Mazaricos prende os fogóns para os 20 anos da Festa do Bolo do Pote


En Mazaricos xa prenderon os fogóns para a XX Edición da Festa do Bolo do Pote. Fixérono onte os peques cociñeiros da zona, cun obradoiro de cociña, e en breve xa lle toca ás cociñeiras da Asociación de Amas de Casa.
Serán seis os locais que ofrecerán a degustación deste particular bocado durante as xornadas desta fin de semana de sábado 3 e domingo 4 de marzo. Do mesmo xeito, o domingo as e os visitantes poderán probar os bolos, saídos das mans da Asociación das Amas de Casa, na carpa habilitada para esta fin. A festa estará amenizada polo grupo de gaiteiros O Verán e a charangas Os Jalácticos.
Desde a Asociación das Amas de Casa sinalan que “o obxectivo é superar as 2000 racións”. As expertas no bolo explican que “a preparación dos bolos do pote resulta aparentemente sinxela, aínda que cada cociñeiro ten o seu segredo para facer este prato”. Ao fío disto engaden que “a base para a súa elaboración é a fariña de millo mesturada coa de centeo, que proporcionan consistencia”. Logo “pode nempregarse anacos de touciño entrefebrado, chourizo ou touciño, cos que se prepara un rustrido que dá sabor á masa”. Desde a asociación precisan que o último paso é “darlle forma de bóla e introducilo a cocer na auga fervendo do caldo”. Na carpa da festa servirase acompañado de carne de porco e chourizo.
A novidade desde ano é que as persoas visitantes poderán ver unha exposición de coches mini.
A Festa completa así un completo programa adicado á posta en valor o Bolo do Pote, coa presencia na Feira Xantar, a visita das amas de casa á casa de Rosalía a facer o bolo xunto co afamado cociñeiro Pepe Solla, e o obradoiro de cociña cos nenos “O bolo miúdo”,.

Novas do Bolo do Pote
- O bolo do pote de Mazaricos traspasa a fronteira a idade.
- O Bolo do Pote, un dos 4 produtos da Costa da Morte, estrellas no Xantar Ourense.
- Fitur 17: O Bolo do Pote, estrella no FITUR.
- 2017: A tradición e a troula mesturáronse na Festa do Bolo do Pote de Mazaricos.
- Xantar 2017: O Bolo do Pote triunfou no Xantar.
- Bolo do Pote 2016: 2000 racións de tradición gastronómica na Festa do Bolo do Pote de Mazaricos.
- Xantar 2016: Mazaricos triunfa no Salón Internacional de Turismo Gastronómico cos bolos do pote.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)