O Interrogatorio de Leis con... Jose De la Sierra
Falar de Vimianzo, en termos futbolísticos, é pensar no Soneira, con todo o respecto polos outros clubs do concello que competiron e aínda compiten, como o Baíñas actualmente. Para min, pensar no Soneira é pensar nun apelido. Sei que hai moitos e moi bos neste club histórico, pero na miña lista, el é o primeiro. Víno xogar, moi ben por certo, compartimos algunha Compos Cup e agora sufrín contra el no banco contrario. Unha carreira fabulosa como futbolista, e estou seguro de que será aínda mellor como adestrador. Esta próxima tempada dirixirá o seu club de toda a vida. Hoxe gozamos charlando con Jose De la Sierra.
- ÓSCAR – Cando dis ou pensas en Jose de La Sierra, vén rapidamente á cabeza o Soneira. Como comezou a túa conexión co fútbol e co club?
Pois non sei se me gustou antes o Soneira ou antes o fútbol. Eu ía ver o Soneira tódolos domingos que xogaba na casa con meu pai dende moi, moi neno, por iso non sabería case dicir se me gustaba ir ver ao Soneira porque me gustaba o fútbol ou me gustou o fútbol de ir ver ao Soneira; supoño que todo se xuntou. Ao pouco xa comecei a ir tamén aos de fóra, íamos Javito e eu case sempre con Manuel Ángel ou Víctor da Seat, que daquela eran xogadores.
E a xogar, pois o mítico, daquela non había por aquí aínda fútbol 8 e xogábamos a fútbol sala a través das escolas municipais nas ligas comarcais adestrados polo gran Fato, ao que gardo un inmenso cariño. Tamén o Maratón das Estrelas en Cee, que gran torneo! Logo no Soneira comecei a xogar sendo infantil en categoría cadete. Recordo que o primeiro partido foi no Balsiño de Baio, que non está nada mal para ser unha primeira vez.
- ÓSCAR – Debutar no Balsiño é algo que está ao alcance de moi poucos, que recordas dese día?
Pois fíxate, recordo que era un amigable, que xogábamos coa "condición" de local, que perdéramos 3-6 e que o mesmo Javito que xa nomeei na resposta anterior marcara os 3 goles; e, sen embargo, agora teño algunha dúbida co rival, aínda que diría que foi o Cabana case seguro. E logo recordo os rachóns no vestiario para acender a caldeira e poder ducharnos, por exemplo. Eran outras épocas e pasaron xa uns cantos anos, mala sinal, jajaja.
- ÓSCAR – Como se soporta a Javi durante tantos anos?
Jajajaja. Como se soe dicir, a familia que se elixe. Son moitos anos e moitas vivencias tanto con el como co resto de amigos, onde a gran maioría somos os que sempre xogamos xuntos ao fútbol dende nenos. E por responder un pouco á pregunta, pois no caso de Javi imaxínate, hai tantas anécdotas que darían para escribir un libro.
- ÓSCAR – Non estaría mal aturalo algunha tempada máis para engadir algún capítulo ao libro?
El ben sabe que a súa casa sempre será esta.
- ÓSCAR – Esta xa foi unha resposta moi de adestrador, botaremos en falta a túa faceta de xogador sen dúbida, pero xa que estamos, como afrontas esta etapa no banquiño do Soneira?
Pois con naturalidade e confianza. Penso que é un bo momento, indo moi da man do club no que cremos que debemos ser e cal debe ser a nosa identidade, e contamos cun grupo fantástico. Xogadores que levan toda a vida, outros que chegaron estes últimos anos pero están moi integrados e son como da casa, poucos reforzos pero dun gran nivel, e rapaces que acaban a categoría xuvenil ou incluso aínda o son e aos que coñezo moi ben e sei todo o que poden dar. Temos o equipo que queremos e coa xente que queremos, por suposto dándolle importancia ao nivel futbolístico, pero tamén moito valor ao lado humano, imprescindible para crecer como grupo e como equipo. E ademais, coa axuda de meu irmán Basti, co que non me podo entender mellor en tódolos sentidos. Así pois, afronto a tempada con moita ilusión e ambición.
- ÓSCAR – Cal será a proposta futbolística?
