Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Fases de Ascenso: O Baio perde o primeiro combate, o Cerqueda pega primeiro e Laxe e Camelle asinan táboas

Fases de Ascenso: O Baio perde o primeiro combate, o Cerqueda pega primeiro e Laxe e Camelle asinan táboas

En marcha as Fases de Ascenso á 1ª e 2ª Autonómica, que por certo, xa tendes os seus cadros para seguir ao momento en www.copadacosta.com. Todo despois de coñecer os Nominados para os Premios do Fútbol da Costa.

E foi malo o comezo para o Baio no seu camiño á 1ª Autonómica, pero aínda queda moita liguilla. Ademais, na Promoción de Ascenso á 2ª, o Cerqueda encarrilaba a eliminatoria ante o Soneira B, mentres que Laxe e Camelle celebraban unha fermosa batalla onde as afeccións foron protagonistas.

Fase de Ascenso á 1ª Autonómica, xornada 1

Agolada - Baio (2-1)

  • BAIO: Anxo, Jose Antonio, Mario, Chema, Eloy, Norberto, Fachal, Chucho, Rubio, Alberto, Martín. Tamén xogaron: Cristian, Iago, Fredy.
  • Goles: 1-0, min.5; 2-0, min.25; 2-1, min.75: Cristian.

Mal comezo do Baio nesta liguilla de todos contra todos co Agolada e o Sálvora. Saía pouco centrado o equipo baiés, e iso que chegaba arroupado por unha grande afección branquiazul (e amarela pois a permanencia do Mazaricos depende do ascenso do Baio), e nos primeiros compases xa levaba dous goles no lombo.

Comezaba á media hora a tocar ben, como soe facer, o cadro de Félix. Combinaba pero non acababa de superar a xa cerrada defensa local. Tardou en facer dano e foi faltando 15 minutos cando Cristian facía un 2-1 que de pouco serviu.

Aínda quedan 5 xornadas, coa ida ante o Sálvora e os dous partidos de volta, polo que queda moito. Ademais, o Baio conta con que o Riveira poida conseguir o ascenso á Preferente, pois deixaría unha praza máis que quedaría para o segundo do grupo. Onte, empataba a 1.

Fase de Ascenso á 2ª Autonómica, Ida

Cerqueda - Soneira B (2-0)

Gol Dieguito de penalti para o Cerqueda ante o Soneira B-Foto-Soneira SD
  • CERQUEDA: Rubén, Javi Pazos, Javi, Pablo (Bastón, min.88), Ato (Juanjo, min.90), Dani, Santi, Lorenzo, Manu (Mochi, min.60), Dieguito (Martínez, min.85), Dani Seaia (You, min.76).
  • SONEIRA B: Martín, Curra (Chuchi, min.70), Alberto, Roi, Iván Chans (Pichón, min.80), Jemisa (Fer, min.75), Quilmes, Ricardiño, Figueroa, Cristian Canosa, Wii (Basti, min.60).
  • Goles: 1-0, min.68: Dieguito de penalti cometido sobre Mochi; 2-0, min.75: Mochi tras un barullo.
  • Expulsión: Javi Pazos no min.60.

Toma vantaxe o Cerqueda na Fase de ascenso nun choque no que o Soneira B levou o control do balón durante os 90 minutos. Así e todo, os de Pose non puideron facer dano ante un Cerqueda moi ben ordenado, que buscaba saír á contra, e que acababa marcando dous goles e ata fallando varios contragolpes. Foi un choque decantado por detalles, cun Soneira demasiado nervioso pola importancia do partido, ao que a falta de veteranía lle pesou. Os Wii e Jemisa exerceron de capos pero non puideron facer que todo o equipo combinase como seo chegando arriba.

Na primeira metade tivo que salvar Martín un par de boas ocasións para os locais, por medio de Dieguito e Dani Seaia. E na segunda a xogada clave tivo lugar curiosamente coa expulsión do local Javi Pazos, feito que descompuxo ao Soneira B que non soubo se ir polo partido ou gardala roupa. Un erro de Iván Chans na saída do balón propiciaba un roubo e un penalti que adiantaba aos locais, e de contado un balón que quedou morto dentro da área, que a defensa non soubo despexar, e Mochi remachouna para facer un 2-0 que pode ser moi importante para a volta.

A volta será o sábado 25 ás 18:00h no Municipal vimiancés.

Laxe - Camelle (3-3)

Imaxe do Laxe-Camelle-Foto-SD Camelle
  • LAXE: Illote, Soneira, Pailos, Jacinto, Saleta, Borja, Mandi (López, min.60), Porteiro (Felipe, min.46), Carrabete, Samuel, Zurich (Gora, min.30).
  • CAMELLE: Purrúa, Carlos de Dido, Valiña, Manuel, Javi Rañal, Varu (Tonsón, min.80), Iván, Sergio (Tedín, min.64), Mario, Adrián Tajes (Jose, min.50), Barreiro.
  • Goles: 0-1, min.20: Barreiro pica por riba do porteiro tras un pase por riba de Varu; 1-1, min.35: Samuel de penalti cometido sobre Martín Carrabete; 1-2, min.40: Varu de falta directa; 2-2, min.50: Martín Carrabete tras un pase en profundidade; 2-3, min.80: Manuel co lombo tras un córner ao segundo pao tras peinar Barreiro; 3-3, min.90: Felipe un balón que pegou no poste, rebotou no porteiro e entrou.
  • Expulsión: o laxense Felipe ao celebrar o gol.
  • Lesión: o laxense Zurich que recibía un balonazo e tivo que ser substituído ao marearse.

Partido igualado, bonito por momentos, pero bastante trabado e con moitos paróns en Laxe, cunha fermosa "loita" de afeccións, pois ademais da gran afección local, os camelláns enchían coas súas bufandas as bancadas, e iso que estaban en plenas Festas do Espírito Santo.

O Camelle saíu máis agazapado atrás, buscando balóns directos a Barreiro arriba, ante as baixas importantes para facer un xogo máis combinativo. E non combinou ben o Laxe, que ademais tivo algún fallo na portería, pero así e todo se levantaba a cada pegada do Camelle, que sempre foi un paso por diante adiantándose ata tres veces no marcador.

Os visitantes, máis fortes, crearon as mellores ocasións, pero o Laxe tivo máis eficacia. Nada máis saír dos vestiarios pasouse do 3-1 que puido marcar Barreiro, e na xogada seguinte marcaba o Laxe o empate cunha gran contra de Carrabete. Manuel adiantaba de novo, xa con só 10 minutos por diante. Pero, case que co tempo cumplido, Felipe marcaba o empate final co algo de axuda involuntaria do porteiro e ao celebrar o gol o colexiado expulsouno por considerar que foi provocar á bancada visitante. Cómpre destacar o partidazo de Varu, que estivo espléndido no medio campo, e foi clave marcando un tanto e dando dous pases de gol.

Golazo de Varu de falta-Foto- SD Camelle

Máis información

Novas relacionadas

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios