Xoves. 06.05.2021
El tiempo

Rafael Louzán: “A paralización do deporte en xeral igual non é o camiño”

Rolda de prensa da RFGF
Membros da RFGF da rolda de prensa virtual
Rafael Louzán: “A paralización do deporte en xeral igual non é o camiño”

Esta mañá de xoves, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, realizou unha rolda de prensa por videoconferencia para explicar como queda o fútbol galego trala paralización o pasado martes dos adestramentos a as competicións autonómicas por parte da Xunta de Galicia.

Comezou enviando unha mensaxe aos que están sufrindo máis esta pandemia, facendo fincapé na recuperación do compañeiro Antonio Estévez, de Cope Vigo, que leva bastantes días na UCI; así como Andrés Vieites, da Radio Galega, tamén confinado.

Sobre a aceptación das medidas tomadas pola Xunta, Louzán non foi tan contundente como no comunicado da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA), da que tamén é presidente, pero en todo caso quixo sinalar que “a práctica deportiva é segura, e a paralización do deporte en xeral igual non é o camiño”.

Comparación con outras comunidades

“Conscientes da situación que estamos a vivir”, Louzán recordou a “máxima prudencia que nos levou a non iniciar ningunha competición en FS e F11 durante estes 10 meses, sendo unha das únicas 3 federacións do estado, xunto Navarra e Aragón que non comezamos a competir”. Puxo cifras, e lembrou que abriron o prazo de inscrición para 215 equipos (dos 5.000 equipos federados) e foron 206 os que decidiron inscribirse (o 96%).
“Ademais somos a única comunidade que facemos 2 test ao mes; Madrid si que usa a máscara, e Andalucía fixo un test ao comezo da competición; pero o resto non teñen ningún tipo de medida covid”, sinalou.

Ademais, lembrou que o balonmán, o o voleibol ou o baloncesto galego xa comezaron a competir entre outubro e novembro.

Cancelación da temporada?

Sobre a cancelación ou non desta “mini temporada 2021”, sinalou que é “algo que iremos valorando nestas vindeiras 2-4 semanas, nas que imos seguir sufrindo unha gran incidencia do covid”.

Diego Batalla respondeu á galega e se ben non deixou claro se existe un prazo límite para tomar a decisión de cancelar da temporada, si sinalou que xa estamos no plan C, pero tendo en conta que co número de equipos inscritos na Preferente e Ligas Galegas igual temos que solaparnos coa temporada seguinte, competindo no mes de xullo, e mesmo en agosto. Intentaremos evitar entrar na próxima temporada, pero o número de xornadas están aí, e intentaremos adaptarnos á situación”.

Facendo unha análise rápida da situación, se a Preferente puidese comezar o 1 de marzo (poñéndonos nun marco optimista, e que a volta á competición se realizase case sen poder voltar aos adestramentos) quedarían 17 fins de semana de aquí a final de xuño; datas para celebrar xornadas ás que poderíamos sumar o xoves de Semana Santa e o Día das Letras Galegas (que cae en luns). Quedarían así 19 datas dispoñibles para desenvolver as 24 xornadas necesarias para completar o terceiro escenario do Plan de Competición para a Preferente previsto pola RFGF. Sería pois necesario meterse no mes de xullo, e mesmo no comezo do mes de agosto.

Pode verse paralizada tamén a 3ª División?

“Esa circunstancia depende do Consejo Superior de Deportes e a RFEF. Mañá venres ás 16:15 estamos convocados co presidente da RFEF para analizar esta situación, e poderemos informar sobre este tema”. Lembrou que “a competición está facendo un test á semana, estamos tomando medidas, polo que penso que deberían continuar”. Ademais, apuntou que “os casos positivos na 3ª veñen de cousas alleas ao fútbol”.

Sobre os 8 descensos preconcebidos que chegarían da 3ª, e que provocarían que a Preferente pasara de 46 a 54 equipos, o equipo directivo deixou claro que “estamos traballando neso, para ter preparados os escenarios”. Lembraron ademais que “na 22/23 está previsto que todos os grupos de categoría nacional teñan 16 equipos”, o que provocaría máis cambios.

Si se cancelan tanto a 3ª como a 2ªB, tería que completarse o 50% do total da competición, para que as clasificacións serían efectivas.

Acusacións dun alcalde

Tamén falou Silvia Cancela, sobre as declaracións dalgún alcalde (como o de Oroso ou de Vilanova de Arousa) que acusou á RFEG de comezar as competicións “por interese económico”. “Só dicirlle que se documente”, sinalou rotundamente Cancela, que tamén repasou que "a Federación segue cun ERTE dende hai 10 meses, e non recibiu ningún euro de ningún club de Galicia para poder competir. Só abonaron unha parte do seguro deportivo". 

 

Novas relacionadas

comentarios