Martes. 13.04.2021
El tiempo

Josiño Abelenda, tecendo fíos entre As Eiroas e o Fútbol da Costa

Apaixoado do Fútbol da Costa, este zaseiro leva xa 5 anos nas Escolas Deportivas Luís Calvo. Polas mañás cómpre traballar, en Sogama, pero polas tardes seguro que o atoparás nas Eiroas, coordinando unha das canteiras máis prolíficas de toda a provincia.

Falamos con Josiño Abelenda, este coristanqués de Cuns, criado nas fins de semana de San Andrés (Zas), agora nas Eiroas.

Jose Abelenda nas Eiroas
Josiño Abelenda nas Eiroas. Foto: Laura Muíño
Josiño Abelenda, tecendo fíos entre As Eiroas e o Fútbol da Costa
  • Cal é a túa función dentro da estrutura das Escolas e o Bergan?

No fútbol base do Bergantiños F.C somos 3 coordinadores os cales compartimos tarefas para o seu correcto funcionamento pero, tamén temos parcelas de traballo definidas para cada un dos membros que formamos parte da área de coordinación. No meu caso, levo a captación de todo o fútbol base do clube e son coordinador da etapa cadete, amais de adestrar o Cadete de División de Honra.

 
  • Cóntanos como nace a túa paixón polo fútbol, polo Fútbol da Costa. Quen foron os teus referentes?

A miña paixón polo fútbol nace dende ben pequeno. De feito, podo decir que a maioría dos bos recordos que gardo e lembro da miña infancia están relacionados co fútbol. Dende moi pequeno sentía devoción polo fútbol de cercanía: o Sporting Zas de Preferente con Mato que para min é un dos mellores xogadores que vin; cando me achegaba moitas fin de semana ao campo das Fontiñas a Nantón con grandes xogadores como Forxán, Lareu, Vila etc ; ou no campo de Agualada o máis cercano ao meu fogar, onde Rogelio nos deleitaba cada domingo; e a medida que pasaron os anos, en Santa Comba onde coñecín a dous xogadores, que sempre me pareceron diferenciais, que son Ricard no Xallas e Miguel no Mineiro.
Podería seguir enumerando grandes momentos e recordos ata o día de hoxe, que admito que na actualidade vou menos por falta de tempo, pero confeso que sempre fun (e serei) un apaixoado do fútbol da costa, un afeccionado que cheguei a ver 3 ou 4 partidos cada fin de semana de seniors da Costa.

 
  • Quen che ía dicir a ti que ías acabar no Bergantiños, non? E xa van 5 anos…

A verdade é que nunca pensei en formar parte da estrutura do Bergantiños, pois sempre estiven moi cómodo e recibín en todo momento un trato espetacular no Xallas, club no que estiven ata que recalei no Bergantiños, o que me levaba a pensar que ía estar ligado sempre á Costa. Pero ao chegar aquí, non deixas de sentir que formas parte dunha estructura dun clube no cal todo está moi profesionalizado, e iso fáite sentir moi cómodo e dáche un plus á hora de realizar un traballo de calidade no día a día. Sinto un verdadeiro “enganche” por realizar un traballo de formación e de preparación de xogadores para competir en equipos de rendemento. Estou moi cómodo e contento de formar parte da estructura do Bergantiños, onde o trato por parte de todos e todas é inmellorable.

 
  • Botas de menos o puro fútbol da Costa? Que é o que máis botas de menos?

Si claro! Como comentei antes, vivín o fútbol da Costa dende que era moi pequeno. Bótoo moito de menos, se dixera o contrario mentiría, e aínda máis neste tempo tan complicado e con esta nova realidade sen público nas gradas e ata, por momentos, pensei que non tiña moito sentido xogar e competir sen que o poidera disfrutar a xente, os afeccionados dos cubes e deste deporte en xeral. Os afeccionados, que por outra banda tanto precisan os xogadores que saen ao campo cada fin de semana, creo que para todos o público é unha parte moi importante do fútbol.

Algo que comprobei en Fisterra este pasado 14 de marzo. Voltei a vivir ese auténtico Fútbol da Costa. Nada máis entrar no Ara Solis, púxoseme a pel de galiña. É algo difícil de explicar con palabras, son sensacións. O ambiente era case equiparable ao que se vive nun clásico partido copeiro de costa e decindo a verdade, ata o minuto 15 custoume prestar atención ao encontro xa que me viñeron moitos recordos á cabeza.

 
  • Se ben é certo, que dende Carballo, a nivel futbolístico, ata agora sempre se mirou un pouco máis cara o norte que cara o sur, que supón para o Fútbol costeiro ter aquí, en Bergantiños, unhas Escolas do nivel das Luís Calvo?

Creo que a nivel formativo é moi importante, e que un neno de calquera lugar da Costa poida ter a oportunidade de competir en ligas deste nivel de esixencia e medirse aos mellores xogadores da súa idade de toda Galicia. É unha parte da formación do deportista.

 
  • Cales son as diferencias máis importantes que hai entre as escolas e a canteira de calquera club da zona?

Principalmente o método de traballo do propio clube e a esixencia competitiva que todos/as o/as xogadores/ as teñen en idades temperás que fai que se enfrenten a competicións de rendemento dende moi novos. Creo que precisamente isto os fai medrar e evolucionar non só no fútbol, senón tamén como persoas. Adquiren hábitos de traballo, esforzo, disciplina, de competitividade entendendo ésta sempre dende o lado máis positivo… Uns hábitos que logo lles servirán no futuro tanto na súa vida profesional como persoal.

 
  • Que ten o traballo de canteira que tanto vos engancha aos adestradores?

Creo que calquera traballo con nenos e nenas sempre parte de algo moi vocacional, ou eu así o entendo, e no caso do fútbol tamén. Para min é unha mestura de paixón que sinto polo fútbol e de saber que dalgún xeito formas parte desa formación dos que serán os protagonistas do noso futuro.

O traballo de canteira é paixón: compartir o teu día a día con eles, acompañalos no seu crecemento deportivo e formar parte da súa educación. É algo que case nada o pode igualar, polo menos para min. E logo a gratitude que moitos deles mostran co paso dos anos cando os voltas a ver…. iso é algo impagable.

 
  • Que sacas da túa experiencia como adestrador das Seleccións da Costa de base?

Dende o día que me transmite Corredoira que vou ser seleccionador xunto con Martín Vecino para min foi un agasallo. Disfrutei delo cada segundo! Foi unha etapa moi bonita e da que gardo grandes recordos. Ver eses rapaces cheos de ilusión en cada adestramento, percibir ese brillo especial nos seus ollos cando o bus saía de Baio para os torneos é algo inesquecible e que me marcou moito. A pesar das dificultades, eses xogadores lograron competir con todas as seleccións e acadar un 5º posto que foi un recoñecemento ao seu traballo de todo o ano, un premio polo esforzo de vir adestrar de cada esquina da Costa. O traballo de cada un deles e a implicación de cada un dos convocados foi incrible os 3 anos.
Agora as seleccións da Costa están nas mellores mans.

 
  • Veste adestrando algún día en equipos sénior? Se así fose, veste máis nun Cerqueda da Liga da Costa ou nun Laracha de 3ª División?

Complicado responder a esa pregunta xa que o fútbol base é unha parte importante da miña vida e do que me resultaría moi difícil desprenderme. Con todo se algún día chego a adestrar séniors, de seguro será nun equipo de Costa, diso non teño dúbida!

 

comentarios