Luns. 06.05.2024
El tiempo

Laxe queda sen festas

Laxe queda sen festas
Hoxe é 21 de xullo, data na que Laxe adoita comezar os seus festexos de verán coa Romaría da Cruz da Rosa. Pero este ano non vai ser así, xa que non se formou unha comisión de festas para a ocasión. Non hai nada organizado, agás os eventos de carácter relixioso, que teñen lugar na ermida de Santa Rosa, no monte Cornaceiras. Os motivos da ausencia dun equipo que se adique a organizar as festas poden ser varios. Na vila pedían unha maior implicación da mocidade para garantir o relevo xeracional da Comisión pero ninguén quixo poñerse á fronte. Xurdiu nos últimos días un movemento polo facebook para evitar a situación pero polo de agora non hai resultados. Por outra banda temos que falar dos problemas na recadación polas casas e os negocios da vila. Nos anos oitenta e noventa, Laxe sempre aspiraba a competir coas grandes citas do país, cun cartel con artistas de primeiro nivel. Xente como Antonio Molina ou Ana Kiro trouxeron festa á vila das Mareas Vivas. Pero nos últimos tempos non pode ser así pola negativa da sociedade laxense a facer aportacións económicas para as festas. Nas casas píntase a crise pero nalgúns casos, os locais de hostalería, que son os únicos que enchen a caixa durante eses días, tampouco entenden de abrir a carteira ou colaboran con aportacións que non chegan a corresponderse nin a título individual. Iso si, as portas dos negocios permanecen abertas ata que a orquesta para de tocar na praza. Engadimos a estes argumentos de carácter económico a situación da Administración. A situación non é boa en todos os concellos, e o Concello de Laxe é o que menos cartos aporta para festexos en toda a bisbarra. A situación entre os veciños de Laxe é de indignación ante a ausencia de festas, unha ausencia que é tema de debate en cafeterías e na rúa. As Festas de Laxe, soadas históricamente en toda a bisbarra, non están a pasar polo seu mellor momento nos últimos anos. Lembramos que hai un par de anos quedaron sen as celebracións de Santa Rosa, o día 30 de agosto.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios