sábado. 07.02.2026
El tiempo

A imaxe de San Amaro de Bértoa: unha talla rebautizada

imaxe da talla de San Amaro de Bértoa-Luis Bermudez
imaxe da talla de San Amaro de Bértoa-Luis Bermudez
A imaxe de San Amaro de Bértoa: unha talla rebautizada

En xuño de 1906 foi asentado na igrexa de Bértoa un magnífico retablo neogótico para ocupar o muro do testeiro da capela maior, obra do escultor compostelán Joaquín López García. Como as imaxes antigas, procedentes da igrexa anterior, xa que a actual foi feita de novo a medio quilómetro da mesma, non cadraban ben, o párroco decidiu adquirir unhas tallas modernas e de devocións que nunca antes houbera na freguesía: apostou polas representacións de santa Eufemia, a Virxe da Mercé, santa Tareixa de Xesús, san Lázaro, san Ramón, o Corazón de Xesús e, tamén, de san Amaro. Esta foi mercada en 1908 e, como as anteriores, é da autoría do tallista José García Vilariño. Son efixies de canon esvelto, rostros alongados e pouco expresivos, vestimentas lisas... Nesta talla o Santo aparece ataviado cun hábito de cor marrón, con escapulario rectangular, e cinto de coiro; sobre os seus ombreiros cae unha capa negra, con capuz, que non lle chega ata os talóns. A man dereita móstrase suxeitando un bastón en forma de tau e, coa esquerda, da conta dun libro. O representado aparece reflexivo, coa mirada baixa, en calma, marcado por unha gran tonsura e unha barba que denota a súa venerabilidade. 

San Amaro, (Mauro en castelán), foi un dos dous discípulos de san Bieito, no século VI; en Galicia a súa devoción foi moi difundida, grazas a presenza dos monxes desta Orde pola nosa xeografía. En Bergantiños só tiña unha ermida en Couso, en Coristanco, vinculada a unha casa nobiliaria, e non existe ningunha imaxe del salvo esta de Bértoa. Hoxe, esta talla é nomeada como «San Paio de Xaneiro» (San Paulo, primeiro ermitán), debido a unha confusión ao venerarse ambos santos na mesma xornada: o 15 de xaneiro. Sen embargo, nada ten que ver un co outro, salvo que a súa iconografía é semellante e o seu patrocinio idéntico: sandar os males dos ósos. 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios