A Tribuna FUTFEM: Unha ponte de descanso con moito que celebrar
- Primeiras vitorias e o primeiro derbi Cee – Dumbría da historia.

Esta Ponte de Defuntos foi unha fin de semana de descanso para o #Futfem da nosa comarca, coa única excepción do Mazaricos, que aproveitou o aprazamento do seu partido para converter unha xornada dominical de recollemento e visita aos cemiterios, nunha auténtica festa. Ás pupilas de Borja acadaban a súa primeira vitoria, na casa dun Pino que tampouco se estreara no taboleiro de puntos, por 0-1. O traballo semanal vai pouco a pouco dando os seus froitos e a bo seguro que non será a última ledicia que levarán ás da Picota.
Outro adestrador que tamén aproveitou a fin de semana festiva para celebrar a súa primeira vitoria foi Curro. As de Ponteceso liquidaron ao Xuv. Crendes cun contundente 4-1 e deixan ás veciñas do Cerqueda como único equipo que falta por puntuar dos sete representantes que a Costa da Morte ten nesta segunda división feminina. Ás xogadoras de Jorge Guillamet seguen a progresar semana a semana e aguantaron o pulso dun Meicende invicto que ten pinta de aspirar ao campionato. De seguro que en vindeiras datas serán quen de celebrar tamén os seus primeiros puntos na competición.
O Corme goleou a domicilio a un Curtis moi noviño e cun poker da sua pichichi Naroa volven a mirar para os postos altos da táboa clasificatoria.
No grupo 4, Cee e Dumbría disputaron un derbi histórico, o que a seguro será o primeiro de moitos encontros entre estas dúas escuadras. Unha rivalidade que nesta primeira batalla non so tivo o aliciente da veciñanza, se non que o punto picante veu da man das compañeiras do FISOBER que se reparten entre ambos equipos de Fútbol 11. Estas cracks do fútbol sala non só puxeron o picante, e puxeron tamén a calidade neste derbi, sendo a propia Fandi a que abría o marcador, escribindo con letras de ouro o primeiro gol na historia deste novo derbi do FutFem. Parecía saltar a sorpresa no San Paio de Refoxos, mais as locais tiraron de oficio e de experiencia para empatar o partido e firmar as táboas neste partido para o recordo.
Pola súa banda, Xallas e Miúdas resolvían con solvencia os seus respectivos encontros. Ás de Santa Comba seguen intratables na cabeza da clasificación, e as de Muros seguen a sumar bos resultados e soñan con agarrarse ao tren de cabeza.
Pechouse o primeiro bloque de encontros con este parón de difuntos, nunhas primeiras catro xornadas nas que podemos ver o bocexo do lenzo que cada equipo aspirar a ter pintado ao final da temporada. Veremos que obras de arte nos pintan estas valentes representantes do FutFem costeiro.
Na Liga promesas, o Dumbría aprazaba o seu partido co Pastoriza, mentras o Cee derrotaba ao Orzán B e o Cerqueda caía na casa contra a Escola F. Luis Calvo Sanz que se está a mostrar moi superior aos outros dous equipos costeiros.
A Tribuna FUTFEM
- 20-10-2022: A Tribuna FUTFEM: Vitorias e derrotas nesta 2ª Futfem que van deixando as cousas claras.
- 14-10-2022: A Tribuna Futfem: Rutinas de fin de semana e algunha polémica..
- 07-10-2022: Regresou o Fútbol Feminino á Costa, con máis forza ca nunca.