Mércores. 01.05.2024
El tiempo

FSF: Xornada de derbis, empates e derrotas

FSF: Xornada de derbis, empates e derrotas
Choque do Fisober B ante o Work

Nova xornada para o Fútbol Sala Feminino, esta non moi positiva.

Na 2ª Estatal, queda o Fisober pechacancelas con 3 derrotas en 3 partidos tras caer na casa ante o Simancas.

Na Liga Provincial, descansaba o Vila de Cee FSF, e a atención estivo en Ponteceso, onde o cadro da Vila de Pondal recibía ao Lira repetindo o partido de pretemporada. A igualdade foi máxima e así o reflicte o empate final.
Ademais, o filial do Fisober caía ante o Grupo Work. A semana que vén, outro interesante derbi, entre Concello de Ponteceso e Fisober B.

E na máxima categoría, non conseguiron nada positivo as costeiras Eva e Patri nada positivo co seu Viaxes Amarelle no derbi galego ante o Cidade das Burgas, pero ambas segue sendo claves no equipo herculino.

2ª División Estatal, xornada 3

Choque do Fisober A
  • Resultado: FISOBER F.S.F. – A.D.A.E. SIMANCAS (2-4).
  • FISOBER: Leti, Noelia, Myrella, Inés e Ana; tamén xogaron: Mai e Raquel.
  • Goles: 0-1 María, 1-1 Raquel, 1-2 María, (descanso), 2-2 Mai, 2-3 Flavi, 2-4 Silvia.

Partido disputado o sábado en Vimianzo, onde as locais non viron recompensado o gran esforzo realizado, esa pisca de sorte necesaria e as lesións foron claves. O encontro non tivo un dominador claro, foi por rachas. Os dous equipos estaban interesados en non conceder opcións claras.
Chegaban ocasións pero por contagotas entre uns equipos na busca do erro do rival. Con ese guión foron pasando os minutos. Ata que no minuto catorce desta primeira metade era a visitante María a encargada de mover o electrónico. Pronto respostou o Fisober solo dous minutos despois , nunha xogada embarullada Raquel puxo a punteira e facía a igualada nun balón que tocou nunha xogadora rival.
Eran os minutos tolos do partido, xa que un minuto despois de novo María poñía en vantaxe as madrileñas. Seguindo a tónica tocáballe respostar as locais pero o lanzamento de Noelia foise o trabe, rematando a primeira metade co un a dous para as visitantes.

A volta do tempo de lecer o partido continuou pola mesma senda. Ós tres minutos un lanzamento de falta de Mai petaba nunha xogadora rival para devolver a igualada o electrónico. Era o primeiro gol oficial de Mai ca camiseta do Fisober e tamén na Segunda División. Pero o igual que na primeira metade pouco durou a ledicia. A catorce para o fin , nunha xogada chea de rexeites era a visitante Flavi a que poñía en vantaxe de novo as visitantes. As costeiras non se rendían e despois dunha xogada de Myrella era Noelia a que con todo o seu favor non foi quen de materializar esa gran ocasión. Foi como unha premonición, antesala das lesións de Ana primeiro e despois Noelia que deixaron as locais sen rotación e moi cansas.
Os folgos ían a menos e o partido case foi insalvable cando a cinco para o fin Silvia facía o definitivo dous a catro. Despois ata o final foi un querer e non poder dun esgotado equipo local, e as visitantes tentando facer que pasaran os minutos.

A vindeira semana tocará visita dominical o Humanes madrileño.

Liga Provincial, xornada 4

  • Resultado: Concello de Ponteceso FSF - Lira FSF (3-3)

Partidazo o que se víu o sábado en Ponteceso. Máxima intensidade, ningún equipo dou un balón por perdido dende o primeiro ao último segundo.

Marcou o Lira aos dous minutos por medio de Sandra, nunha xogada individual arrancando dende o medio do campo, desfixose do seu par e plantouse diante de Salomé para facer o 0-1. Este gol visitante deixou noqueado ao Ponteceso que pouco despois recibía o 0-2 en un penalti transformado por Leti. Despertaron as locais con este segundo gol, o Lira trataba de defender a renda con un recital de Lía, a porteira visitante salvou ó equipo en varias ocasións pero nada puido facer nunha xogada ben trenzada das pontecesanas que terminou no segundo pau co 1-2. Seguían as rapazas de Jose atacando e o Lira intentando manter a ventaxa. Quedaban un par de minutos cando Cintia sacou unha falta a 15 metros da portería de Lía e Noa de tacón consigue o empate con un gol de fantasía. Con este 2-2 chegábase ao final da primeira metade.

Nos primeiros instantes da reanudación víuse un partido igualado, cunha Lía que seguía inspiradísima e ocasións para os dous equipos. Nun rexeite a tiro de Sandra chegou o 2-3 de Bárbara, o seu sexto gol esta temporada. A sete para o final tivo o Lira a posibilidad de cerrar o partido cunha falta ao pau de Sandra, e despois con un par de contras ben levadas por Alba que estivo enorme tanto en defensa como nas suas incorporacións ao ataque, pero non se concretou ningunha das oportunidades visitantes e era o Ponteceso o que empataba o partido nunha falta similar a do segundo gol, un balón na área que ninguen acerta a despexar e as locais fan o definitivo 3-3 a falta de dous minutos para o final.