O primeiro de todo, ser solidarios e estar activos e concentrados á hora de defender. Máis alá de facelo dunha forma ou doutra, a predisposición é clave. Se isto non se leva a cabo, calquera proposta que se queira ter logo con balón non servirá de nada. E a partir de aí si, a idea inicial será ser propositivos, tentar levar o peso dos partidos e buscar a portería rival. Pero o dito, se un quere ter o balón e ser protagonista con el, hai que ter a intención de recuperalo canto antes cando non o ten. E sen esquecer que tamén hai un rival, que tamén ten a súa proposta e ao que moitas veces tocará adaptarse. En cantas máis situacións e diferentes circunstancias sexamos capaces de manexarnos, moito mellor.
- ÓSCAR – A túa chegada ao banco foi sorprendente, non pola decisión en si, senón polo momento, a dúas xornadas do final de liga. Como viviches ese momento?
Si, está claro que non foi da forma habitual e un pouco sorprendente polo pouco que quedaba para rematar a competición; eu incluso estaba de viaxe en Suíza cando me falaron da posibilidade. Sei que non foi unha decisión fácil de tomar por parte do club, eu adestraba aos xuvenís e entón pensaron que podería ser a mellor opción. Con todo, o importante é que saíra ben e se cumprise o obxectivo que había nese momento, e así foi finalmente.
- ÓSCAR – Unha longa carreira como xogador, principalmente no Soneira pero tamén con experiencias noutros clubs. Fainos un breve resumo dela e dinos con que momento te quedas.
Si, ata sénior estiven sempre no Soneira, onde en xuvenís gañamos a primeira liga da historia do club en categorías inferiores. Nesas idades xa ía case sempre co primeiro equipo, con Cambeiro e logo con Braulio, actual director deportivo de Osasuna. Nos seguintes anos había un equipazo e ante a falta de minutos decidín marchar, estando uns meses no Porteño e logo catro anos marabillosos no Camariñas, con adestradores como Papi, Manolín, Pepucho ou Berto, co gran Vicente Carril, compartindo mediocampo con Moriño... e onde conseguimos ascender a Primeira Rexional. Teño un gran recordo desa época.
Logo xa volvín para o Soneira ata a miña retirada fai un par de anos. Sen dúbida, se tivera que elixir un momento sería o ano do 50 aniversario do Soneira, no que gañamos a liga de Primeira Rexional co conseguinte ascenso a Preferente, con Manolito de adestrador, e no cal tamén chegamos á final de Copa da Costa, que perdemos a penaltis. Éramos ademais un grupo de amigos. Non me quero esquecer tampouco dos anos no Soneira onde nos adestrou Pedro, onde desfrutei moitísimo xogando.
- ÓSCAR – Catro anos no Camariñas de Don Vicente Carril, unha auténtica lenda do noso fútbol...
Só podo ter boas palabras de Vicente, para min a maior personalidade da historia do Fútbol da Costa sen dúbida. Eu creo que non somos de todo conscientes do valor e magnitude que ten todo o que fixo e segue facendo durante tantos e tantos anos. El sempre está do lado dos xogadores, sempre apoiando, sempre sumando. É o mellor.
- ÓSCAR – Cando decidiches que ías ser adestrador?
Sempre me tirou moito. Xa de neno era o mítico que xuntaba á xente para facer un equipo e ir a torneos, que facía aliñacións no colexio ou que pasaba horas e horas xogando ao PC Fútbol. Logo xa no último ano xuvenil comecei adestrando ao cadete do Soneira, onde estaban Basti, Mayor, Roi, Richi que aínda era infantil... non nos faltou moito para ascender ese ano! Logo fun adestrando algún que outro ano a diferentes equipos no Camariñas, Cee, Bergantiños e Soneira, e ata hoxe. A min encántame adestrar, tanto ou máis que xogar, diría.
- ÓSCAR – Ao longo da túa carreira futbolística pasaron numerosos adestradores, cal foi o que máis che influenciou?
