que adestrei e espero que eles aprenderan un pequeno chisco de min. A nivel futbolístico creo que vivín algo irrepetible, porque conseguín 6 títulos en 7 anos. Creo que non é o normal e aínda non o valoro como debería ser. Pasei por diferentes categorías dende alevín a xuvenil e, xunto con Ruper, creamos a sección feminina que tantos éxitos está a dar. Fomos o primeiro club da costa en xogar na Primeira Arzúa-Ulloa e en ter dous equipos senior feminino, e esta tempada imos sacar un infantil feminino. O crecemento desta sección tamén é para min un título máis, porque custou moito; tivemos que romper moitas barreiras e prexuízos e, con xente coma Toñín ou Laura, isto é o que é hoxe en día. O día que me vaia gustaríame que fose un proxecto sólido e que teña continuidade no tempo, nutrindo de rapazas da base, porque cada vez hai máis equipos e é moi complicado fichar rapazas. Se conseguimos isto, podo marchar tranquilo e sentirme moi orgulloso do traballo realizado.

  • Óscar: Un período frutífero no club pero tamén nas seleccións comarcais, como viviches esa experiencia?

Eloy: O da selección foi un premio; cando xurdiu a oportunidade non mo pensei. Teño que agradecerlles a Silvia e a Manolo que confiaran en min. O primeiro ano que competimos levei unha selección de primeiro ano case na súa totalidade e competimos moi ben; sabía que para o seguinte iamos dar que falar, pero nin me imaxinaba campión e con tal contundencia como foi ese 5-0 ante Vigo na final. Foi froito das rapazas, pero tamén de moitos adestramentos para engrasar ese equipo que namorou a toda Galicia e que continuou este ano volvéndose proclamar campión con Rubén. Son a xeración de ouro da nosa comarca e nas nosas mans está darlles os recursos para que continúen formándose nela. Para iso, tamén nós como formadores temos que seguir aprendendo e nutríndonos de novos coñecementos, porque o fútbol non para de evolucionar e nós temos que evolucionar con el para darlles as mellores ferramentas ás xeracións que están por vir.

Eloy Garcia Fateira coas sub 11 da Seleccion da Costa campionas de Galicia
  • Óscar: Sen dúbida, fixeches un traballo fantástico tanto no Xallas como nas comarcais. En canto ao teu último punto da resposta anterior, creo que co ritmo ao que evoluciona o fútbol, a reciclaxe é esencial. Ti que opinas?

Eloy: Si, como ben dicía antes, hai que seguir formándose, nunca se deixa de aprender. Por iso penso que de vez en cando fai falla un parón para reciclarse, ver adestramentos doutros adestradores ou formar parte doutros corpos técnicos. A formación da Federación é esencial, pero ver como xestionan compañeiros e compañeiras os seus equipos paréceme o máis enriquecedor.

  • Óscar: Algunhas das túas respostas delatan un certo cansazo que seguramente provén dunha combinación de circunstancias, xa que despois de tantos anos acumulas experiencia, tanto boa como mala. Como reseteas para afrontar uma nova tempada?

Eloy: Esta vai ser a oitava. Pois a verdade é que é complicado; non chegas a desconectar nin nas vacacións, planificando a tempada seguinte, fichaxes, baixas... Sempre te atopas con sorpresas de última hora que che levan ao traste o que tiñas pensado e tes que remendar para saír a competir. A única gasolina son elas: puxen a primeira pedra da sección feminina e dáme pena que, se o deixo, poida desaparecer despois de todo o traballo realizado. Elas son a miña segunda familia, véxoas máis a elas que a meus pais, pero tamén é verdade que hai que saber cando marchar; o fútbol son ciclos e o meu está rematando.

  • Óscar: Estás aberto a novas experiencias no futuro?

Eloy: Si, claro, sempre que sexa para mellorar e que haxa un proxecto atractivo que me motive, haberá que estudialo. Tamén penso que un descanso me viría ben para ter tempo para adicar á familia e poder ir observar adestramentos doutros místers e empaparme das súas metodoloxías de traballo.

