Xoves. 19.09.2019
El tiempo

Medio centenar de mestres do país lembran a Paco Souto nun Roteiro Literario polos seus espazos vitais

Miro Villar no Roteiro Literario polos espazos vitais de Paco Souto-Foto-Carlos Rodriguez Perez
Miro Villar no Roteiro Literario polos espazos vitais de Paco Souto-Foto-Carlos Rodriguez Perez
Medio centenar de mestres do país lembran a Paco Souto nun Roteiro Literario polos seus espazos vitais

Este pasado sábado, 25 de maio, máis de 50 profesoras e profesores aproveitaron para “reflexionar” participando no "Roteiro Literario polos espazos vitais de Paco Souto", dirixido po Miro Villar e Rosalía Fernández Rial, e organizado pola Sección de Lingua do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), que coordina X. Carlos Rodríguez Pérez. As explicacións dos relatores e a lectura dos poemas de Paco Souto foron tamén acompañados polas intervencións a maiores de Emma Abella Cruz, compañeira do poeta e percebeiro finado; e do editor e poeta Paco de Tano en representación da Editorial Caldeirón.

O roteiro iniciouse na praza Anselmo Villar, a carón da Casa do Concello de Malpica, onde Paco Souto fora concelleiro nacionalista. Alí léronse os seus primeiros poemas sobre a propia escrita e sobre a patria galega. Deseguida as persoas participantes foron á beira do peirao, onde se lles explicou a remodelación e humanización realizada polo arquitecto Xoán Creus, e onde se leron poemas de Paco Souto sobre os oficios do mar e da pesca, antes de subiren ao primeiro andar da Casa do Pescador. Lugar idóneo para repasar a obra pictórica de Urbano Lugrís que se atopa na sala, introducida polo docente Carlos Cimadevila e acompañada dos versos de Paco Souto sobre o pintor, mais tamén de textos do poeta Avilés de Taramancos, quen fora grande amigo do artista.

Tocaba visita á nave das redeiras de Malpica, onde as atadoras explicaron as condicións do seu duro traballo, e novamente os versos de Paco Souto sobre esta temática foron lidos. De novo nun dos miradoiros do peirao relatouse a fuxida dos republicanos de Malpica en barco, coa lectura de fragmentos do libro “Fuxiron por mar” de Xermán Abella Chouciño e unha serie de poemas de Paco Souto relacionados coa memoria histórica e republicana.

Os miradoiros do Bufadoiro e da Atalaia foron a seguinte etapa, na que os versos de Souto lidos tamén tiñan a ver co mar. Os docentes foron guiados até o bar “O Cornecho”, que Paco Souto rexentou e converteu nun lugar de exposicións, recitáis, coloquios e como centro de cultura na vila. Neste lugar lembrouse toda a etapa compostelá do poeta e o seu vínculo cos proxectos Edicións do Dragón e Letras de Cal, dos que foi a alma mater. Os versos nesta ocasión referíronse a espazos composteláns que aparecen na súa obra.

O miradoiro do Caldeirón deu pé a que o poeta Paco de Tano explícase a xestación deste proxecto editorial e cultural que así se denomina, sempre complementado cos versos do homenaxeado.

Despois de xantaren, a xornada de tarde principiou cun achegamento á contorna da capela de Santo Hadrián e ás Illas Sisargas, que serviu de argumento para falar do premio de poesía erótica que leva o nome do arquipélago e foron lidos varios poemas de Paco Souto do seu libro “E alentar a túa rosa”, que fora accésit no devandito certame.

O roteiro continuou no EcoMuseo do Forno do Forte para coñecer o labor dos oleiros de Buño, participando nunha visita guiada e nunha demostración práctica. Neste lugar a poeta Rosalía Fernández Rial explicou os últimos proxectos culturais que compartiu con Paco Souto, con especial relevo no multidiscplinar “Proxecto Barro”.

Á tardiña os docentes realizaron a “Ruta dos Muíños de Ardeleiro” até chegar a este conxunto etnográfico de muíños de ribeira, onde novamente os versos de Paco Souto serviron de colofón. Finalmente, o último espazo visitado foi a Illa Percebeira, que tamén dá título a un poema do libro “Fado” (1998) de Paco Souto e, que en certa medida, foi premonitorio. Nun fin de roteiro moi emotivo, este texto foi lido pola súa compañeira Emma Abella Cruz.

Enma Cruz Abella no Miro Villar no Roteiro Literario polos espazos vitais de Paco Souto-Foto-Carlos Rodriguez Perez copia
Enma Cruz Abella no Roteiro Literario polos espazos vitais de Paco Souto-Foto-Carlos Rodriguez Perez

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Comentarios