Venres. 17.05.2024
El tiempo

Arrincou a temporada 14/15 no Fútbol da Costa

Arrincou a temporada 14/15 no Fútbol da Costa
O Corme estreaba no Cairo con vitoria a 1 Auto-Foto-Fin Lema Por fin. Xa tiñamos mono de Fútbol da Costa, como nos recoñecía Pablo Lestón polo twitter. E a primeira xornada foi completa, con moitos goles, moita emoción e moitas gañas de fútbol. Ademais, contamos xa ca APP “Fútbol da Costa” a pleno rendemento, pendente dalgunhas melloras técnicas. Hoxe recollemos os resultados antes que ninguén, e, coma sempre, mañá pola mañá, as crónicas das 4 ligas principais, e o martes dos xuvenís.

2ª xornada da Preferente

Arrincamos o repaso, coma sempre, por arriba, coa segunda xornada da Preferente - Senra Sport. E se na primeira xornada era o Dumbría o que estreaba o taboleiro de vitorias, desta volta tocoulle ao XSC. Os de Coméndez vencían con comodidade ao Viveiro no debut na casa. Os de Canosa volveron cunha goleada de Sada.

Estreas na 1ª

Variada a estrea na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Dos nosos 6 equipos, 3 vitorias, 1 empate e 2 derrotas é o balance. As vitorias, dos debutantes Sofán e Corme na casa, ademais da do Baio tamén en casa. Os 3 deron moi boas sensacións ante as súas volcadas afeccións, das mellores da categoría. O Soneira, pola súa parte, sacaba un puntiño tras un empate sen goles de Agolada. E terá que esperar a Esteirana para estrear o taboleiro de puntos, que de seguro que o fará ao abrigo da súa afección no Xosé Luís Vara trala derrota en Lesende. Sorprende a derrota do Malpica en Pedra Queimada ante o Unión.

A nova Liga da Costa

Domingo completo para o comezo da 2ª Autonómica - ES Bazarra, con varias caras novas na categoría. O Buño é o primeiro líder tras vencer 3-0 a un Fisterra aínda descoñecido e sen preparación. O renovadísimo Volantes de Felipe Candamo parece que ilusiona a parroquia laranxa e superaba ao San Lorenzo no partido con máis goles desta primeira xornada. Os debutantes tiveron de todo. Os descendidos Camariñas e Ponteceso tiveron unha cal e unha de area. Os de Gerpe caían ante un Zas que parece que xa comeza a por todo. Mentres, os de Marco vencían con apuros a outro debutante, o Seaia, no Pinguel. O Baíñas non puido estrear categoría con vitoria en casa, e o Porteño sacaba un empate do municipal vimiancés.

Un sábado de 3ª

Arrincaba a 3ª Autonómica máis curta que se recorda, con só 9 equipos pero 4 voltas. E co Cequerda descansando, o Ameixenda de Manolín é o flamante primeiro líder, tras endosar un set ao Nantón. Ademais, un dos partidos da xornada se vivían no Cubeleiro, onde o Corcubión superaba ao Muxía con certos apuros. Con ambos equipos sitúase no máis alto o Lira, que vencía a un Castrelo que quere deixar de ser a cincenta da categoría e así o demostrou pelexando ata o último suspiro, mentres Laxe e Coristanco estreaban temporada con empate.

As diferencias en Xuvenís

Parece que a cousa vai estar desequilibrada nas Ligas Xuvenís a tenor polas espectaculares goleadas. Dous equipos parecen ir a por todas no Liga Xuvenil Sur - MáisDeporte. O XSC metíalle un 9-0 a todo un Cee, mentres o Dumbría coláballe 20 a un novato Corcubión. Ademais, Os Miúdos e Esteirana goleaban a Fisterra e Muxía, mentres Castriz e Outes aprazaban o partido tralo falecemento da nai dun xogador da Serra, César. Mentres Liga Xuvenil Norte - MáisDeporte sorprenderon as goleadas de Coristanco e Camariñas en Baio e Malpica. O Zas tamén deu conta do Porteño, e o Cabana vencía pola mínima en Corme. Ademais Ponteceso e Laxe empataban sen goles.

Preferente - Senra Sport, xornada 2

Xallas StComba 3-0 Viveiro
Sada 4-1 Dumbría

1ª Autonómica - Clínica Vértebra, xornada 1

Lesende 1-0 Esteirana
Malpica 0-2 Unión
Corme 2-1 Piloño
Sofán 2-0 Bertamiráns B
Agolada 0-0 Soneira
Baio 1-0 Amio

2ª Autonómica - ES Bazarra, xornada 1

Castriz 3-1 Montelouro
Camariñas 1-2 Zas
Mazaricos 3-1 Cabana
Ponteceso 2-1 Seaia
Volantes 4-2 San Lorenzo
Buño 3-0 Fisterra
Carnota 0-2 Cee
Baíñas 1-1 Porteño
Outes 2-0 Camelle

3ª Autonómica - Clínica Xunquera, xornada 1

Ameixenda 6-0 Nantón
Corcubión 3-2 Muxía
Laxe 2-2 Coristanco
Castrelo 2-3 Lira
  • Descansa Cerqueda.

Liga Xuvenil Sur - MáisDeporte, Gr.2

Xallas StComba 9-0 Cee
Fisterra 1-5 Os Miudos
Muxía 2-5 Esteirana
Castriz Susp. Outes
Dumbría 20-0 Corcubión

Liga Xuvenil Norte - MáisDeporte, Gr.3

Baio 0-6 Coristanco
Ponteceso 2-2 Laxe
Porteño 0-4 Zas
Malpica 1-8 Camariñas
Corme 1-2 Cabana

Máis información

Descarga a APP “Fútbol da Costa”

Crónicas da semana

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios