Suso Jurjo recupera a Marqueta, un xogo popular de Mazaricos

Un luxo volver compartir estas liñas de recuperación histórica e patrimonial que o técnico de cultura do Concello de Mazaricos, Suso Jurjo, fai polas redes. Desta volta, a historia vén en clave lúdica, xun xogo tradicional moi peculiar.
A Marqueta, un xogo popular de Mazaricos
Debuxo do propio Suso Jurjo sobre a marqueta A marqueta era un dos xogos tradicionais máis característicos de Mazaricos. Hoxe descoñecido para a maioría dos nosos/as rapaces e rapazas debido a influencia da televisión sobre as prácticas deportivas, os xogos e os pasatempos. Como a maioría dos costumes populares do noso País non contamos con documentación sobre o inicio e evolución da marqueta. Gústanos pensar que a súa orixe está nos “marcos” que serven de deslinde entre as diferentes fincas. Durante a nenez e a xuventude eran posibles espazos de liberdade e permisividade, onde os xogos e trasnadas da rapazada podían chegar a transgredir ou ridiculizar un dos dereitos máis enraizados da comunidade labrega , a inviolabilidade da propiedade. Guindar “marcos” a pedradas e xogar coas acolleitas puido ser o xerme da marqueta, un símbolo de oposición as normas dos maiores, pero só iso, xa que o desenvolvemento do xogo real é totalmente inofensivo.
REGULAMENTO
- ELEMENTOS DO XOGO: - Marqueta: Pedra plana de forma rectangular tipo “tellota”, sobre a que se fai puntería. - Rebolo: Pedra pequeneira e arredondada, tipo “seixo”, coa que os xogadores intentan guindar a marqueta.
- CAMPO DE XOGO: Pódese xogar en calquera sitio minimamente espallado: un herbal, un camiño, unha eira … Nun dos extremos do terreo colócase a marqueta en posición vertical, normalmente apoiada nunha pedra máis pequena que axuda a sostela. Desde a marqueta cóntanse sete pasos e trázase unha raia que será a distancia mínima para facer puntería sobre a marqueta.
- NÚMERO DE XOGADORES: A marqueta é un xogo individual, onde como mínimo fan falla dous participantes, e aínda que non ten un máximo estrito, por criterios de claridade, non deberían superar os 10 xogadores.
- SISTEMA DE PUNTUACIÓN: En cada xogo só pode puntuar un participante. O primeiro que logre guindar a marqueta optará 10 puntos, e o primeiro que consiga 100 puntos gañará a partida.
- DESENVOVEMENTO DO XOGO: Os xogadores sitúanse ao lado da marqueta e desde ese lugar farán o primeiro lanzamento do rebolo á raia marcada con anterioridade, con esta operación establecerase a orde de participación tomando como referencia a distancia existente entre o rebolo e a liña. Empezará primeiro o que quede máis lonxe da raia e así sucesivamente. Despois de sinalada a orde, e outra vez desde a marqueta, realizaran unha segunda tirada ao lugar desde o que queiran facer puntería, quedando descualificados dese xogo os participantes que non superen a raia. Cada xogador intentará tirar a marqueta desde o punto no que caeu o seu rebolo, tirando primeiro o que estea máis lonxe e así sucesivamente. Puntuará o primeiro que logre ghindar a marqueta. Para os seguintes xogos seguirase o mesmo proceso.
- ELIMINATORIAS: Os gañadores de cada partida agruparanse en novos equipos ata que só quede un equipo final do que sairá o campión.
En agosto de 1997 a Asociación de Veciños Monte Picoto da Picota organizara un campionato que tivera unha xenerosa participación. Desenvolvérase no Campo da Feira da capital municipal e o vencedor fora JOSÉ MANUEL ESPERANTE ALVELA (José Manuel de Tanexo da Picota). Pese á boa acollida non se lle dou continuidade a esta iniciativa, e vinte anos despois atopámonos con varias xeracións de rapaces e mozos que, seguramente, nunca oíron falar da marqueta nin saben como xogar a ela. Sería desexable a recuperación deste entretemento tan noso e non menos divertido que tantos outros que están en circulación. Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- O carballo do Adro de San Cosme de Antes.
- Esta si que é muiñada… no Muíño da Chanca, Asenso.
- Unha viaxe histórica ao Entruido de Mazaricos.
- Francisco Suárez Salgado, un mazaricán ao servizo do rexionalismo tradionalista.
- De carballos e de carballeiras.
- 1965: Mazaricáns en Hannover.
- A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos.
- Unha corredoira do lugar de Campelo.
- O Cruceiro do Ciroláns de Suevos.
- As dúas fundacións da Picota: A Taberna Vella e os Riolos de Carnota.
- 2006: Mazaricos, A “Serna” da Galicia Eterna:
- A patria é a terra e mais os mortos.
- A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965.
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.