Xoves. 27.02.2020
El tiempo

Arrincou a Semana da Convicencia do CEIP Ramón Artaza, un fervedoiro de actividades

A Arqueoloxía tamén está presente na Semana da Convivencia no CEIP Ramon Artaza de Muros
A Arqueoloxía tamén está presente na Semana da Convivencia no CEIP Ramon Artaza de Muros
Arrincou a Semana da Convicencia do CEIP Ramón Artaza, un fervedoiro de actividades

Como nos presta achegarnos a eses centros de ensino cheos de vida. Ese é o caso do CEIP Ramón de Artaza de Muros que está inmersa na Semana de Convivencia, que comezaba este luns 27 de xaneiro e será un fervedoiro de actividades ata 4 de febreiro. Unha Semana valorada moi positivamente pola comunidade educativa que o alumnado agarda con entusiasmo.

O centro ten artellado un amplo abano de actividades para todo o alumnado, como obradoiros de empoderamento contra o bullying ou de xestión emocional, xunto con contacontos e espectáculos para o traballo da igualdade e coeducación cos máis pequenos/as, son algunhas das actividades que se levarán a cabo durante esta semana.

Semana da Convivencia no CEIP Ramon Artaza de Muros

Non faltarán as obrigadas accións sobre medio ambiente; e dentro tamén do proxecto do Espantallo Científico, levaranse a cabo actividades como os obradoiros de arqueoloxía, de reciclaxe ou obradoiros científico-plásticos de paneis informativos. Do mesmo xeito, o alumnado dos cursos máis altos, irán expoñer os proxectos científicos levados a cabo durante o primeiro trimestre, aos cursos inferiores.

Outras actividades como o II Campionato de Goalball teñen moito éxito entre o alumnado pero, sen dúbida, a actividade estrela para os rapaces e rapazas, son as xornadas de convivencia que se levan a cabo co alumnado dos outros centros educativos do concello.

Así o mércores 29 de xaneiro os alumnos/as de infantil terán unha xornada de convivencia co alumnado da Escola Infantil de San Xosé. Igualmente, o día 31 será o alumnado de 5º e 6º de primaria os que leven a cabo esta convivencia cos compañeiros do CEIP Ricardo Tobío de Esteiro e o CEIP de Louro. Desenvolverán diferentes actividades e compartirán xogos, o que e lles permitirá coñecerse nun ambiente lúdico e festivo.

O 30 de xaneiro conmemorarase o Día da Paz co izado de un mural, confeccionado durante esta semana, onde as mans dos rapaces/as formarán os aros olímpicos, tema anual do centro. Acompañado da lectura, por parte do alumnado, dun manifesto en favor da Paz.

Complétase a semana con actividades para profesorado e nais/pais. O día 28 o profesorado levará a cabo unha xornada de formación que leva por título “Educando en empoderamento emocional e resilencia” e o martes 4 de febreiro tocaralle a súa quenda as familias cunha charla da man da especialista Lara Arribas que leva por título “Educando con cerebro e corazón: como conectar cos nosos/as fillos/as”.

Á directora do centro, Aurora Rey, convida a todos os pais/nais a aisistir a esta actividade e móstrase satisfeita polo deseño e desenvolvemento desta semana: “froito do traballo coordinado e a alta motivación de gran parte do profesorado do centro”.

Novas relacionadas

comentarios