Teño un gran recordo de moitos deles, de Manolín, de Cambeiro, de Rafa, de Leiva e Luciano... de cada un me podo quedar con moitas cousas boas, pero teño que quedarme con tres: con Fato, porque foi o que nos adestraba de nenos nas escolas municipais e para nós foi como un pai. Todo o que nos ensinou e educou hoxe en día aínda o valoro moito. Con Manolito, porque foi o que nos cambiou a mentalidade á nosa xeración e nos fixo crer realmente en nós. E con Pedro, porque me encantaba a súa forma de adestrar, os adestramentos eran de moita calidade e ademais sempre tiven unha gran relación persoal con el.
- ÓSCAR – Que adestrador che gustaría ter e non tiveches?
Guardiola, jajaja. Pois mira, si que creo que foi unha pena que Míchel non entrenase uns anos ao Soneira. Ao final ten unha forma de ver e entender o fútbol e tamén a vida que creo que sería moi beneficiosa para o club, tanto os anos que el estivese como anos posteriores. Xente como el ao final hai que escoitala sempre e marcan dalgunha forma o camiño correcto a seguir.
- ÓSCAR – Con que xogador te quedas dos que compartiches vestiario?
Con Basti, non podería ser outro. A nivel persoal sobra que dicir, e a nivel futbolístico para min foi dos mellores dianteiros da costa e seguramente un dos máis infravalorados.
- ÓSCAR – E cal che gustaría adestrar dos que aínda non tiveches oportunidade?
Buff, aquí ao final hai grandes xogadores na costa e practicamente non adestrei a case ningún. Por dicir un nome, direiche Manu Nogueira. É un xogador cunhas condicións e entendemento do xogo que facilita moito as cousas ao seu equipo. Todo mellora cando pasa por el.
- ÓSCAR – Ademais de branco polo Soneira, branco tamén polo Real Madrid, pero madridista de Negreira ou obxectivo?
Jajaja, eu diría que obxectivo dentro de que logo pois sempre defendes dalgunha forma ao teu equipo. Temas como o de Negreira ou similares gústame utilizalos máis á hora de vacilar que como argumento en si mesmo. Realmente danme un pouco de preguiza todos eses debates de chiringuitos.
- ÓSCAR – Guardiolista?
Por suposto. É innegable que había unha forma de xogar ao fútbol antes de Guardiola e hai outra despois. Cambiou a forma de entender e levar a cabo non sei se o deporte, pero si o xogo.
- ÓSCAR – Que cambios necesita o Fútbol da Costa para seguir medrando?
O primeiro e máis importante para seguir medrando é non retroceder, non dar pasos cara a atrás. Que os que se den sexan firmes e cara a adiante. Para min algo importante, sobre todo nestes tempos, é vender ben o produto, e poño como exemplo a última final de Copa. Canta xente incluso allea ao Fútbol da Costa foi partícipe xa dende pola mañá? É un camiño a seguir.
Está claro que non podes facer o mesmo ao longo da tempada, pero si outro tipo de cousas para achegar cada vez máis á xente. Hai que ter ideas e atreverse a levalas a cabo, adaptarse aos tempos, aproveitar o poder das redes sociais... Ao final iso terá un impacto social que debería repercutir positivamente para medrar. O Fútbol da Costa ten un potencial enorme e debe ser unha marca en si mesmo.
Por outro lado, hai aspectos nos que se traballou moi ben estes últimos anos e pode que chegaran nun momento clave, como a creación da subdelegación, a participación das seleccións de fútbol base en campionatos galegos ou a formación dos adestradores.
- ÓSCAR – Levas uns anos adestrando na base, como ves o futuro costeiro?
Con luces e sombras.
Hai un problema evidente e irremediable que é que cada vez hai menos nenos, o cal imposibilita que moitas veces haxa clubes que non poidan apenas crear equipos. Logo xa depende de cada club ou adestrador, e seguramente cada vez son máis casos aislados, pero si creo que en ata certas idades debería ser obligatorio que todos os nenos participasen á hora de xogar e non é sempre así.
Outro aspecto importante é que falta moita rúa, nenos con creatividade e que se salgan do guión. Por outro lado, en xeral si se nota a formación dos adestradores, hai unha maior calidade de adestramento. Cada vez tamén noto máis unha melloría no respecto dende a grada e no comportamento dos pais, mais notando certa melloría segue quedando moito por mellorar. E no que si medramos e excepcionalmente é en que cada vez hai máis nenas e máis equipos de fútbol feminino de base. Penso que aí a Costa da Morte está sendo un exemplo moi gratificante.
