Venres. 29.03.2024
El tiempo

Máis de 200 persoas asisten á presentación do disco A Escote

Máis de 200 persoas asisten á presentación do disco A Escote

Os grupos Media Ducia e Fol de Veneno, compostos por músicos de Malpica, Ponteceso, Carballo, Buño e Paiosaco, presentaron na noite do venres no Pub A Eira (Ponteceso) o seu novo traballo de música folk-tradicional, "A Escote".

Cunha proxección de imaxes da historia e o pasado dos dous grupos, a festa comenzou ás 11 da noite, coa parte de atrás do local A Eira, cheo de xente. Máis de 200 persoas no público, entre amigos, familiares e compoñentes de asociacións de baile e culturais de todo Bergantiños, que aplaudiron as novas cancións dos grupos e participaron bailando e cantando con eles.

Media Ducia empezou o acto destacando que se trata “dun novo traballo dun grupo de amigos que se xuntan para tocar de vez en cando dende hai máis de dez anos”. De feito, parte deles xa tocaron noutros grupos da zona, como Atalora ou Ramo Cativo. O conxunto musical de Malpica interpretou as cancións do disco, dende A Catalina ata A Esmorga Mollada, pezas tradicionais con arranxos melódicos modernos. Contou coa colaboración especial de Pedro Lamas, ao saxo, director de Nova Galega de Danza, Fransy González, pandereteira de Xiradela, Arteixo, e Susana e Laura García Gómez, cantareiras de Malpica.

Logo dunha hora de música e baile, cargada de momentos emotivos entre músicos e público, Fol de Veneno comezou a súa actuación sobre as 12 e media da noite para interpretar pezas como A Bailadora, Pola Costa de Piaia ou Barrija con Barrija, todas elas incluidas no disco. Ito de Arzúa, da banda de música desta vila, acompañounos coa tuba e Sonia Reborido, pandereteira de Agualada, colaboradora de Mercedes Peón, interpretou varias cancións coas cantareiras do grupo, todas elas de Xornes.

Os bailadores de Raigañas, Cerqueda, vestidos de gala e faena para a ocasión, bailaron varias pezas cos grupos, o que chamou a atención do público e arrancou máis dun aplauso. A festa prolongouse ata as catro da mañá, xa que logo do concerto de presentación do disco montouse una improvisada repichoca na que participaron membros do público, tocando e bailando.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Información e fotos de Selina Otero.

Comentarios