Pouca, pero escollida, presencia costeira entre os nomeados para os Mestre Mateo 2013
Esta mañá de venres 15 de febreiro, Luís Tosar e Camila Bossa deron lectura á lista definitiva de nomeados para os Premios Mestre Mateo 2013, que outorga a Academia Audiovisual Galega. E como non podía ser doutro xeito, estivemos atentos á participación de artistas da Costa da Morte nestes #PMM13.
Uns premios que este ano queren render unha fermosa homenaxe a toda unha xeneración: O Xabarín Club leva o Premio de Honra nos Premios Mestre Mateo 2013!
O caso é que a presencia costeira non é demasiado numerosa. Se ben pode que se nos escape alguén (non deixen de informarnos, por favor, se notades algunha falta), temos que destacar varias presencias. Como a do mazaricán Federico Pérez, que foi nomeado para a Mellor Interpretación Masculina Protagonista por Era Visto!, tamén nomeada á Mellor Serie. Estará acompañado de grandes da tele galega como Antonio Durán 'Morris' por Padre Casares, Luis Iglesia por Matalobos, Luis Tosar por Operación E.
Ademais, notamos a presencia, e forte presencia, de Vilamor, filme cunha importante participación costeira, e que saíu nomeada como Mellor Longametraxe xunto a Invasor, Lobos de Arga e O Apóstolo. Ademais Vilamor tamén está nomeada para a Mellor Montaxe con Guillermo Represa, á Música Orixinal de Zeltia Montes.
Non faltan de novo os Crebinsky, triunfadores xa nos premios do ano pasado, na categoría de Mellor Videoclip pola Banda Crebinsky.
E non queremos esquecer a unha persoa con moita vinculación ca nosa bisbarra. Hai pouco falabamos con Xosé Touriñán sobre a súa relación coa Costa da Morte e xa o puidemos facer fillo adoptivo da zona. Este grande do audiovisual galego está nomeado pola Categoría de Mellor Comunicador/a de TV, e terá que lidiar con: Ana Pérez, Fernanda Tabarés e María Solar.
Ademais, e como non podía ser doutro xeito, Tourilandia, na que traballan Fede e Touriñán entre outros, tamén foi nomeado como Mellor Programa de TV.
Máis información
Novas relacionadas
- 4 actores da Costa da Morte invanden a gran pantalla cunha Personal Movie.
- A caravana Vilamor chega a Cee con actores da Costa.
- Xosé Touriñán: “Sempre que podo veño airear a cabeza á Costa da Morte”.
- Touripartido en Mazaricos.
- Premios Mestre Mateo 2011: Os Crebinski triunfan nos Mestre Mateo.
- Entrevista con Santi Romay, un malpicán en todos os “fregaos”.
- Víctor Mosqueira gaña un novo galardón.
- O actor esteirán Pico recibe un novo premio internacional como o mariñeiro Simbad.
- Da Galicia de Fisterra á Galicjia dos Cárpatos pasando por Baio.
- Toño Casais, novo Presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
- Redacción de QPC ([email protected]).