Venres. 26.04.2024
El tiempo

Formando, reivindicando e premiando polo Ensino Público

Formando, reivindicando e premiando polo Ensino Público
As Anpas Galegas con Nieves Villar e o seu fillo Hadrián As Anpas Galegas con Nieves Villar e o seu fillo Hadrián

Reivindicativas e emotivas son sempre estas citas das Anpas Galegas. Tan comprometidas nestes últimos anos polo mantemento dunha educación pública de calidade que artellan e artellan iniciativas. A última cita foi este pasado sábado 12 de marzo, no Pazo da Cultura de Carballo, onde aproveitaron a Gala dos Premios Rosalía e Wert para facer unha Xornada de Formación para pais e nais involucrados nas Asociacións de Pais e Nais.

Formando

A xornada comezou cun amplo tratamento sobre as obrigas formais das asociacións de nais e pais, tanto no que atinxe ao seu funcionamento interno, como aos seus dereitos e obrigas na comunidade educativa, ou aos aspectos fiscais e contables da súa actividade, porque aínda que as ANPAs somos asociacións sen ánimo de lucro é moi doado neste momento caer en actividades que escapan do noso fin social, debido ao completo abandono no que a Administración Pública ten aos centros de ensino público, e ás continuas necesidades funcionais e sociais que estamos a ver de a cotío.

Reivindicando

Sen dúbida o punto forte da xornada de onte foi o tempo que lle dedicaron á atención educativa hospitalaria e domiciliaria, que é a campaña principal que desenvolven na Confederación ANPAS GALEGAS durante este curso escolar no que aínda están.
Comezaron cunha ampla exposición do actual protocolo que ten establecido a Xunta de Galicia, todo o amplo que se pode dentro da simpleza e insuficiencia deste documento. Continuaron dando conta aos presentes de todo o traballo feito pola Confederación nas súas xuntanzas con profesorado experto, antigos enfermos, profesionais de ámbito universitario, políticos, asociacións, e familias que pasaron ou están pasando por este problema.

Completouse a exposición cunha idea moi simple: a atención educativa na enfermidade debe ser, e todo nos certifica que así pode ser, da mesma intensidade que na saúde; só hai que estruturala dende a perspectiva do dereito fundamental á educación, e coa finalidade clara de conseguir que a persoa enferma non vexa detida a súa vida académica por unha circunstancia que, ben organizada, non ten porque supor un atranco na súa vida futura.

Premiando

Nieves Villar Premio Rosalia das Anpas Galegas Nieves Villar Premio Rosalia das Anpas Galegas

Finalmente chegou a entrega dos dous premios anuais que outorga a Federación da Costa da Morte, o premio Werto en contra do Ensino Público ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen, a xuízo das socias e socios da Federación, “meréceo polo seu traballo en contra do noso Ensino, polos constantes recortes e os permanentes abandonos ás necesidades dos nosos fillos e fillas, polo retraso indiscutíbel na atención a todos quen precisan unha atención especial para ser iguais que os demais, e pola negativa a se reunir con Nieves Villar e falar de atención educativa domiciliaria, porque Nieves está aí representando a todas as familias galegas, e é a esas familias a quen se negou a recibir o conselleiro, quen por certo non acudiu a recoller o premio concedido”.

Quen si asistiu foi Nieves Villar, a nai de Malpica que enganchou a toda a comunidade educativa cando decidiu que o seu fillo Hadrián non tiña porque ter, por riba da grave enfermidade que lle diagnosticaran, un menor dereito á educación que cando estaba san; e por iso loitou, demandou, e conseguiu parcialmente coas súas protestas, un modelo diferente ao que estaba en vigor. O valor da Nieves, que se lle recoñece neste premio, non foi só a demanda permanente nin a denuncia sistemática, non é só a súa capacidade para se manter firme nas súas decisións entregando días enteiros da súa vida para falar con todos os representantes públicos e para facer ducias de declaracións aos medios de comunicación; o gran valor de Nieves Villar é a conciencia clara de estar a traballar por todos os nenos e nenas enfermos, por todas as familias que se ven nesa circunstancia, por toda a sociedade, conseguir movernos a todas e todos para demandarmos unha nova situación na que se superen os atrancos que a ela lle puxeron. Son as persoas como Nieves Villar quen levantan e manteñen unha sociedade común e participativa, quen lle dá corpo aos dereitos de todas e todos dende a honestidade e a xenerosidade.

”Por iso a premiamos, por iso lle damos as grazas, e por iso tomamos a súa demanda como a demanda desta Confederación, e de todas as familias galegas”, declaran os organizadores.

Novas relacionadas Fonte 

Comentarios