Venres. 29.03.2024
El tiempo

O BNG de Malpica pon en valor os dous anos de goberno tripartito e critica o oportunismo do PP

Miguel Varela con Walter Pardo
Miguel Varela, á dereita, nun acto xunto co concelleiro e o alcalde socialista
O BNG de Malpica pon en valor os dous anos de goberno tripartito e critica o oportunismo do PP

Outro dos directamente afectados polo terremoto político provocado por Alfredo Cañizo en Malpica, ademais do PSOE, é o BNG. O actual concelleiro Miguel Varela quere facer unha valoración sobre o acontecido esta semana pasada cunha retrospectiva a estes dous anos no goberno tripartito.

O grupo valora a aposta da militancia tralas eleccións de 2019 por converterse en “actor fundamental nese proceso formando parte do goberno”, pero recoñece que está sendo un “mandato totalmente anómalo, marcado por unha pandemia de carácter global e na que, case ao inicio deste, tivemos que confinarnos e enfrontar graves problemas sanitarios e sociais da nosa veciñanza dende as casas”.

En calquea caso “cremos que o Goberno de Malpica estivo á altura dos acontecementos. Xestionamos, programamos, atendemos e acompañamos á nosa sociedade, con todas as dificultades que tiña a situación e que aínda ten para moitas cousas”, apuntan.

Nesa liña aseguran que “o concello moveuse e fomos facendo que se recuperara a actividade dentro das medidas que se ían decretando en cada momento concreto da pandemia. Agora mesmo, calquera que pasee por Malpica, e coa Mostra de Olería de Buño recentemente rematada, pode comprobar o pulso do concello e a oferta de actividades para a nosa veciñanza e a xente que nos visita, sempre intentando manter a lealdade desde as nosas áreas de goberno, e a colaboración coas entidades locais e coa veciñanza, mantendo os valores culturais e sociais que nos caracterizan”.

Queren poñer en valor que “hoxe, no momento en que a vacinación está traendo a esperanza fronte á COVID19, o Goberno de Malpica conta con proxectos froito de dous anos de planificación a través do Plan Único da Deputación, e co orzamento necesario para executalos, así como diversos proxectos urxentes e necesarios para Malpica, as súas parroquias e a súa vila que estaban previstos no goberno ou diferentes convenios en tramitación para potenciar o noso patrimonio, e mesmo coa posibilidade de que os fondos europeos nos permitan aínda máis capacidade de xestión”.

”Mais iso, tamén o sabe o Partido Popular, e quere rendabilizalo apoiándose incribelmente na persoa a quen máis criticou e mesmo atacou nestes anos de tripartito” critican.

Recoñecen que “calquera goberno, mesmo os monocolores, teñen as súas tensións, as súas diferenzas e os seus debates internos e un tripartito como o de Malpica non estivo exento delas. Mais, a cultura democrática do BNG, baseada fondamente no diálogo e no debate, fai que nos enfrontemos ás diferenzas como camiño para chegar a acordos, e así o fixemos durante todo este tempo, buscando que o que saíra dos debates fose o mellor para a sociedade de Malpica. Lamentamos que outras forzas políticas carezan da cintura política suficiente para xestionar en positivo os debates e as diferenzas, nós sempre debateremos en beneficio de Malpica”.

Remata o grupo cunha mensaxe de futuro: “Agardamos que o tempo, ese elector implacábel, e a reflexión da sociedade malpicana poña a cadaquén no seu lugar e saiba premiar e castigar as posturas duns e doutrxs. Mentres tanto, o BNG vai seguir traballando polos intereses da veciñanza do noso concello levando a pleno as cuestións que conforman o noso plan de traballo para este mandato e que figuraban no noso programa electoral e no noso acordo de goberno”.

Novas relacionadas

Comentarios