Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Comité de Xeal pide unha reunión coa Xunta para preguntarlle sobre a nova estación de bombeo da Ruña

Monte da Runa-Mazaricos-Foto-Francisco Santiago Lopez
Imaxe dende o Monte da Ruña-Foto-Francisco Santiago Lopez
O Comité de Xeal pide unha reunión coa Xunta para preguntarlle sobre a nova estación de bombeo da Ruña

Levan meses pedindo unha reunión co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía e Empresa, Francisco Conde, para esixirlle que interveña no desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría. Pero agora, o Comité de Empresa de XEAL suma unha nova cuestión que preguntarlle ao responsable da Xunta: a a estación de bombeo que a empresa quere construír no monte da Ruña, como anunciabamos a semana pasada.

O Comité entende a intención da empresa como un proceso de “ampliar o negocio enerxético, cando leva anos recortando a actividade nas fábricas de ferroaliaxes”, como o ratifica a nova paralización do forno 14 o pasado 5 de marzo, o único que se mantiña activo para a fabricación de ferroaliaxes na fábrica de Brens.

”Dende o primeiro momento, este comité denunciou que o único interese do fondo de investimentos norteamericano era o negocio enerxético e que con esa operación se estaba comprometendo a viabilidade das fábricas e dos empregos. Por iso, entendemos que sería un grave desprezo a toda a comarca que a Xunta de Galiza autorizara este proxecto para que XEAL gañe aínda máis cartos a conta de producir electricidade”, denuncian os traballadores.

Lembran que “XEAL xa se beneficia dunhas concesións públicas para a xeración de enerxía hidroeléctrica”, e critican que a empresa, dende a “fraudulenta operación de compra-venda entre FerroAtlántica e TPG-Ithaka en agosto 2019”, “a dirección incumpre as condicións esenciais das concesións” que vincula a produción hidroeléctrica co mantemento dos postos de traballo das fábricas.

Preguntarán ademais polo impacto ambiental e social que este proxecto pode supor na zona.

Por iso, reclaman do conselleiro que atenda esta nova solicitude de reunión e ”deixe de eludir as súas responsabilidades ante a desfeita industrial e social que estamos a vivir na comarca”.

Novas relacionadas

Comentarios