  • Óscar: O crecemento do fútbol feminino nos últimos anos foi claro e rotundo. Agora parece que estamos nunha etapa de consolidación onde, obviamente, algúns clubs non son capaces de seguir con equipos, pero a maioría si. Na base tamén se están dando grandes pasos. Que futuro lle prevés ao fútbol feminino na costa?

Eloy: Obviamente houbo un boom de equipos e o crecemento nos últimos anos foi unha barbaridade a nivel costeiro, pero non contamos cun número de xogadoras suficientes para nutrir todos os equipos que se fixeron, e é unha mágoa que algúns se desfixeran e que outros pasen apuros todos os anos para saír a competir. A solución que lle vexo é investir na base, en formar nenas para nutrir os equipos senior, darlles un lugar a esas nenas que non queren competir en mixto e que, xogando con iguais, si se animan a desfrutar deste fermoso deporte. Creo que agora mesmo somos un referente por número de equipos a nivel costeiro, coa selección (como ben dixemos antes) colleitando éxitos, equipos en todas as categorías autonómicas e creo que nun futuro chegaremos a xogar a nivel nacional, porque materia prima hai; o que fai falla é xente que se involucre, que realmente aposte por elas e que lles deamos as ferramentas precisas para conseguilo.

  • Óscar: Despois de adestrar tanto en categoría masculina como feminina, non notas dous bandos distintos entre os adestradores e adestradoras? Case non hai movemento dunha categoría a outra, coma se houbese algún tipo de encasillamento. O teu futuro é no fútbol feminino ou estás aberto a calquera proxecto?

Eloy: Si que o noto, si, pero eu considérome adestrador de fútbol; non me encasillo en feminino nin en masculino, para min é o mesmo deporte. Penso que hai moitos adestradores reacios a adestrar rapazas; polo que falo con outros clubs, custa atopalos e creo que é por prexuízos ou mitos que non deberían existir. Está claro que ten peculiaridades, pero o mesmo pasa cando pasas dunha categoría a outra, tanto a nivel técnico, nivel de coñecemento de equipos ou mesmo na base; cada categoría tamén ten os seus pros e os seus contras. Estou aberto a calquera proxecto que me resulte interesante e me motive.

  • Óscar: Xa escoitei a varios adestradores e adestradoras de fútbol feminino dicir "se apostan por elas". A día de hoxe, o compromiso dos clubs non é o mesmo con elas que con eles?

Eloy: Está claro que hai diferenzas e non se lle dá o mesmo valor a elas que a eles, nin o mesmo mérito ao que conseguen. Parece que o que fan elas é fácil e a min aínda me parece máis difícil, porque elas teñen que romper todas esas barreiras e obstáculos que a sociedade lles puxou no camiño. E xa non é só que aposten por elas a nivel amateur, tamén a nivel profesional; imos dando pasos e xa percorreron camiño, pero aínda queda moito para que gocen de igualdade.

  • Óscar: Fálame da xestión de grupos; sen dúbida é extremadamente importante para o bo funcionamento do grupo, pero a miúdo escoitamos que é máis complicado no fútbol feminino. Dirixiches tanto grupos masculinos como femininos.

Eloy: O que máis diferenza noto é que as rapazas se moven por amizades e que poucas queren competir; prefiren estar coas amigas e non dar ese paso a subir de categoría, mentres que os rapaces fano sen pensalo cando os chaman de equipos superiores. A nivel de vestiario, eu xestioneinos de igual maneira a todos: son o mesmo adestrador e a mesma persoa, sabes que cada xogador ou xogadora é diferente, cuns tes que ter máis tacto que con outros, igual que o nivel e esixencia cara eles ou elas tamén varía según quen sexa. A min paréceme un mito iso de que sexa complicado, tamén hai vestiarios masculinos complicados.

  • Óscar: E outro aspecto importante é a xestión da directiva. En Santa Comba (visto dende a distancia) sempre houbo certa inestabilidade, con moitos trocos de directiva, con xente que marchaba por falta de entendemento entre eles, etc. A chegada de Doro parece que xerou esa estabilidade tan necesaria. Todos coñecemos ao grandísimo xogador, pero como é o Doro presidente?

