Malpica recupera as merendas na ermida de Santo Hadrián
13:05 21/06/16
Miles de devotos acompañaron ao Santo Hadrián e Santa Natalia no seu ascenso ata a ermida
"Foi un dos anos con máis xente", sentencian os voluntarios de Protección Civil de Malpica que formaron parte do equipo de seguridade especial para a romaría de Santo Hadrián. Tanto a contorna da capela como a vila malpicana foi un fervedoiro de xente ao longo da pasada fin de semana e moi especialmente o domingo. Ademais, o bo tempo axudou a que as misas, que se celebraron dende as 07:30 horas, estivesen ateigadas de devotos chegados dende distintos puntos da zona. Outro ano máis, a fonte encheuse de panos cumplindo outro dos ritos propios desta festa onde tampouco faltaron as velas e exvotos con formas de distintas partes do corpo.
A fonte milagreira encheuse de panos brancos
O éxito tamén foi total na parte menos litúrxica da festa. O posto de sardiñas da asociación San Xulián de Seaia "non daba abasto" e a pulpeira estivo chea na hora do xantar.
O posto de sardiñas da asociaciónn San Xulián estivo cheo de xente durante o domingo
E foron moitas as familias e pandillas de amigos as que recuperaron a vella tradición de "merendar" no campo da ermida de Santo Hadrián.
Moitas pandillas aproveitaron a xornada do domingo para comer na contorna da capela de Santo Hadrian
As verbenas e a regata Illas Sisargas, xunto coa campaña de promoción da romaría que puxo en marcha o concello de Malpica, foron outro dos atractivos dos centos de persoas que se achegaron ao longo de toda a fin de semana ata a vila de malpica. No campionato deportivo incluso participou a medallista olímpica Sofía Toro.
Máis de cincuenta persoas participaron no dispositivo especial de seguridade
Ante a gran cantidade de xente que visitou a vila de Malpica durante a fin de semana, o concello puxo en marcha un dispositivo especial de seguridade formado por máis de cincuenta persoas. Axentes da Garda Civil e da Policía Local e persoal de Protección Civil de varios municipios da zona velaron pola seguridade da cidadanía durante a romaría. O concello agradeceulles a colaboración e o traballo agasallándoos cunha peza de Olería de Buño e ofrecéndolles un xantar de confraternidade no que tamén participaron o alcalde, Eduardo Parga Veiga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Pili Doldán.
Novas relacionadas
- 2016:
- 2016: Malpica reforza a seguridade durante as festas de santo Hadrián
- 2014: Xa chega a Romaría de Santo Hadrián
- 2013: Propoñen unha quincena de actividades para a romaría de Santo Hadrián
- Recuperando o patrimonio de San Adrián de Malpica.
- Unha de Festas de Interese Turístico na Costa da Morte.
- En bici ao San Adrián de Malpica.
- 2008: A Romaría do Santo Hadrián de Malpica é declarada festa de Interese Turístico.
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Malpica