O PP de Malpica propón unha rúa para honrar a Alfredo Mato ‘Arranchado’

O Partido Popular de Malpica proporá nomear a unha das rúas do municipio co nome de Alfredo Mato Outeiro ‘Arranchado’, finado o pasado mes de setembro.
Con esta medida, que será trasladada ao resto de agrupacións políticas, os populares malpicáns buscan manter vivo o legado dunha persoa “xenerosa”, tal e como o define o presidente dos populares e alcalde de Malpica, Eduardo Parga.
Electricista e mariñeiro de profesión, oficios que mesmo chegou a compaxinar, Mato Outeiro foi un home fondamente vencellado á cultura e ao deporte da localidade xa que foi membro da directiva do Malpica SCD durante máis dunha década e formou parte da comisión de festas vinte e cinco anos.
O seu carácter altruísta levouno a dedicar servizo durante máis de vinte anos en Protección Civil, a ser responsable de base da Cruz Vermella na localidade e a prestar colaboración na igrexa parroquial.
O alcalde, Eduardo Parga, indicou que “Arranchado foi unha persoa que sempre estivo aí para todo aquel que o precisase, sen escatimar nunca un
esforzo. Por iso, queremos manter con vida os seus valores, e asumir a responsabilidade de facelos perdurar”.