A Depuradora de Malpica ubicarase finalmente no porto a pesar do perigo medioambiental
Había tempo que non sabíamos dela, e iso leva case 2 anos buscando ubicación. A Xunta pedira que se situase no Monte da Plancha, e malia considerar que "o porto non é o lugar axeitado para a instalación desta infraestrutura, dada a intensa actividade relativa á pesca fresca que se desenvolve na zona portuaria de Malpica e a proximidade ao mar", a EDAR situarase finalmente no extremo sur do Porto.
A decisión chega tras chegar a un consenso co alcalde malpicán e Portos de Galicia, e o proxecto foi aprobado, "considerando a capacidade de dilución no punto de vertido, contempla unha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica carbonosa". Segundo sinala a Xunta, tras un cambio claro de opinión, "trátase dunha biofiltración acompañada de desinfección para limitar a emisión de unidades formadoras de colonias ao medio, a pesar de que as zonas de baño están afastadas".
En outubro asinarase o convenio con Portos para a cesión de terreos e as obras licitaranse no primeiro trimestre de 2013.
Datos
- Necesitarán 675 m2 para instalar a EDAR e un viario de cambio de sentido entre a depuradora e os departamentos do porto.
- Augas de Galicia, achegará un investimento de máis de 4,5 millóns de euros para a construción destas infraestruturas hidráulicas.
- Dará servizo a máis de 7.000 habitantes desta zona da Comarca de Bergantiños.
- 19-12-11: A voltas coa Depuradora de Malpica.
- 25-01-11: A Depuradora de Malpica segue buscando ubicación.
- 13-05-10: A Xunta pide construir a depuradora de Malpica no Monte da Plancha.
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Nota de prensa da Xunta.