Eloy: Doro é unha persoa coa que se pode falar e é razoable. É un home de fútbol e leva toda a vida nisto, polo cal creo que está facendo unha boa xestión a pesares dos poucos efectivos cos que conta na directiva. Se non fora por el, eu non seguiría no club. Para mi deberían de involucrarse máis xente do pobo e máis pais de rapaces; é insostible que 3 ou 4 persoas tiren dun club de 300 fichas, de 5 partidos por semana no Fontenla nos que tes que atender a cantina. É moi sacrificado, e seino porque un ano miña muller e meu cuñado estiveron nela e tocoume pasar alí sábados e domingos enteiros, para que despois ninguén cho agradeza e só haxa queixas. A maioría da xente que está en directivas son xente de bem, que o dan todo sen recibir nada a cambio e non están nelas para gañar cartos ou facerse ricos, pero pola fama duns poucos que o fixeron pagan o resto e iso prexudica aos clubs e directivas, e a xente é reacia a colaborar con eles.

Eloy: Está claro que se miramos a nivel comarcal e non nos centramos no ámbito local é máis fácil poder medrar, pero penso que cambiar a mentalidade da sociedade é moi complicado.

  • Óscar: A sociedade ten agora unha ferramenta moi a man: as redes sociais. Estes días estamos a ver moito debate arredor da fichaxe dun rapaz en idade xuvenil de Muxía que xoga no Deportivo e parece que vai para o Real Madrid. Moitos critican á familia e ao rapaz por tomar esa decisión, unha decisión que lles corresponde unicamente a eles, e estou seguro de que case o 100% dos críticos farían o mesmo se estivesen nesa situación. Canto nos afastan as redes sociais da vida real?

Eloy: Moito, para min fan máis mal ca ben. Vivimos escondidos detrás das pantallas e opinamos sen respecto de cousas que non nos incumben e coas que podemos estar facéndolle dano a persoas, como pode ser o caso deste rapaz. A decisión é da familia, pero os que opinan fano dende o fanatismo e non dende a obxectividade. As redes son postureo, alí só aparece o que queiras que apareza, e estamos ensinando ás novas xeracións ese afán de protagonismo de saír nelas. Creo que as empregamos mal; se foran ben empregadas serían unha ferramenta moi útil de comunicação e visibilidade.

  • Óscar: Ti como te sentiches durante este interrogatorio?

Eloy: Moi cómodo, foi unha auténtica gozada e sempre é un orgullo que se acorden dun.

  • Óscar: Sodes de leelos?

Eloy: Si, sempre e cando a personaxe me chame un pouco. O último que lin completo foi o de Felipe. O de Pequeño, ao non coincidir con el, só sei del de oídas, pero fareino cando teña tempo.

  • Óscar: Déixoche as verbas que dixo Diego Lobelos nunha das charlas que argalla QPC: "Cando fala Pequeno hai que escoitalo". Hoxe falou Eloy García Fateira e recomendo leelo con moita calma, vale a pena. Non te vas librar dos cinco penaltis de quenda:
  1. Mellor momento futbolístico ata agora: Complicado elixir. A liga que gañei cos xuvenís foi moi reñida e desfruteina moito; o campeonato galego coa selección tamén foi irrepetible e, despois, a liga que gañamos co feminino despois dunha reestruturación de 8 ou 9 baixas, con só 16 xogadoras durante a tempada, tamén foi espectacular, así que non me podo quedar cun só, síntoo.
  2. Un soño por cumprir: Gustaríame poder vivir de ser adestrador e adicarme só a isto.
  3. Non es de Santa Comba se non veraneas en Louro, ti onde veraneas? Xa dixen na entrevista que me criei en Santiago e veraneaba en Santa Comba.
  4. Completa a frase: Gañar a Copa da Costa é... Creo que é moi especial, porque da maneira que se vive o fútbol na nosa zona non se vive en ningún lado. Meter 1.100 persoas nun partido feminino foi unha auténtica tolería!
  5. Resultado da final do Mundial: Gaña España 1-0.

 

O Interrogatorio de Leis