A piques de comezar as obras de ampliación da nave de Protección Civil de Mazaricos
Trala aprobación en pleno o pasado novembro, onte asinaba o alcalde de Mazaricos Juan Blanco o convenio de colaboración con Valentín Gonzalez Formoso, presidente da Deputación, para o financiamento das obras da reforma e ampliación do edificio de Protección Civil da Picota.
A Agrupación necesita un espazo propio para almacenar todo o material que a día de hoxe gardan nunha nave en aluguer. Deste xeito, a nave será ampliada e crearase unha nova estanza entre o acceso e o corpo posterior para albergar unha cociña con zona de estar e habilitarase outro espazo entre os corpos de cocheiras e o posterior que se usará como almacén e garda de cans. Ademais, modificarase a distribución interior creando unha zona de lavado e secado de roupa, outra de almacenaxe de equipos e roupas de traballo, e as cocheiras transformaranse nunha área de organización.
Por outra banda, a proposta prevé manter a estética exterior do edificio aínda que se substituirá a cuberta plana sobre o acceso e zona de control por outra a unha auga como prolongación da que se sitúa sobre as cocheiras, co fin de solucionar as filtracións de auga que se producen actualmente.
Proxéctase, así mesmo, unha nave auxiliar ao carón ao edificio e que se destinará ao almacenamento de material e estacionamento de vehículos, cunha parte destinada a Protección Civil mentres que o resto será para o uso por parte da brigada de obras municipal.
A actuación conta cun orzamento de 124.999 euros dos que a administración provincial aportara 100.000 euros, o 80% do total.