- OSCAR – E que me dis do traballo das directivas, por exemplo a vosa, un traballo tremendo pero que penso está infravalorado.
É xente que dedica moito do seu tempo a cambio de nada para que uns poucos poidamos facer o que máis nos gusta. Non somos conscientes de todo o traballo que fan, xente cos seus traballos, coas súas familias, coas súas afeccións, e aí están día a día traballando sen parar. Por suposto que está infravalorado, e non o agradecemos o suficiente. Sen directivas non habería fútbol, así de simple.
- ÓSCAR – E máis aínda se ás institucións lles custa investir en deportes e cultura; cres que aínda queda moito camiño por percorrer nese sentido?
Unhas boas axudas son importantes, unhas boas infraestruturas son importantes, dar visibilidade é importante. Vou ser sincero, non coñezo a fondo as situacións como para opinar se todo o que se inviste é o que se pode, ás veces o máis doado é dicir que non é suficiente. O que está claro é que todo o que sexa facelo en deporte e en cultura ben feito estará, porque son dous piares básicos sobre os que se debe me sustentar un espello social de calidade.
- ÓSCAR – Nese sentido, visto dende fóra, creo que tanto a directiva do Soneira como o propio concello están a traballar xuntos de xeito positivo, sendo a mellor proba a organización da final da Copa. Como o ves dende dentro?
O Soneira comezou co fútbol base hai apenas tres tempadas e actualmente conta con 9 equipos de fútbol base e 2 primeiros equipos, tamén coa recente creación de equipos de fútbol base feminino. Iso tradúcese en case 200 fichas de nenas e nenos, coas conseguintes familias que conviven sobre todo ao longo de tódolos fins de semana. Iso ten unha repercusión no pobo á cal o concello non é alleo. Se queremos seguir construíndo algo bonito é moi importante que se vaia da man. Remando todos nunha mesma dirección é moito máis doado alcanzar as metas.
- ÓSCAR – Un desexo para o que está por vir.
Que siga habendo por moitos anos un Soneira no que a xente sexa a prioridade.
- ÓSCAR – Remataremos con 5 penas máximas.
- 1. Como é convivir xunto a xogadores e adestradores tan bos ao longo da túa longa carreira como xogador, e despois xogar ao fútbol sala con Álvaro Rodríguez? Que choque de estilos.
Álvaro é a persoa coa que máis títulos conseguín xogando! A cociña disque non se lle dá mal, pero moito mellor presidir o fútbol sala.
- 2. O mellor árbitro da costa:
- 3. Coñeces ao fillo do alcalde?
Din que MazingerZ nos seus ratos libres.
- 4. Tras o Asalto ao Castelo, asaltará o Soneira a Costa?
Tentará loitar con toda a súa coraxe irmandiña e coa unión do pobo.
- 5. Comerá Xosé Mourinho o turrón?
Brindará cun Oporto a principios de xuño nalgunha sala do Metropolitano.
O Interrogatorio de Leis
- O Interrogatorio de Leis con... Bruno Méndez Castro
- O Interrogatorio de Leis con... Eloy García Feteira
- O Interrogatorio de Leis con... José Manuel Pequeño
- O Interrogatorio de Leis con... Felipe Vilela
- O Interrogatorio de Leis con... Alberto Pose
- O Interrogatorio de Leis con… Gini Vidal
- O Interrogatorio de Leis con… Alvaro Rodríguez Caamaño da Lonxa d'Álvaro.
- O Interrogatorio de Leis con… Julio Vila Torres.
- O Interrogatorio de Leis con… Juan Cabrejo.
- O Interrogatorio de Leis con... Manuel Varela.
- O Interrogatorio de Leis con... Pablo Vigo.
- O Interrogatorio de Leis con... Miguel Chouza.
- O Interrogatorio de Leis con… Borja Facal.
- O Interrogatorio de Leis con… Trucho.
- O Interrogatorio de Leis con… Josiño Mira.
- O Interrogatorio de Leis con… Serguei.
- O Interrogatorio de Leis con… Dora.
- O Interrogatorio de Leis con… Vítor Recarei.
- O interrogatorio de Leis con Silvia Cancela.