O remamente de Malpica utilizarase para obras, non para a campaña de axuda ao comercio que pedía o PSOE
Celebrábase onte un pleno extraordinario en Malpica no que o PSOE levaba a proposta de investir boa parte dos 2 millóns de remantente nunha campaña para o comercio. A proposta do PSOE non saiu adiante polos votos en contra do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, ademais da abstención do BNG.
O grupo socilalista explicou que “a nosa era un exercicio de responsabilidade fronte á paralise na que está o Concello de Malpica, derivada dunha moción de censura que foi unha vergonza”, asegurou Walter Pardo, pero tamén insistiu, en clave de “oposición construtiva e progresista”, que “confiamos en que a nosa insistencia sirva para que se use o remanente nas próximas semanas, non pode ser que os cartos sigan no banco con todas as necesidades que temos”, apuntou.
O goberno local asegurou que irá utilizando o remanente para obras nas parroquias.
Pola banda, o BNG presentaba tamén unha moción de urxencia “para a elaboración dun plan galego de reactivación económica” na que pedían pedirlle ao Ministerio poder facer uso do remanente de tesouraría para gastos xerais.
Dita moción, presentada polo BNG, foi aprobada por maioría votando a favor PSOE, BNG e o concelleiro non-adscrito e coa abstención do grupo popular. Deste xeito, o grupo si considera necesario usar o remanente pero formúlase dúas cuestións: "Que porcentaxe de remanente se debe desbloquear para o seu investimento? Canto se debe gastar do remanente?", sinala Miguel Varela.
Varela explica a súa abstención na moción presentada polo PSOE por ser "un gasto marcadamente electoralista, que non segue uns mínimos criterios de actuacións planificadas e programadas".
E nese sentido consideran dende o BNG máis importantes outras prioridades como un Plan de Saneamento Integral nas parroquias, a implantación de políticas sustentables compatibles coa conservación do medio ambiente e o aforro enerxético; e de políticas sociais de atención ás persoas maiores, persoas dependentes e á igualdade social.,