Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Relevo xeracional no mar de Laxe: “Non peleo máis”

  • “A filosofía dos Fondos Europeos de Pesca é errónea. Como van axudar para que vendas o barco e montes un bar?”
  • “Os pais levan toda a vida dicínlle aos nenos que non fosen ao mar. Pero antes non lle facíamos caso”
Barcos de baixura no porto de Laxe-Foto-Camino dos Faros 2 copia
Barcos de baixura no porto de Laxe-Foto-Camiño dos Faros
Relevo xeracional no mar de Laxe: “Non peleo máis”

Seguimos afondando nun dos problemas máis trascendentes do noso mar. Temos pasado por Malpica e por Muros, analizando o que pensan varios profesionais do sector sobre a falta de relevo profesional. Hoxe atracamos no porto de Laxe, para falar cos representantes da Confraría.

Unha Confraría que non pode lanzar unha mensaxe de positivismo, aínda que queira, porque ven como “a principal empresa dun pobo pesqueiro como este se debilita cada vez máis. E iso inflúe directamente na vida do pobo, non é só que o sector vai para abaixo. Se a xente non ten choio marchan vivir a Coruña ou Carballo, e notamos que Laxe está quedando desértica, a zona vella está case baleira”, explican.

Ao escoitar a palabra relevo xeracional, Antonio Devesa ri de dor, “porque é unha frase moi bonita, como coidar o medioambiente, pero non se fai nada para que pase. O relevo xeracional cada día vai peor, o sector morre, e despois de morrer o sector vai morrer o pobo, e non só Laxe, falo de todas as vilas costeiras”.

Dende a confraría fan unha valoración moi clara: “De cada 10 retirados, temos 1 incorporación; e se cadra quedamos cortos”.

Antonio Devesa da Confraria de Laxe nunha reunion co alcalde e Portos
Antonio Devesa, nunha visita co alcalde de Laxe e a representante de Portos

Tendencias

Segundo sinalan dende o pósito, “a tendencia cambiou hai arredor de 3-4 anos. Antes tendíase a medrar, pero agora o normal é vender embarcacións grandes e comprar embarcacións pequenas, de 4 a 2 tripulantes, por non conseguir ter tripulacións estables. E cómpre non esquecer que un barco é unha empresa, con gastos fixos que hai que cubrir polo menos para empatar. Se o tes parado estás palmando pasta”.

De aí, que estes anos se escoite moito a frase “non peleo máis, compro unha embarcación pequena e vou co pai e xa nos chega”.

A día de hoxe son 100 afiliados na confraría (22 son percebeiros), e xa hai un 30% de poboación de fóra entre os profesionais dos arredor de 30 barcos que atracan no porto laxense.
Entre a poboación estranxeira, tampouco hai o mesmo arraigo que antes, ou que hai en zonas como as de Burela, onde xa asentaron e formaron familias de varias xeracións. A Laxe tamén comezaron a chegar peruanos, pouco a pouco foron chegando senegaleses e agora tamén indonesios. Pero “como é normal, son xente que vén gañar cartos, e se hai unha temporada mala, marcha. Os de aquí aguantamos e aguantamos. Estas semanas de inverno, por exemplo, non podemos sair traballar, e entre iso e a falta de capturas, é complicado aguantar”.

Non hai vocación: “A tendencia é escapar do mar”

Devesa fai unha comparación histórica. “Os meus amigos, da quinta dos 48-52 anos, son todos mariñeiros. Eu, de feito, antes de entrar na confraría estiven 5 anos no mar. Para todos nós cando eramos novos, o mar era todo, iamos cas chalanas todo o verán, había moito máis arraigo co mar. Agora xa nin se xoga ao fútbol nas rúas, os rapaces están na casa xogando á Play”.

Nese sentido, os que se xubilaban hai 10-20 anos si tiñan un relevo na casa para seguir co negocio. Agora “a tendencia é escapar do mar”.

Por que cambiou esta situación? “Cambiou porque os pais comezaron a dicirlle aos nenos que estudiasen para coller choio en terra? Pode ser, pero iso xa pasaba antes e os nenos non lle facíamos caso e quixemos acabar no mar. Iso de que “non vaias ao mar non, que é moi sufrido”, dixéronllo sempre, pero aínda así a nosa xeración seguiu empeñada en quedar”.

Aseguran que teñen pelexado moito para visibilizar o seu traballo, e buscar que as novas xeracións teñan en consideración o mar dentro do seu futuro. Aí está o proxecto de Mar de Laxe, activo dende 2005, con documentais fermosísimos (como este “Os Soños do Mar” que vemos aquí embaixo feito por Mandeo Records en 2009), un proxecto de musealización da lonxa, con recepción e mesmo visita ás escolas…

Trabas administrativas

Unha das problemáticas nas que coinciden todos os profesionais son as trabas “burrocráticas”. “É máis dicífil dar de alta un mariñeiro que dalo de baixa. Dalo de baixa tardas un minuto e de alta 15 días. Non é normal iso”, sinalan dende a confraría, que dan outro exemplo: “Antes para quitar a libreta de navegación, ías á Capitanía Marítima e a quitabas. Agora, tes que ter dous cursos: mariñeiro pescador e formación básica. Pero para facelos tes que esperar a que os fagan. Imaxínate un rapaz de 18 anos, finais de xuño, acaba a escola, e quere ir ao mar. Vai á Capitanía de Corme, e dinlle que ten que sacar eses dous cursos, pero resulta que os dan en novembro e decembro. Que fai? Neses meses busca outra alternativa e xa non volve ao mar. Iso é unha traba directa, porque a maioría dos rapaces non poden esperar tanto tempo”.

