Venres. 11.10.2024
El tiempo

Nieves e Hadrián encabezarán unha cadea humana por unha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria

Nieves e Hadrián encabezarán unha cadea humana por unha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria

12 do 12 ás 12

Cadea Humana pola Atencion educativa Domiciliaria

Data simbólica (12 de decembro de 2015, ás 12 da mañá) para a cadea humana en Malpica que artellan as ANPAS Galegas, a prol dunha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria para aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade.

As ANPAS esixen que se elabore unha normativa que estableza cal debe ser a atención necesaria para cada nena ou neno enfermos. E propoñen cifras concretas: fixar un estándar de 12,5 horas semanais.

Así, para solventar o abandono e a falta de coordinación da educación hospitalaria e domiciliaria, piden á Consellería de Educación convocar unha comisión onde estean presentes todos os posibles actores destas situacións: profesorado, nomeadamente aqueles que xa contan con experiencia nesta atención, familias, administración sanitaria e educativa, ademais de profesionais das ciencias da educación.

Reunión no Parlamento

Nieves Hadrian e as ANPAS Galegas no Parlamento Galego Nieves, Hadrián e as ANPAS Galegas no Parlamento Galego

Este pasado 2o de novembro as ANPGAS Galegas estiveron xunto a Nieves Villar e o seu fillo Hadrián, no Parlamento de Galicia e falando cos grupos da oposición parlamentar. Deputados do grupo mixto, do BNG, PSG e AGE, escoitaron as demandas.

Foi Nieves a que comezou falando, resaltando a necesidade dunha "nova regulación da atención educativa domiciliaria que fixe dereitos e obrigas para a administración, e que estableza nun mínimo de 12,5 horas semanais de atención na casa para os nenos ou nenas que se vexan na situación do non poder asistir ás clases ordinarias durante un período prolongado". Unha norma que "non sexa unha simple declaración de intencións, porque as declaracións de intencións, como as que agora mesmo existen con rango de Decreto, só serven para incumprilas", denunciaba.

As ANPAS deixaron enriba da mesa varios pasos que consideran necesarios para mellorar a situación:

  • Establecer un procedemento que vincule a diagnose da enfermidade co inicio das actuacións educativas, sen que a familia teña que ter a máis mínima iniciativa.
  • Dispor dunhas escolas hospitalarias ben dotadas e con capacidade de absorción de todos os casos que aparezan.
  • Ter un corpo de profesores-as que dispoñan da formación específica necesaria, non só académica, que poidan cubrir estas necesidades.
  • Organizar un sistema de comunicación entre o alumno na casa, o profesor hospitalario ou domiciliario, a familia, e o titor dese alumno-a para que ese período no que o neno-a permaneza separado dos seus compañeiros non se converta nunha fase de illamento, senón que se potencie a relación cos seus compañeiros e se garanta a facilidade da súa reincorporación á vida académica cotiá.
  • Atender ao presente, porque agora mesmo hai moitos nenos que precisan unha atención que non teñen; e simultaneamente traballar para o futuro, convocando mesas de traballo nas que as persoas, profesores e alumnos, que teñen a experiencia destes anos teñan a posibilidade de entregar eses coñecementos adquiridos, e dar entrada nesas mesas a especialistas da sanidade, da pedagoxía e da psicoloxía, xunto coas familias.
  • Abrir o debate á sociedade, para que tamén serva de xeito de concienciación sobre toda a diversidade, e sobre a necesidade urxente que temos de atendela e incluíla.

Curiosas as conclusións ás que chegaron os membros das ANPAS Galegas tras falar ca prensa: "Sorprendémonos do descoñecemento que existe desta circunstancia e da inexistencia de solucións administrativas á mesma. As preguntas que se nos fan en xeral, e as reflexións que algún xornalista realiza, deixan ben as claras que estamos acertando de cheo na reivindicación da cobertura destas necesidades educativas, porque a desatención pública e mesmo social que teñen as familias que se ven nesta situación é absoluta".

Durante a rolda de prensa, unha Nieves claramente reivindicativa anunciou que ela non pensa asistir á reunión do grupo popular do parlamento, que terá lugar o próximo luns ás 12:00, porque considera que se o conselleiro que este grupo soporta politicamente non a recibe, ela tampouco ten porque recibilos a eles.

Novas relacionadas     Fonte

Comentarios