Venres. 26.04.2024
El tiempo

"Esiximos que se manteñan os servizos de transporte"

"Esiximos que se manteñan os servizos de transporte"
Buses de Vazquez en Cee Buses da empresa Autocares Vázquez en Cee

Segue o servizo de transporte colectivo sendo un dos principais problemas na comunicación da nosa bisbarra. “Este servizo de transporte é necesario, porque se quedamos sen el, coa dispersión xeográfica que temos, sería un grave problema para fixar poboación”. Así o recoñece o alcalde de Malpica Eduardo Parga, despois da reunión mantida onte, coa empresa adxudicataria na zona de Bergantiños. Participaron tamén os alcaldes de Ponteceso e Laxe, e todos coincidiron na necesidade de esixir que se manteñan as liñas acordadas, e mesmo de melloralas.

A empresa, Autocares Vázquez, presentou un informe co número de pasaxeiros por liña. E claro, hai liñas que están moi baixas, con poucos viaxeiros. E aí, como recoñece Parga, “cando aparecen os cartos temos o problema, e como hai liñas que son deficitarias, a empresa quere recortalas”.

Os alcaldes non aceptan estas pretensións da empresa. “As espectactivas de non perder máis liñas e incluso mellorar algunha parada. Imos intentar facer unha mesa de negociación para poder ver cales son os mellores horarios, pero parece que hai boa vontade por parte da empresa”, sinala Parga.

Xa somos deficitarios

"De momento non anunciou que non vai retirar máis servizos. Nós trasmitísmolle ademais que hai que mellorar algún servizo, como por exemplo que ten que haber unha liña que leve a xente pola mañá pola estrada autonómica de Pazos a Ponteceso, e que os devolva pola antes de comer, unha liña adaptada ás necesidades dos veciños", apunta tamén o alcalde pontecesán Lois Carballido.

En todo caso, recorda que "xa non se está cumplindo o servizo público que deberíamos ter, porque non hai liñas que unan co Hospital de Cee. Agora ben, unha persoa de Corme que teña que ir ao CHUAC á Coruña, ten que ter esa posibilidade de ir e voltar no día".

"Para a Costa da Morte é fundamental ter unhas vías de comunicación e un servizo de transporte público decente, para fixar poboación e para a mellora do sector turístico", destaca Carballido.

Vindeira e clave xuntanza

Polo de pronto, xa hai fixada unha reunión convocada pola Consellería para a vindeira semana. O martes que vén, alcaldes da zona, a Xunta e empresa manterán unha xuntanza para tratar de ir chegando a acordos para ter o mellor servizo posible.

"Alégrome que a Conselleira tome as rendas, e intente solventar este problema. Non sei se pola vía das multas van conseguir que se cumpran os servizos, ou non, pero temos que esixir que se manteñan os servizos", apunta Carballido. "O que si temos claro é que os Concellos non poderíamos asumir subvencionar este servizo se é que a empresa esixe compensacións".

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios