Venres. 18.10.2019
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Isto váisenos...

Trío arbitral no Pino do Val
Trío arbitral no Pino do Val

A temporada 2018/2019 está a piques de baixar o telón, e esta fin de semana haberá xa máis xente pendente das urnas que dos terreos de xogo, nos que non chegarán ao medio cento de partidos os que se disputarán na Costa da Morte.

Enquisa de incerto resultado

E se o resultado das urnas do domingo é incerto, o da tan querida Copa da Costa, despois do cúmulo de sorpresas da pasada fin de semana, aínda o é máis. Oito equipos en liza, agora xa en eliminatorias a dobre volta, dos cales catro son equipos da Terceira Galicia (aínda que nalgúns casos por pouco tempo, pois tres deles acadaron o ascenso á Segunda nesta temporada). E o caprichoso bombo quixo, ademais, que os dous únicos equipos de Primeira que restan na competición (Baio e Esteirana) se enfrontasen entre si.

Así as cousas, catro interesantes partidos para este domingo, onde as eliminatorias a priori máis igualadas son as que enfrontan a equipos da mesma teórica categoría (na temporada que remata, que non na vindeira), o xa mencionado derbi de Primeira, e o duelo de Terceiras entre Camariñas e Coristanco (domingo, 18.00 horas, Hermanas Patiño, Marcos Ordóñez, auxiliado por Iván Vilanova e Iván Ferreiro).

Despedindo a temporada país adiante

Tres colexiados costeiros despedirán diferentes competicións ao longo da xeografía galega. 

O sábado, Bruno Méndez arbitrará o Deportivo B-Pabellón da Liga Nacional Xuvenil. Será ás 17.00 horas na Cidade Deportiva de Abegondo, e estará auxiliado por outros dous colexiados costeiros, Pablo Rama e David Vázquez.

E o propio Pablo Rama baixará o domingo o telón da Preferente Galicia dirixindo o Noia-Foz (18.00 horas, San Lázaro de Noia), un encontro no que contará con dous asistentes da Delegación da Coruña, Sergio Sánchez e Óscar Núñez.

Unha viaxe algo máis grande enfrontará un trío costeiro encabezado por Adrián Pérez quen, acompañado por Juan Marcos Ríos e Sebastián Pérez, dirixirá o mesmo domingo, ás 17.30 horas, o partido do play off de ascenso a Preferente Galicia que enfrontará no Municipal de Barreiro a Gran Peña e Umia.

Poucos pero escollidos partidos no fútbol base

A competición tamén toca á súa fin no fútbol base, e ademais dos partidos de Copa da Costa (algúns adiantados, polas fases de ascenso que collen de cheo a equipos costeiros) haberá unha presadiña de encontros ao máximo nivel.

Por unha banda, a Liga Galega Xuvenil péchase cun fermoso derbi costeiro que poñerá fin a unha temporada máis que notable de ambos conxuntos. O sábado, no Conco, a partir das 16.00 horas, mídense Dumbría e Bergantiños baixo a dirección de David Castreje (auxiliado por David Cancela e Rai Reborido).

E varios equipos costeiros disputan esta fin de semana os partidos de volta das súas eliminatorias de ascenso a ligas galegas.

O domingo, ás 11.30 horas, no Platas Reinoso, o Concello de Zas recibe, en categoría cadete, ao Narón B (David Vázquez, José Ageitos e Breogán Rey).

E na matinal do sábado, ás 12.00 horas, no Sampaio de Refoxos, o Cee de categoría infantil recibe ao Boiro (David Castreje, Daniel Martínez e Lucas Vicente); e á mesma hora, pero no Conco, o Dumbría recibe ao Numancia (Alberto Baña, José Ageitos e Iván Vilanova).

E como a temporada remata, comezan (este sábado, no Carral e no Hermanas Patiño, organizados por Sofán e As Baleas) os xa tradicionais torneos de fútbol base. 

Tamén haberá play off de ascenso nas Eiroas para o equipo feminino do Bergantiños, que o domingo (12.00 horas, David Castreje) recibe ao Friol.

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais teñen os horarios e os resultados en directo en www.futboldacosta.com (as competicións ligueiras) e as fases de Ascenso e as Copas en www.copadacosta.com

Comentarios