The special one
22:23 09/06/17
Vertical, talentoso e cun carácter gañador notable, boa parte das opcións do Ponteceso no seu retorno ás semifinais da Copa da Costa, unha década despois, pasan pola inspiración de Dieguito
Dieguito, atacante do Ponteceso
Zurdo, vertical, gañador e algo bohemio na súa concepción do xogo. Seguramente, ese perfil marca o xogador preferido de tódolos futboleiros do planeta, desde os chinos do Milán aos corviños do Muxía. E se Eduardo Pondal aínda vivise e acudise ao moi próximo O Pinguel elexiría a Diego Pérez Castro (Pazos, Ponteceso, 1987), expoñente do 'distinto' nun Ponteceso que o domingo pisará case unha década despois as semifinais da Copa da Costa, e terá por diante o reto de cargarse ao campión de Primeira.
O camiño empezou debuxalo hai dúas semanas un Malpica que quedou fóra só polo valor dobre dos goles en campo contrario. Nese cruce, foi factor determinante e diferencial o corcubionés Brais Lado. E se hai alguén con pinceladas semellantes nesta 'semi' ese é Diego. Por motivación, para este gañador nato, desde logo non é. "A eliminatoria, chegados a este punto de competición, está ao cincuenta por cento", advirte. Pero ese 'iso' diferente tamén ten peaxes que os adestradores acostuman a cobrar ao longo dunha tempada. Talentoso como o que máis, Diego ten comezado algúns encontros desde o banco. Dicía Valdano que correr é de cobardes, ou Maradona que a Riquelme non lle pode pedir defender. E nese 'tacticismo' do balompé moderno a veces o 'iso' non é o punto. Enfrente terá o '10' a un futuro conxunto de Preferente, unha boa proba do algodón para medirse e ver, por exemplo, ata onde chega a súa condición de determinante. "Non sei se me vexo xogando a ese nivel, pero por suposto iso terían que dicilo outros, non eu", sentencia.
Cun dos grupos humanos máis xoves da zona, boa parte dos futbolistas do plantel do Ponteceso non chegaran á Secundaria na última final. Era xuño do 2008, e un dos desenlaces máis polémicos que se lembran. De feito, aquel título ante o Cee se retrasara tanto que incluso Fernando Torres xa tiña asinado o gol vencedor da Eurocopa antes de que Domínguez de Bernardi asubiase o final. "Non a lembro, pero seguro que sería tan emocionante como esta", di Diego, que por outra banda está convencido de que ese grupo tan xove non levou o título de Liga por detalles puntuais e que ten capacidade para tentalo de novo. "Faltounos máis que nada regularidade, e ese punto de sorte coas lesións e nos partidos decisivos", lamenta. Tampouco ten pelos na lingua á hora de rexeitar o torneo do KO como 'final de consolación'. "Se me deran a escoller entre os dous quedaría coa Liga da Costa, porque é o torneo da regularidade", confesa un home que tampouco se atreve a escoller rival para unha posible final e que deixa nas mans do seu adestrador a valoración global do curso.
A calidade a ten. A fame tamén. O camiño está debuxado. Pero cando se depende das aparicións puntuais do talento dun xenio non queda máis que frotar a lámpara e agardar a que Dieguito cumpra desexos. Desexos dunha década...