Malpica reforza a seguridade durante as festas de santo Hadrián
08:07 08/06/16
A corporación municipal reuniuse cos axentes de seguridade para organizar o servizo durante a romaría
A pouco máis de dez días para as festas do santo Hadrián de Malpica - declarada festa de Interese Turísitico - o concello de Malpica acaba de informar de que os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza na vila xa que entre o venres 17 e o 19 de xuño esperase unha afluencia masiva de visitantes con motivo da romaría.
O dispositivo da romaría estará integrado por máis de 50 persoas entre axentes da Garda Civil e da Policía Local - que se reforza con persoal dos concellos limítrofes - e Protección Civil, que será o corpo máis numeroso con 30 voluntarios das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo e Cerceda, ademais de Malpica. Todo este dispositivo dos corpos de seguridade completarase coa presenza dunha ambulancia.
O dispositivo de seguridade centrou a xuntanza que mantiveron onte o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández; o xefe da Policía Local, Tito Mancebo, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño. Ademais de reforzar os servizos de seguridade e emerxencias, o concello de Malpica tamén porá a disposición dos visitantes zonas de aparcamento gratuítas.
Salvamento nas praias
Os servizos a veciños e visitantes completaranse coa entrada en servizo do equipo de salvamento e socorrismo, integrado por seis persoas, nas praias de Area Maior e Canido. Os socorristas traballarán a partir do sábado 18 de xuño, en horario ininterrompido de 12 a 20. Nas praias do municipio que non dispoñen de servizo de salvamento colocaranse os aros salvavidas e a sinalización correspondente para que os usuarios tamén poidan gozar delas.
Promoción da romaría
Ademais, o concello de Malpica pon en marcha unha campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián coincidindo coa presenza municipal en Festur. A presentación da campaña terá lugar hoxe, ás 12.30 horas, na propia ermida de Santo Hadrián.
Novas relacionadas
- 2014: Xa chega a Romaría de Santo Hadrián
- 2013: Propoñen unha quincena de actividades para a romaría de Santo Hadrián
- Recuperando o patrimonio de San Adrián de Malpica.
- Unha de Festas de Interese Turístico na Costa da Morte.
- En bici ao San Adrián de Malpica.
- 2008: A Romaría do Santo Hadrián de Malpica é declarada festa de Interese Turístico.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Malpica