A Croa do Castro alberga un barrio con 10 casas circulares e un muro de 6 metros de anchura

Foron 5 días de traballo de campo e varias sesións de estudo, tralas que o arqueólogo Carlos Otero Vilariño conclúe que o lugar “é unha gran fortificación amurallada con vivendas circulares e camiños interiores” que se ergue nun outeiro desde o que se dominan os vales das aldeas próximas do Ceán e A Aldeola e na distancia toda a cadea montañosa costeira dos concellos de Malpica e Ponteceso.
Muralla e entradas
Unha acrópole, parte superior do castro, de planta trapeizodal está rodeada por unha muralla de cinco a seis metros de grosor “constituída por un dobre lenzo de pedra recheo de terra”.
No extremo SSE, mirando cara a Cerámicas El Progreso, Carlos Otero confirma a presenza da entrada orixinal. Aquí apréciase unha interrupción clara das defensas e unha anomalía transversal que “podemos interpretar como o resto da zona de paso da entrada” informa. Dáse a circunstancia de que actualmente un muro contemporáneo pecha este espazo. Este muro, que está máis limpo e mellor conservado que o resto dos tramos da muralla do castro, non se reflicte como anomalía magnética no subsolo. Polo tanto, dedúcese que “é un muro agrícola de factura moderna”.
Próximo á entrada orixinal, no sector SE das defensas, e coincidindo cun engrosamento e crecemento en altura, que se pode observar a simple vista, aparece na cara interior das defensas unha terceira anomalía lineal, mais débil ou fonda, que puidera indicar unha reforma ou reforzamento das defensas. Para Carlos Otero “esta anomalía podería representar unha obra que tiña como fin facer posible a elevación e engrosamento das murallas neste sector”. Correspondería esta obra “á parte defensiva máis monumental do xacemento”.
Ademais da entrada orixinal, a muralla defensiva ofrece unha segunda interrupción que se aprecia perfectamente en superficie. Otero Vilariño constanta que se trata dunha “construción relativamente recente dun acceso para o laboreo da parcela”.
Por último, na parte contraria á entrada orixinal, no extremo NW atópase a actual entrada ao interior do recinto que “é unha lixeira alteración moderna” pola que subía o gando para pastoreo ou os carros para a extracción de toxo.
Unhas dez posibles vivendas castrexas circulares
Entre o piñeiro central da Croa e mirando cara á aldea do Ceán se encontraron unhas anomalías magnéticas que poden pertencer a unhas “dez cabanas circulares, de entre 4 e 6 metros de diámetro”. Indica, ademais, que “o seu número, a súa regularidade e distribución fan pensar que na súa meirande parte sexan anomalías fiables”.
Igualmente, outras variacións poderían ser camiños, muros… pero recoñecen que a presencia dun tendido eléctrico de media tensión na parte W da Croa, polo lado da Aldeola, así́ como de vellos cartuchos de caza, provocou interferencias nunha cuarta parte do castro.
Futuro
Con todo isto enriba da mesa, Otero propón “realizar dúas actuacións complementarias”. Unha primeira sería o “pase de xeorradar na zona da entrada orixinal do castro así́ como no barrio habitacional”. A segunda seria “realizar tres sondaxes de 2x8 m para comprobar os resultados das probas do gradiómetro”.
Cando se normalice un pouco en Malpica de Bergantiños a situación do COVID, a Comisión Croa do Castro de Cerqueda manterá́ unha reunión para avaliar este informe e marcar unhas liñas de traballo para seguir actuando neste asentamento da Idade do Ferro.
Historia do proxecto da Croa do Castro
- Xullo 2020: A Croa do Castro volve abrirse á arqueoloxía social
- Xullo 20: Xosé Manuel Varela describe a Croa do Castro para Senda Nova.
- Xullo 2020: A Croa do Castro prepárase para a escavación.
- Xullo 2019: Malpica tala a contorna a Croa do Castro para poder escavar o xacemento.
- 2018: A Croa do Castro, unha visita monumental para a Semana Santa.
- Abril 2015: Os voluntarios descobren a porta orixinal da Croa do Castro de Cerqueda.
- Febreiro 2015: Os veciños de Cerqueda presumen da súa Croa do Castro.
- 2013: Croa do Castro: A arqueoloxía oleira.