Berro Podre por Tufións

21:55 04/12/16
A detención e posterior liberación apenas un par de días despois dun veciño árabe en Tufións, Vimianzo, no marco dunha suposta operación conta o DAESH, deixa un regueiro de dano feito. Sobre todo nesa prensa sensacionalista contra a que hoxe quere manifestarse a xente de Contramínate Laxe, que nos manda este artigo.
Artigo publicado en La Voz de Galicia despois do apresamento e antes da liberación do veciño de Tufións
A semana pasada fomos testemuñas dunha nova entrega do xornalismo amarelo na Costa da Morte.
Determinada prensa fai carnaza de aquel que non ten recursos para defenderse. Esta semana toucoulle a un estranxeiro, pero a próxima podes ser ti, que nos estás lendo, ou un familiar ou amigo.
A espectacular detención dun veciño de orixe alxerina foi tratada pola redacción de Carballo cunha completa falta de ética profesional, dando todo tipo de datos persoais, familiares e mesmo rexoubos do presunto delincuente.
Días máis tarde soubemos que o veciño en cuestión é posto en liberdade, pero o estigma da sospeita e rumores que suscitou a prensa son indelebles, non desaparecen nunca. Por que non se respectou o seu dereito á intimidade? O tratamento da noticia foi dun sensacionalismo atroz que depois virou nun paternalismo mediático indignante. O sospeitoso pasou de moi malo, malísimo, a vitima do protocolo do sistema policial, que ademais tivo a pouca consideración de deixalo en Madrid sen medios para o seu regreso.
Desgraciadamente, a redacción carballesa xa nos ten habituados a faltas de humanidade deste calibre, que pouco axudan a harmonía ambiental na que a veciñanza, os humáns, somos protagonistas como parte do medio físico. A presunción de inocencia presupónselle únicamente a quen é poderoso ou ten contactos, nestes medios.
Desde Contramínate queríamos amosar a nosa repulsa ante atropellos informativos que deterioran o respeto á diversidade e a integración na nosa contorna. Asemade, denunciamos a perversión no uso do Berro Seco, a voz do pobo bergantiñá, para verter infamias indiscriminadamente.
”Berro podre por Tufións”, por Contraminate Laxe

- Contramínate Laxe.
Novas relacionadas
- Liberan ao presunto xihadista detido en Tufións.
- Operación Marianne: Detidos en Tufións dous supostos membros dunha rede relacionada co DAESH
- Contramínate Laxe.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)