Liga Provincial, xornada 4

Familia do Grupo Work e o Fisober B
  • Resultado: GRUPO WORK – FISOBER “B” F.S.F. (2-0).
  • WORK: Bea, Ainhoa, Nuria, Sandra e Patricia; tamén xogaron: Albita, Alba Taibo, Alba Vázquez, Cris, Laura, Estefanía e Ana.
  • FISOBER B: Paula Lema, Nuriña, Paula Fandiño, Tamara e Laura; tamén xogaron: Andrea Muiño e Alejandra.
  • Goles: 1-0 Ainhoa, 2-0 Ainhoa, (descanso) sen goles tralo tempo de lecer.

Partido disputado o sábado na Coruña onde as rapazas do filial non puideron traer ningún punto para a Costa. Arrancou moi ben o filial o partido, moi concentradas e con ocasións a contra que poñían moito perigo na meta defendida por Bea. O dominio local non se traducía en ocasións nestes primeiros minutos, as ocasións chegaban por parte visitante. Pero non lograron materializalas. Co paso dos minutos aumentaba o control das coruñesas e as súas ocasións e o filial centrábase no esforzo defensivo.
Ata que nos últimos minutos desta primeira metade a local Ainhoa facía cun dobrete a postre definitivo, que o dominio no xogo tamén fora no electrónico. Con ese resultado chegouse o tempo de lecer.

Na segunda metade continuou o mesmo guión co que finalizou a primeira, dominio local e orde defensivo visitante na busca de algunha contra. Pero ningún dos dous equipos lograba concretar as súas opcións. Co paso dos minutos os folgos das costeiras foron a menos e o electrónico xa non se moveu. Destacar a deportividade do partido , no que solo se sinalou unha falta e o bo ambiente entre os equipos.

Na vindeira semana toca derbi para o filial, xa que reciben a visita do Concello de Ponteceso.

1ª Nacional, xornada 6

Patri co Viaxes Amarelle ante o Cidade das Burgas
  • Resultado: Viaxes Amarelle FSF - Cidade das Burgas (2-4)
  • Viaxes Amarelle FSF: Eva, Dolo, Lidia Mesías, Cris, Andrea Carid (cinco inicial), Patri, Yaiza, Tati, Laura Tesouro.
  • Goles: 0-1 Vane (min. 1); 0-2 Vane (min. 9); 1-2 Tati (min. 10); 1-3 Iria (min. 25); 2-3 Yaiza (min. 28); 2-4 Iria (min. 39).
O Viaxes Amarelle FSF realizou un bo partido ante un Cidade dás Burgas FSF que está moi forte neste inicio de tempada. O partido estivo moi aberto durante os corenta minutos e só o aproveitar un par de erros defensivos do Viaxes Amarelle FSF, concedeu unha vitoria ao equipo visitante do Cidade dás Burgas FSF por un marcador de 2-4. A primeira metade deu comezo cun Viaxes Amarelle esperando ao seu rival en cancha propia, e onde o Cidade dás Burgas collía a batuta do partido co balón nos pés. O Viaxes Amarelle quería aproveitar as contras para intentar facer dano ao conxunto ourensán, pero aos dous minutos tras unha ocasión herculina, a porteira visitante saca en longo e Vane quédase nun un para un con Eva poñendo o 0-1 no marcador no minuto 2 de partido. O partido continuaba coa mesma dinámica, e sería a falta de once minutos, cando Vane anotaba o segundo gol na súa conta particular para poñer o 0-2 no luminoso. Pero minuto e medio máis tarde, Tati nunha gran xogada por banda onde se escapaba da súa oponente, achegábase ao área visitante para de tiro cruzado bater a Ana e poñer o 1-2 no luminoso. Os últimos cinco minutos da primeira metade, o Viaxes Amarelle FSF adiantou a súa liña de presión, pero sen demasiada fortuna, mantiñan o marcador no 1-2 cando chegaban ao tempo de asueto. Na reanudación, o Viaxes Amarelle xogaba coa presión en media pista á última xogadora para intentar aproveitarse dunha contra rápida e igualar o partido, pero o Cidade dás Burgas non perdoaba os erros das herculinas e aos cinco minutos de partido Iria poñía o 1-3 no marcador ao aproveitarse dun erro no que a defensa herculina defendía a saída dun balón por liña de porta, pero Iria conseguiu atopar o oco para mandar o balón e que este entrase na portería herculina. O partido poñíase costa arriba, pero a falta de 12 minutos Yaiza volvía recortar distancias nunha gran xogada, que levaba ao luminoso o 2-3. Con este marcador, o Viaxes Amarelle vía cada vez máis preto un resultado favorable, e paso polos seus mellores minutos, mandando un balón ao pau e unha gran contra que finalmente o ataque herculino no 2 para 1 botaría fóra. O gol non quería chegar para as herculinas. Os minutos pasaban e o partido non se igualaba, e o Viaxes Amarelle seguía buscando o gol, pero de novo Iria conseguía ampliar aínda máis o marcador co 2-4 a falta de 1.15 para a conclusión. O conxunto dirixido por José Carlos Martín, Chipi, arrisco polo xogo de cinco, pero sen fortuna, o partido concluíu con vitoria visitante por 2-4

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Colabora o Fisober, Manuel Joné do Lira, e o Vila de Cee FSF.

Comentarios