O río Beba
Este sábado a partir das 10:30 da mañá teremos na casa de cultura unhas xornadas sobre Agricultura e Custoria fluvial, onde se fará fincapé na importancia dun desenvolvemento agrario sostible que sexa compatible coa conservación dos nosos ríos e de todo o que os rodea. Contaremos coa presenza de Juan Castro (investigador do CIAM) que falará sobre boas prácticas agrarias para evitar a contaminación das augas; Rafa García (responsable de vendas agrogandeiras de CLUM) fará outro tanto sobre O Futuro do valor engadido do leite estará no Gandeiro; e Eloi Rodríguez (garda fluvial de Augas de Galicia) rematará cunha comunicación que tratará da Degradación dos Bosques de Ribeira.
Tomando como pretexto este evento, nos parágrafos que seguen vou lembrar os principais valores dun dos nosos ríos máis importantes: o Beba.
Nace o río Beba nos arredores da aldea de San Cristovo, e baixo este padroado a súa viaxe pola nosa terra ten que ser feliz, pracenteira e por suposto chegar a boa fin. En San Cristovo atopamos o primeiro cruceiro dunha longa serie de catorce, tantos coma estacións ten o viacrucis que, ou nas orelas ou algo afastados, acompañaran o fluír das augas ata a súa desembocadura.
Na entrada de Suevos temos un dos cruceiros máis espectaculares de Galicia, un desencravo atribuído a Francisco Rodeiro e levantado pola familia dos Ciroláns en 1861.
A unión do Xallas e do Beba bendicida polo cruceiro de Vilar de Colúns
Dende o cruceiro seguimos ao longo do río ata a chamada “Pontesequelo”, conxunto paisaxístico formado por unha pequena carballeira, unha presa e unha pontella de lousas, este lugar é moi apropiado para descansar unha folga da nosa viaxe aloumiñados polo correr das augas, e resgardados de chuvias, de soles e de ventos polo espeso arboredo.
Deixamos Suevos e pasamos dunha zona algo amesetada ao inicio do val propiamente dito. O río comeza a baixar formando congostras e valgadas cubertas por frondosa vexetación e pequenos herbais. Esta depresión, este afondamento do terreo foi denominado polos romanos “Kaurio”, de aí provén o nome da parroquia que non ten nada que ver, como moitos pensan, co pelexo que nos cobre.
Continuando o noso camiñar en Fírvado achamos unha fermosa fervenza onde o bater das augas semella unha inmensa caldeira a ferver, este líquido gurgullar está na orixe do topónimo desta aldea. Río abaixo atopamos unha ringleira de muíños, sete polo menos, que segundo di a tradición popular, a auga collida no máis de abaixo, despois de ter pasado polos outros seis, é boa para librar do mal aire aos enfeitizados.
No percorrido que temos marcado chegamos á Ponte de Coiro onde temos outro cruceiro, neste caso erguido polos Cacheiros de Fornís. A partir deste encrave a vexetación faise máis espesa, formando unha carballeira continua ata o lughar de Beba. Dende aquí podemos subir a forte pendente que nos separa de Coiro: a cabeza da parroquia coa súa igrexa de tres naves e unha colección de retablos pétreos de grande interese. Seguindo o curso do río achamos os muíños de Lema, os do “Maestro” e a ponte de Vilar, neste momento medio caída. Afastándonos do decorrer das augas, a pouca distancia, temos Vilar de Coiro coa súa capela de finais do século XVIII dedicada ao Anxo da Garda.
E así chegamos a Beba, unha das paradas principais da nosa viaxe. Situada sobre unha lomba que se debruza preguizosamente en doces valgadas cara o Río Grande (Beba), o Río Pequeno e o rego de Senracoba. Descenso interrompido por valados e chanzos que forman terrazas, humanizando e mellorando o aproveitamento agropecuario dos predios para herbais e labradíos. Sobraríannos motivos para achegarnos ata esta aldea: o seu castro coroando o monte do mesmo nome; os trazos románicos que aínda conserva a súa igrexa parroquial; o Pazo de Fontán, a única construción deste tipo que temos en todo o Concello; o feito de que aquí estivera o Xulgado de Paz dende a súa creación en 1855 ata o seu traslado Á Picota no 1952; a capitalidade municipal que ostentou entre 1902 e 1924; e Rebeiroa, a industria mazaricá máis importante. A todos estes motivos temos que engadir ou as fermosas beiras do seu río que protagoniza estas liñas, sombreadas nun pequeno treito pola Carballeira do Morousón, noutros tempos de propiedade rexia; e pouco máis alá da Ponte de Abaixo temos O Muíño Grande que nos lembra con nostalxia a actividade e a alegría dos tempos nos as agras estaban ateigadas de millo do país e os seus reducidos non paraban de virar.
Pasamos por Agar e Outeiro de Bois, e entre agras cada vez máis chans e alongadas achegámonos á parroquia de Colúns que nos saúda na Pontenova co seu pracenteiro complexo recreativo composto por un merendeiro, unha praia fluvial, uns muíños e a ponte de tradición medieval que lle da nome ao lughar.
A Pontenova coa súa praia fluvial
O río segue o seu curso, sen presa, polo val largacío e espallado. Deixa ao seu paso A Choupana: cun campo no medio coma unha praza maior, o frondoso carballo e a Casa da Báscula, testemuñas da que fora sonada feira. Cives, onde tivo xuíz, cárcere e priorado o antigo mosteiro de Toxosoutos; Colúns, coa súa igrexa neoclásica, rodeada polo abrazo de Xesús e San Francisco do singular cruceiro, o recordatorio de paz e boa nova da oliveira, e a recia fortaleza dos carballos da beira de río.
E chegamos á fin da viaxe, en Vilar achamos o último cruceiro deste percorrido. Levantado pola familia do “Maestro” de Vilar de Coiro en lembranza dunha muller daquela casa que caeu ao río nas inmediacións da súa aldea e foi empuxada polas correntes ata botala fóra onde se atopa a cruz. Neste mesmo lugar, entre xuncos, mulimes, salgueiros e abeneiros, o Beba vaise enxertando no pai Xallas, para darlle renovadas forzas que regarán outras terras e ribeiras nas que frutificaran, non só as colleitas, senón tamén os quilovatios.
- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO
- As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín
- Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta
- O Santuario de Virxindón de Quintáns.
- 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras.
- O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos
- O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70.
- Tania Fuegho, o lume de Mazaricos.
- Pero onde está Mazaricos?.