Máis apoios para que a “Plataforma Salvemos A Ruña” poida parar o proxecto da estación de bombeo
Continúa recadando apoios a Plataforma Salvemos A Ruña, para intentar paralizar o proxecto de estación reversible de bombeo que XEAL pretende construír no monte da Ruña no Concello de Mazaricos. Despois da Asociación Monte Pindo Parque Natural, é a Asociación eco-social e cultural Boca de Sapo de Corcubión a que quere amosar o seu apoio á plataforma.
A entidade valora a riqueza natural dos montes da Ruña, que “destacan por albergar ecosistemas naturais conformados por brañas e prados de sega en mosaico, con bosque atlántico e de ribeira xunto con aproveitamentos agrogandeiros tradicionais e de alto valor ecolóxico”.
A entidade lembra que esta zona xa sobre a ameaza das grandes poligonais eólicas, e considera un grave risco para os ecosistemas a construción dun encoro e un gran muro de contención das augas mesmo enriba dos lugares de Arcos, Enxilde, Xían, Gándara, Furiño e Castrelo. “Para levar a cabo este plan, as obras requirirán de enormes movementos de terras nas vertentes máis ricas en pastos, humidais, fontes e mananciais desta zona da Ruña”, sinalan, valorando o proxecto como “unha verdadeira atrocidade medioambiental”, cunha “intención meramente especulativa que non achega ningún beneficio para o Concello de Mazaricos”.
NOVAS RELACIONADAS
- Agosto 22: A Plataforma "Salvemos A Ruña" nace con apoios.
- Agosto 22: O PSOE pregunta no Parlamento pola estación de bombeo da Ruña.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.
- Marzo 22: XEAL pretende construír unha estación de bombeo no monte da Ruña.