TACS e Cotas

Outra das causas principais de que “o sector non sexa economicamente rendible como hai anos son as Cotas e os TACS. “Pedimos que a pesca artesanal non conte para as cotas, e dicimos por iso porque a actividade da pesca artesanal é unha porcentaxe moi pequeno; o esforzo da pesca artesanal no computo global da pesca europea é minúsculo”.

Nese sentido, as cousas teñen a súa explicación. “Santiago está lonxe, Madrid está lonxe, e Bruxelas aínda máis. Galicia é a cuarta potencia europea de pesca. Por que hai lugares que teñen moito máis cota que a cabala a nivel estatal, como o País Vasco, que a pesar de ter menos barcos ten máis cota, e cando acabamos aquí a cabala veñen eles a comernos a parte que nós non podemos pescar”.

A reflexión dende Laxe é máis profunda. “Por que se fan as cotas? Temos que conservar o medio mariño, perfecto. Pero o problema é que teñen pautas marcadas de logralo a corto prazo, e falar de sostibilidade (esas frases tan bonitas) a curto prazo, provoca moitas outras cousas que non se teñen en conta. O afogamento vén moitas veces por iso, porque o rendimento máximo sostible (RMS) ten que acadarse en 5 anos, cando debería facerse a longo prazo. Non vale conseguir ese obxectivo se te cargas a parte económica e social. Se non hai industria o pobo morre. Estase tendo en conta o tema medioambiental máis importante que a parte económica e social. E ten que equilibrarse”, consideran dende a confraría.

Axudas Europeas para “marchar do mar

Dende Laxe consideran que “as cotas si que inflúen, pero detrás das cotas hai moitas máis cousas”. “A unión Europea non contempla o que é a pesca de baixura nin o que representa para as vilas costeiras. En vez de axudar está destruíndo a pesca artesanal. Os Fondos Europeos da Pesca incentivan a ir ao mar?? Non, incentivan á reconversión”, lamentan.

Apuntan que a “filosofía da UE é errónea de base, pensan que cantos menos sexamos imos vivir mellor. Non podemos dicir que o futuro da pesca é cargarnos a metade da flota e recovertir a outra metade. Que facemos con esa xente? Mandámola a Novo Mesorio?”.

Nese sentido, critican que os Fondos Europeos ”favorezan que vendas o barco e montes un bar”, o que, debido á propia definición das bases das axudas que outorga o GALP, fai que haia moi poucos proxectos presentados polo propio sector.
Nesa liña van tamén as axudas da Xunta, pois avanzan que seguramente van volver axudas para os chamados “desguaces”, o que seguramente provocará que boien a metade dos barcos de Laxe. Unhas axudas ademais que teñen nas súas bases unha cláusula que lles impide volver ao mar nos vindeiros 5 anos…
Paralelamente denuncian que a día de hoxe tamén hai unhas axudas para renovación dos barcos, pero curiosamente non están están subvencionadas a renovación dos motores, a peza máis importante do barco.

Barcos de baixura no porto de Laxe-Foto-Camino dos Faros

Turismo?

Precisamente sobre esa reconversión que a UE está promovendo en zonas costeiras de Galicia, que pase do mar ao turismo, dende o mar consideran que non é viable. “Laxe de verán si que está cheo, pero e en inverno? E dicímolo dende Laxe, case que o Sanxenxo da Costa da Morte e aínda así non podemos vivir o ano enteiro do turismo. Falamos de desestacionalización pero temos que ser realistas. Un día como hoxe a xente ten que ir agarrada ás farolas… que vai vir?”.

Dragaxe

E xa que atracamos en Laxe, toca preguntar polo estado das obras da dragaxe do porto. Unha dragaxe que está realizada ao 25%, polo que polo de agora non se pode valorar. En todo caso, semella que os barcos aguantan algo mellor, sobre todo na zona que se dragou xa. En abril-maio volverán comezar, aínda que as explosións non comezarían ata xullo e agosto.

Sobre a súa afectación ou non ao eterno problema dos áridos (aínda levado a pasada semana ao Parlamento Galego), dende a confraría consideran que é difícil que inflúa, segundo o que din os estudos. “Nas resacas e nas correntes si, pero no da area non creo, mentres o dique permaneza”, explican.

 

Novas relacionadas

 

Novas sobre a Pesca artesanal

 

Artigos da serie Calafateando

 

Outras novas

Comentarios