Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O Certame de poesía Illas Sisargas xa é de "Dominio Público"

O Certame de poesía Illas Sisargas xa é de "Dominio Público"
O arousan Ramon Nieto ganou o premio de Poesia Illas Sisargas 2013

Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

Antes, o acto tivou dous puntos de interese. José Estévez acodeu como autor invitado e puido presentar o seu libro "Flirteando no Feisbu". Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é "Chamádeme Eva", da escritora Mercedes Leobalde García.

Chamademe Eva de Mercedes Leobalde ganadora do Certame de poesia Illas Sisargas 2012

Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A.C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título "Dominio Público" que resultou ser do escritor Ramón Nieto.

A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e "realidade". Todo o dito fai de "Dominio público" un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.

Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título "Ode à Madison Ivy"e outras coisas de meter", da escritora Verónica Martínez Delgado.

E antes de rematar, deixamos uns datos do autor gañador:

Ramón Nieto

Ramón Neto nace na Illa de Arousa no 1975. Licénciase en Filoloxía Inglesa pola USC, cun último ano de estudos na universidade francófona de Bruxelas (ULB). Desde o 1998 reside nesta cidade exercendo a docencia.
O seu primeiro libro, A estación única dunha illa, recibe o XXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé no 2009, sendo publicado por Espiral Maior no ano seguinte. Progresivamente vai descubrindo a literatura de expresión neerlandesa e realiza traducións de autores flamengos. No 2012, tras a consecución do XVI Premio de Poesía Miguel González Garcés, o poemario As lavandas adáptanse a todo erro de navegación sae editado pola Deputación da Coruña.
Coa obra Dominio Público acada o VIII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas (2013).

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Malpica.

Comentarios