Preferente: Sen pesca
Xornada mala para os nosos equipos na Preferente no comezo da segunda volta. O Fisterra deixaba escapar o que puido ser o último barco e o Lemos, equipo que marca a salvación, sitúase xa a 16 puntos.
Pola súa parte, o Sofán sumou a súa 5ª xornada sen gañar tras caer no mítico García Hermanos ante un Betanzos no que saíran de titulares coñecidos xogadores costeiros como Pablo Vigo ou Juan de Dora.
Lemos - Fisterra (3-0)
- Fisterra: Cote, Gabi, Aarón, Breixo, Julito, Juanciño, Juan Formoso, Lobelos, Luisete, Soliman e Jose. Tamén: Isaías, Lois, Nuda, Ricardo Coria, Mario, Martín Canosa.
- Goles: 1-0, m.17; 2-0, m.32; 3-0, m.41.
Paga caros os erros o Fisterra nesta categoría, con ata 6 xuvenís na convocatora e 3 (Gabi, Aarón e Juanciño) no 11 titular. A primeira parte tivo moito medio campo, pero 3 zarpazos dos locais (en dous Cote puido ter feito algo máis) acabarían poñendo unha costa demasiado empinada.
Mellorou o equipo na segunda, tendo máis o balón, ante un Lemos que soubo nadar e gardar a roupa. Así e todo Ricardo Coria tivo ata tres mans a mans, Julito lanzou unha falta preto da escuadra, e Breixo tamén tivo un bo lanzamento.
Queda contento Cali por esa segunda metade, na que o equipo combinou ben e tivo verticalidade, tendo que traballar ese "medo a perder a pelota e a tensión de gañar un partido".
Betanzos - Sofan (2-0)
- Sofán: Alex, Iván, Noé, Becerra, Godi, Gallego, Dani Pena, Canedo, Fabián, Iván Parafita, Bandera. Tamén: Brais, Taibo, Xandre, Dani García, Brais Cancela, Juan, Eibe.
- Goles: 1-0, m.9: Noé en propia; 2-0, m.32: Murilo.
Arrincaba o choque co Betanzos moi arriba, coa presión alta, ante unha SD que buscaba saír combinando. Pronto abriríase o marcador tras unha internada por banda do camariñán Pablo Vigo que centraba e Noé despexaba cara a meta de Alex.
Tras varios minutos de igualdade, non tardaría o cadro local en facer o segundo, desta volta tras un córner botado polo lateral de Camariñas.
O cadro de Pedro Torreira tomaría decididamente o mando do partido, ante un Betanzos que daba dous pasos para atrás, pero apenas un lanzamento de Bandera puido recurtar distancias.
A segunda metade foi semellante, co Sofán tocando e tocando pero sen poder traspasar a defensa local. Moitos centros laterais e moitas xogadas a balón parado que non tiveron opción, sendo a mellor ocasión un remate de Alexandre ao longueiro a centro de Gallego.